25N

25N

Tribuna Abierta

Impulsemos xuntas e xuntos unha sociedade libre de violencias e de desigualdades

Con motivo da celebración do 25-N, a subdelegada do Goberno na Coruña chama a construir uha sociedade que loite contra as desigualdades, en especial a que sofren as mulleres 

Publicada

A violencia machista é unha realidade indiscutible que marca a vida de miles de mulleres. En momentos como os que estamos a vivir, as administracións debemos garantir que as mulleres dispoñan de espazos seguros para denunciar estas formas de violencia, sexan vítimas directas dela ou simples coñecedoras. A realidade é que non debería sorprendernos que sexan miles as mulleres que agora senten a forza para denunciar unha agresión ou un acoso. Porque a violencia machista, a que un home exerce sobre unha muller, con distintas formas e vías, está presente de forma patente e esténdese como un veo a todas as esferas privadas e públicas: na familia, no traballo, na educación, na cultura, ou na política.

O Goberno de España ten entre as súas premisas a loita contra a desigualdade, en especial a que sofren as mulleres neste país: é prioritario na súa axenda política. Unha política transversal que se traduciu neste anos en realidades palpables, en forma de leis e orzamentos. E, sobre todo, na aposta firme por tinguir as políticas públicas dunha verdadeira perspectiva de xénero. Unha aposta que se fai evidente co gran escudo social habilitado polo Goberno que dá espazo destacado a aquelas medidas excepcionais para protexer ás vítimas da violencia de xénero, a nivel policial, asistencial e económico. Isto só e posible cando está detrás un Goberno abertamente comprometido co feminismo, que ten claro que hai que traballar en rede implicando a todos os actores e administracións.

Atendemos, por exemplo, as reclamacións dos concellos, recoñecendo o papel das administracións locais, as máis próximas á cidadanía, nesta loita común. Fixémolo a nivel normativo, devolvendo competencias en materia de violencia de xénero. Fixémolo tamén con orzamentos e con coordinación policial. Desde o ano 2018, sumamos 22 concellos da provincia ao Sistema Viogen de protección e seguimento das vítimas da violencia machista. Grazas a este traballo de explicación e de impulso, que nos impuxemos desde a Subdelegación do Goberno, hai 28 concellos coruñeses con Policía Local que forman parte activa deste sistema.

Tamén contamos cos concellos a nivel institucional e neste 2024, 52 dos concellos da provincia contan xa con Mesas de Coordinación Interinstitucional, nas que se fala e se toman decisións a nivel local contando con todas as voces dun municipio. E, por último, contamos cos concellos para que as campañas de sensibilización e de formación impacten en todo o territorio. Así o estamos a facer este ano coas accións que organizamos na Subdelegación do Goberno na Coruña polo Día Internacional contra a Violencia Machista, que levamos a localidades de toda a provincia en cooperación cos seus gobernos locais.

Avanzamos, si, pero sen perder de vista o realmente importante: as vítimas. Nestes momentos, máis de 2.500 mulleres desta provincia viven baixo a ameaza da violencia machista dentro do sistema Viogen de protección e seguimento. E dúas das mulleres asasinadas este ano en Galicia o foron en localidades coruñesas: Andrea e Mercedes. Son as últimas dunha longa lista con 25 nomes de mulleres que xa non están, ás que arrebatou esta violencia que moitos aínda se empeñan en negar.

A Subdelegación do Goberno na Coruña traballa desde a responsabilidade de impulsar unha sociedade libre de violencias, de desigualdades, nas que as mulleres e nenas desta provincia poidan construír as súas vidas sen temor e con liberdade. Un mandato de acción que empeza polas xeracións máis novas, aquelas que están chamadas a ser o futuro da nosa provincia. Porque si, estamos mellorando a prevención e a atención das vítimas, pero non será suficiente se non traballamos na concienciación das persoas que veñen detrás de nós. De aí o empeño desta Subdelegación en enfocar as actividades do 25N na xente moza, a través dos colexios e institutos da provincia, para seguir avanzando na construción dunha sociedade máis igualitaria.

Nestes días, nos que a violencia de xénero volve encher espazos no panorama público, non podemos ceder e non podemos poñer escusas aos que negan esta realidade ou a aqueles que a minimizan. Nestes días, debemos ser altofalantes das que berran e ser voceiras das que xa non teñen voz. Por Andrea, por Mercedes, por todas as mulleres asasinadas, polas súas familias e por todas as mulleres e nenas desta provincia.

María Rivas 

Licenciada en Sociología por la Universidade de A Coruña con postgrado en Dirección de Recursos Humanos en Empresas, Organizaciones e Instituciones por la UDC. Es funcionaria del Ayuntamiento de A Coruña desde el año 2001. En junio de 2018 asumió la jefatura de Gabinete del Delegado del Gobierno en Galicia hasta su nombramiento como subdelegada del Gobierno en A Coruña en junio de 2021.