A aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia en 1981 supuxo un triunfo da vontade popular e unha reivindicación dos valores democráticos que latexaban no seo da sociedade galega. O texto abriu unha nova época dentro do noso territorio, traendo consigo un inédito esplendor cultural, lingüístico e educativo do que hoxe somos herdeiros e debedores. Sen dúbida, as mellores décadas da nosa Historia.
Este ano, co gallo do 40º aniversario da aprobación do Estatuto, debemos reivindicar un documento que mantén hoxe unha inapelable vixencia e unha influencia decisiva na conquista de fitos culturais. Non en van, o Estatuto foi un catalizador de transformación social que contribuíu a proliferar na loita contra o analfabetismo, nas melloras no eido da investigación ou nas producións literarias, cinematográficas ou musicais.
Con todo, a influencia máis grande que podemos testemuñar daquel texto percibímola no maior vehículo de expresión que posuímos como pobo: a nosa lingua. O recoñecemento da súa cooficialidade e a exaltación do seu valor patrimonial restituíu para o galego unha condición que permanecía oculta polo réxime franquista, e dignificou un idioma que hoxe nos vencella a todos a unha identidade común e inequívoca. Un idioma que puido medrar, reforzarse e renovarse seguindo as características líquidas que forman parte de todas as linguas, e que hoxe se emprega con rigor, con creatividade e con naturalidade en todas as esferas da actividade pública e privada.
40 anos despois correspóndenos a todos seguir traballando conxuntamente para facer que prevalezan os valores orixinais que se derivan daquel espírito de renovación, de esperanza e de futuro, que en 1981 deron luz a unha nova forma de ser galegos. O labor de cohesión social que espertou o Estatuto esíxenos un compromiso decidido co que seguir propulsando a sociedade galega e que debe nacer apoiándose en dous vectores clave: a educación e a cultura.
Ambos eidos inciden na propia confección da identidade galega e na perspectiva que temos de canto nos rodea: sen unha base cultural diversa e sen unha educación completa, é imposible acadar novos fitos colectivos. E está claro que, catro décadas despois, estamos realizando os esforzos correctos para seguir desenvolvéndonos como sociedade.
Un 98,4% da sociedade está escolarizada, fronte ao 64% de hai 40 anos; unha de cada 10 mulleres era iletrada entón, e hoxe é un 1,25%. Hai unha diferencia de até un 469% en canto a publicación de libros en galego respecto de 1981. Hoxe hai 600 veces máis traballadores no sector cultural.
Galicia conta con cinco bens que son Patrimonio da Humanidade. Temos a Camilo José Cela, o último Nobel español. Temos a Oliver Laxe, referente cinematográfico a nivel mundial. Temos a Ana Peleteiro, a Roberto Verino, a Cristina Pato, e tantos outros que non collen nestas liñas.
Temos todo o futuro por diante nunha empresa que nos debe seguir situando á vangarda nacional, pero tamén internacional. Neste Ano Santo duplo que terá lugar en 2021 e 2022, contamos cunhas infraestruturas culturais e educativas vigorosas, si, pero que requiren seguir apostando polo seu fortalecemento sen renunciar a quen somos.
A familia galega de hoxe en día non se concibe sen os valores que comezaron naquel aparentemente afastado 1981. E hoxe debemos sentirnos máis orgullosos ca nunca de ser galegos e da Galicia que temos construído. Coa nosa cultura, nas nosas escolas, nos nosos fogares. Convídovos a todos a seguir facéndoo posible.