Estes días está en debate que facer coa Medusa despois do fin da súa concesión como almacén de carbón. 

O BNG sempre avogou por pór en valor a arquitectura industrial e por reutilizar estes espazos unha vez concluída a súa finalidade inicial.  Mais á hora de decidir usos e ubicacións futuras, se queremos debater con rigor e non guiarnos por simples ocorrencias, é importante ter en conta unha serie de aspectos.

Se a Medusa se converteu nunha icona do noso perfil urbano, ou do noso “Skyline“, como agora se adoita dicir, perdería esa referencialidade noutra ubicación. Por iso, o seu traslado do peirao do Centenario, se se producir, tería que xustificarse, de xeito inequívoco, pola súa incompatibilidade coas actividades comerciais e portuarias futuras dese peirao.

A definición dos usos futuros da Medusa debe facerse contando coa cidadanía e a opinión de persoas expertas e é imprescindíbel avaliar cuestións como a súa complementariedade con outros recintos (o Coliseum, por exemplo), o custo económico (incluído o mantemento e a dotación de programación) e a rendabilidade social.

A súa reubicación noutro ámbito sería sempre unha solución máis custosa e calquera ubicación alternativa tería que contemplar un espazo suficiente, boas condicións de accesibilidade e asegurar a súa inserción na contorna sen provocar un grave impacto.

Non se me ocorre, por estes motivos, outro emprazamento distinto ao do ámbito portuario. 

Por iso o destino da Medusa debe estar vencellado á previa definición do futuro dos espazos portuarios que fiquen libres, mantendo os usos e a titularidade pública dos mesmos e procurando a súa coexistencia harmónica coas actividades portuarias que se continúen a desenvolver no porto interior.  

En definitiva, á hora de tomar unha decisión sobre o seu futuro é recomendábel fuxir das ocorrencias e, como di o noso refraneiro, non pór o carro diante dos bois.

Francisco Xesús Jorquera Caselas

Voceiro do Grupo Municipal do BNG