Manteñamos a frota a flote
A conselleira do Mar fai unha defensa do sector pesqueiro, afogado polo veto da Comisión Europea á pesca de fondo, e confía en que o recurso prospere e apoiar así a un dos piares da economía galega
Corre o tempo e o impacto do veto da Comisión Europea á pesca de fondo avanza. Por iso en Galicia defendemos desde o principio que o Executivo estatal debería solicitar a suspensión temporal desta prohibición. Sería un importante apoio e un balón de osíxeno para que o sector puidese continuar coa súa actividade mentres a xurisprudencia europea non se pronuncia sobre o recurso presentado polo Goberno central contra esta medida.
Polo momento non coñecemos detalles do recurso, ata que nuns días se publiquen as liñas xerais de fundamentación desta demanda. Agardamos que as aportacións que realizamos desde Galicia fosen tidas en conta e axuden a acadar os mellores resultados posibles de maneira que o recurso prospere, tal e como prognostican os asesores xurídicos que consultamos.
Trátase dunha cuestión sobre a que pende o futuro da nosa frota que leva traballando durante décadas nas 87 zonas vedadas pola Comisión Europea e que ten unha baixa pegada de carbono. Unha frota que é a primeira en coidar do seu sustento para poder seguir vivindo del.
Persoas sobre as que impactan as decisións arbitrarias e sen suficiente base científica coma esta prohibición que provoca efectos como o solapamento de áreas de traballo motivado pola saída da frota das zonas con restricións a outras nas que xa hai outros buques faenando. Esta medida tamén está a afectar aos resultados da actividade pois, por exemplo, no primeiro mes de restricións, o palangre de fondo en Gran Sol reduciu as capturas un 50% e a facturación en máis dun 20%
Mentres, neste lado do Atlántico seguiremos batallando, porque iso tamén é mostra de que GALICIA SABE AMAR. Amamos ao noso sector marítimo-pesqueiro como el ama o seu medio de vida e non nos rendemos á hora de defendelo alí onde sexa necesario. Nesta carreira abrazámonos á esencia daquilo que escribiu Mario Benedetti sobre non renderse, porque a vida é iso e a viaxe continúa.
Para esta travesía marcamos rumbo firme e mantemos o apoio que brindamos ao Goberno central desde o principio nesta cuestión. Un labor no que son esenciais os datos e as alianzas con outras rexións e Estados para argumentar o sen sentido desta prohibición á pesca de fondo que difire do equilibrio entre os aspectos medioambientais e socioeconómicos que defende a Política Común de Pesca.
Ademais esta medida dista moito do tan cacarexado obxectivo de Bruxelas de acadar unha explotación sustentable dos recursos mariños pois favorece a concentración de buques nas mesmas zonas derivando nunha maior presión pesqueira que prexudica tanto á frota como aos ecosistemas.
Na defensa do sector tamén é vital a vontade que en Galicia abandeiramos desde o principio e da que semellan carecer noutros lares afastados da realidade marítimo-pesqueira. Vontade para protexer e dinamizar o sector e o seu medio de vida, para manter a frota a flote. É o mínimo que podemos facer aquí, en Madrid e Bruxelas por unha actividade que é piar para a economía. En Galicia témolo claro e pedimos a Bruxelas que nos mire e tome nota do que é unha explotación responsable dos recursos mariños baseada na coxestión.