A eliminación da violencia contra as mulleres é un reto de toda a sociedade, unha tarefa conxunta que require unha actuación unitaria e a máxima coordinación. No pouco que vai de 2023 foron asasinadas 8 mulleres, deixando 13 orfos menores de idade. Beatriz é a última vítima galega desta terrible estatística que agocha un dos ataques máis flagrantes aos dereitos fundamentais das persoas.
A esencia da acción pública máis recente está no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero firmado en decembro do 2017, que vincula a todos os partidos políticos, poderes do Estado e sociedade civil, nun compromiso firme en prol dunha política sostida para a erradicación da violencia de xénero en todas as súas formas. Este Pacto supuxo un punto de inflexión, pero precisamos renovar ese acordo e ampliar os obxectivos en materia de sensibilización e prevención; na mellora da resposta institucional; na asistencia, a axuda e a protección das vítimas e dos menores; na formación dos distintos axentes; e na a visualización e atención doutras formas de violencia contra as mulleres, sempre cun firme compromiso económico. Eses son os desafíos e a resposta que a sociedade espera.
Galicia conta desde o 2007 con lexislación propia que establece medidas de información, de sensibilización, de recuperación psicolóxica, de apoio económico, de inserción laboral e de acceso á vivenda dirixidas a mulleres vítimas de violencia de xénero. Esta lei tivo modificacións posteriores para abordar a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual, e máis recentemente avanzamos con cambios para mellorar a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, recoñecendo como vítimas as mulleres que sofren outras formas de violencia exercida sobre as súas fillas ou fillos, ou de outra persoa estreitamente unida a ela, a chamada violencia vicaria.
Temos, pois, unha boa lexislación, pero é necesario mellorar a resposta institucional pensando nas vítimas a través da coordinación e o traballo en rede. É necesario mellorar a resposta institucional a todos os niveis, maximizando o uso do que temos e sabemos que funciona, promovendo ferramentas de apoio no ámbito local, perfeccionando os protocolos de actuación e de comunicación entre os diferentes axentes implicados para evitar a vitimización secundaria. En definitiva, mellorar a confianza das vítimas nas institucións.
Temos tamén os recursos, pero os feitos indican que precisamos maior efectividade no seu uso. Repensar a coordinación e os obxectivos institucionais e sociais pode ser un bo camiño para acadar un novo pacto que consiga minimizar os medos e deixar as mortes en cero, a única cifra admisible. E aínda así, será insuficiente.