A estación á que chega o futuro da Coruña
A conselleira de Infraestructuras aborda o "gran fito" que supuxo para a cidade herculina o inicio das obras da estación intermodal
A nosa razón de ser, tanto como individuos como en calidade de membros de organizacións máis amplas, é, sempre, fixar metas e traballar para acadalas. Nese camiño, resulta tan importante escoller obxectivos que paguen a pena como manter a capacidade de avanzar a pesar dos atrancos.
Hoxe, como conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, como enxeñeira de Camiños e, sobre todo, como coruñesa, celebro enormemente cada ocasión na que decidimos non rendernos e persistir no fin de dotar esta cidade unha estación intermodal adaptada ás súas necesidades e á altura das súas aspiracións.
Esa tenacidade do Goberno galego fixo posible que A Coruña estea, por fin, en condicións de incorporarse ao mapa da intermodalidade do transporte. Cómpre recoñecer e agradecer tamén o labor do persoal técnico autonómico, empeñado en sacar adiante este proxecto cunha paciencia e profesionalidade dignas de eloxio.
Unha das claves do gran fito que supuxo a pasada semana o inicio das obras da estación intermodal é, sen dúbida, a colaboración institucional. A Xunta de Galicia, o Goberno de España e o Concello selamos o compromiso de facer xuntos un gran centro de transporte e situar A Coruña á altura das grandes cidades europeas.
E, ademais, é de xustiza poñer en valor o liderado do Goberno galego no impulso da estación intermodal da Coruña, cunha intervención que o tempo demostrou decisiva. No ano 2009, o alcalde Javier Losada e o ministro José Blanco asinaron un protocolo para desenvolver, sen intervención da Administración autonómica, un proxecto ambicioso que, sen embargo, nunca acadou nin sequera visos de materializarse.
A nova estación de autobuses bota a andar, pero quedan pezas por ensamblarse na intermodal. Agardamos que o Ministerio de Transportes axilice ao máximo os trámites para comezar a executar a transformación da terminal ferroviaria. Tamén, esperamos que o Concello teña todo a punto para dotar este complexo dos accesos que precisa.
A estación intermodal é un trazo básico nesa Coruña que debuxa o seu futuro: unha cidade máis limpa, humana e ordenada. Falamos de unificar as estacións de ferrocarril e de autobuses nun único espazo que permita transbordar entre modos de transporte de forma áxil e segura, facilitando o acceso desde toda a área e a Costa da Morte ata o Eixo Atlántico ou a ese AVE que con tanta ansia agardamos. Tamén, de poñer en valor a contorna da avenida do Ferrocarril e de Sardiñeira e poñer á disposición dos veciños un aparcadoiro de 325 prazas.
Con estas obras, no Goberno galego reafirmamos a nosa vontade de ser parte da cidade da Coruña e de participar con entusiasmo na súa construción. Facemos cidade construíndo vivenda pública, construíndo un hospital público de futuro, o Novo CHUAC, e construíndo un novo centro administrativo e social como o Espazo Amizar. Facemos cidade ao conseguir un compromiso coa conexión ferroviaria de Punta Langosteira, e, tamén, ao poñer sobre a mesa a única alternativa para a recuperación da fachada marítima, garantindo a titularidade pública dos peiraos.
Está en marcha unha nova estación. A ela chegará o futuro da Coruña.