As políticas de transparencia son peares básicos dunha democracia de calidade.  O Concello da Coruña conta cun Regulamento Orgánico de Participación Cidadá no que se concreta, entre outros, o exercicio do dereito a coñecer a actividade municipal. Un dereito, por outra banda, recoñecido pola Lei de transparencia.

Porén, o seu exercicio efectivo contrasta coas queixas de numerosas persoas á hora de efectuar consultas con distintos departamentos municipais.

Por citar un exemplo, persoas que tiñan que realizar consultas para acometer obras de reforma e rehabilitación en vivendas ou edificios son derivadas a formular as súas cuestións por vía telemática e o problema é que logo non reciben resposta.

Mais non menos grave é a denegación de solicitudes de información, un asunto que ten motivado resolucións da Valedora do Pobo de amparo ás persoas ou entidades solicitantes (como aconteceu, en dúas ocasións, con ASCEGA, Asociación de Emprendedores de Galicia). Mesmo hai sentenzas xudiciais que dan a razón á parte demandante, como aconteceu coa CIG, á que se lle denegara información sobre as resolucións ditadas nos nomeamentos de funcionarios en comisión de servizo. 

E é que, ademais, o sistemático nomeamento de funcionarios en comisión de servizo tamén denota falta de transparencia nas políticas de persoal. 

A este respecto, é ben sinalarmos que a normativa en vigor contempla o recurso ás comisións de servizo como algo excepcional e cun alcance temporal moi limitado. Dito doutro xeito: a súa utilización irregular e excesiva fai que o progreso na carreira profesional non se fundamente no mérito e capacidade, senón en consideracións que nada teñen a ver coa valía profesional ou á implicación no traballo.

Deste xeito, nas últimas semanas coñecemos novas sentenzas que consideran non axustado a dereito o nomeamento por parte do Concello de tres directores da unidade de servizos sociais e dun técnico de patrimonio.

Son pronunciamentos dos tribunais que se veñen sumar a outros, como o fallo contra o nomeamento da Xefa de Seguridade Cidadá. Unha designación que provocou que días atrás tivese que comparecer en sede xudicial o concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior. 

Por todas estas razóns no Concello da Coruña é moito o que queda por facer en materia de transparencia.