Que é Galicia? Galicia é un todo con moitas partes e realidades. Somos unha realidade xeográfica territorialmente acotada cos seus contrastes, unha realidade cultural única pero tamén plural e unha realidade social rica e variada.
Todas estas realidades teñen o seu espello no noso sistema educativo: somos un gran colexio que aglutina a unha ampla variedade de familias, nenos e zonas xeográficas baixo o denominador común dun sistema educativo que se caracteriza pola homoxeneidade nos resultados, pola calidade e a equidade. Non o dicimos nós, dino os principais indicadores tanto do Ministerio como o informe PISA. Abonda con mencionar a redución do abandono escolar a mínimos históricos, o feito innegable de ter un dos mellores rateos alumno/profesor do Estado ou que somos a Comunidade máis inclusiva.
Sexa unha aldea, unha vila ou unha cidade; sexa na costa ou no interior, cada galego e cada galega decide o lugar onde quere vivir. E faino coa tranquilidade de que a súa elección non vai condicionar o futuro dos seus fillos e fillas, porque Galicia é un distrito educativo único, coas mesmas potencialidades, servizos, programas e resultados académicos independentemente do lugar onde se viva.
Isto non é froito da casualidade, senón dun esforzo compartido. A cidadanía cos recursos que achega no seu día a día, e a Administración coa xestión eficiente e responsable destes recursos. Grazas a isto, pese á dispersión demográfica, somos a comunidade autónoma co ensino máis próximo, xa que o 93% dos concellos contan cun colexio fronte ao 55% de España. Temos tamén a rede máis ampla de transporte escolar gratuíto para as familias e un servizo de comedor que é dos máis xustos e asequibles do Estado. E nestes momentos, nun contexto de inflación desbocada, vimos de aumentar nun 50% as axudas para libros e material escolar, das que se benefician sete de cada dez familias.
Con todo, non debemos caer no conformismo, máxime na actual realidade de envellecemento e perda de poboación. O reto demográfico e de sostibilidade a nivel de país é tamén un reto educativo de presente que xa estamos abordando desde un enfoque multidisciplinar, tanto académico como de dotación de infraestruturas.
Desde o pasado curso contamos co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, un modelo pioneiro para o deseño de centros educativos máis inclusivos, cómodos, accesibles, eficientes, sostibles e adaptados aos retos da innovación e da tecnoloxía.
Este plan, ao abeiro do cal este verán están a executarse case 400 obras por un importe de 64M€, enlaza directamente coa Estratexia Educación Dixital 2030 para incorporar os mellores recursos docentes para avanzar na calidade educativa desde a transformación dixital. A través dela estamos dotando aos centros de Polos Creativos, espazos de innovación con equipamento especializado.
Todas as accións levan aparellado a dotación de infraestruturas e de medios e o desenvolvemento de programas educativos e complementarios a disposición dos nosos nenos, independentemente de onde residan, garantindo a igualdade de oportunidades e, por tanto, a xustiza social.
Agora só queda botar a andar de novo para seguir facendo do sistema educativo galego un referente en calidade, equidade e inclusión, nese camiño todos avanzamos xuntos.
Bo curso a todos!