Gabri, vocalista de Dakidarría: "A realidade musical galega está nun momento moi rico"
"É unha alegría amosarlle ao mundo que a música galega enche recintos", asegura o vocalista da banda que este venres pecha a primera xornada do Rock in Cambre. O grupo logrou superar o punto de inflexión que supuxo a pandemia e xa pensa no 2023, cando celebrará o seu 20 aniversario
12 agosto, 2022 06:00O Rock in Cambre arranca este venres a súa XXX edición cun cartel completo do que forman parte máis dunha decena de bandas. O festival de rock referente na área da Coruña foi presentado o martes pasado, cando a organización confirmou que Daikidarría será a encargada de pechar dende as 01:30 horas a primeira xornada dun evento que cada ano reúne a miles de persoas no municipio coruñés.
Fundada en 2003, a banda cumpliu a maioría de idade en 2021 mentres ultimaba o seu sexto disco de estudo, Colaxe. Unha proposta coa que o grupo busca homenaxear os estilos dos que beberon dende os seus inicios, segundo explica o vocalista de Dakidarría, Gabriel Reigosa, que indica que a pandemia supuxo un punto de inflexión do que saíron con novas forzas.
Como evoluciounou Dakidarría nestes anos?
Comezou coma unha broma de instituto, que era case unha excusa para non ir a clase e ensaiar nun baixo preto do instituto en Nigrán… Foron pasando os anos e Dakidarría converteuse nun xeito de vivir. É algo que no momento no que iniciou a banda non esperabamos, porque non tiñamos ningunha pretensión máis alá de facer un pouco de ruido e pasalo ben, pero conforme vimos que gañabamos seguidoras e que todo confluía ben, comezamos a darlle forma ao que hoxe é Dakidarría. Estamos contentos e con ganas de chegar ao 2023, que será o noso 20 aniversario, para facer unha boa festa.
O voso 18 aniversario coincidiuvos tamén en pandemia. Como influiu esta situación no grupo?
Influiu moito. No grupo de 2020 eramos seis integrantes e agora dende cando retomamos en 2022 somos nove. Débese a un cambio de formación que tivemos que abordar a raíz da pandemia porque houbo dúas persoas que non poideron continuar. Ata ese momento había un equilibrio entre outros traballos e tempos que a pandemia nos quitou. Hai xente que non puido continuar coa banda porque as novas circunstancias llo impedían.
Tivemos dúas baixas. Nun momento púxose sobre a mesa o deixar a banda, pero decidimos continuar ao grande non suplindo esas dúas baixas senón collendo a tres persoas máis. A pandemia foi un punto de inflexión: cando estabamos nun momento moi bó, no mellor momento histórico de Dakidarría, tocou isto. Cargámonos con forzas novas. Non puidemos facer nada mellor, estamos de novo nun bo momento de forma e cada concerto está sendo máxico, contentos de ter a sorte de poder seguir vivindo deste xeito polo menos uns aniños máis.
O voso último traballo é Colaxe. Que podemos atopar neste disco?
Foi concibido en pandemia e quixemos facer unha homenaxe a esas subculturas das que fomos bebendo durante estos 18 anos. Dakidarría naceu coma unha banda de punk rock pero moi rápidamente e coa entrada de diferentes membros fomos adaptando o noso repertorio a outros estilos: ska, reggae e últimamente elementos electrónicos.
Con Colaxe quixemos ir á base deses diferentes estilos, desas subculturas das que vivimos, para facer ese feixe de cancións que se poden definir mellor dentro dun estilo determinado. Hai cancións moi punk rock, outras moi ska, reggae ou electrónicas, non mesturamos tanto como adoitabamos facer. Buscamos estilos máis puros.
Buscar aquelas primeiras músicas que nos motivaban para facer nacer a banda foi moi bonito. Incluso as colaboracións que viñeron foron persoas ás que xa admirabamos naqueles momentos. É un disco moi heteroxéneo que lle pode gustar tanto á xente á que lle gustaba a primeira etapa de Dakidarría como á que lle gusta máis a última.
Está tendo unha boa acollida.
Si, a acollida está indo moi ben, dentro do diferente que está o mundo do audiovisual dos últimos anos. Nos concertos ves como a xente xa recoñece as cancións, que se van integrando no repertorio. Algunhas van camiño de ser das indispensables nun concerto.
Van a soar estos temas no Rock in Cambre?
Si, nesta xira presentamos bastantes cancións do novo disco. Non todas, porque hai que deixar sitio para os vellos himnos.
Cales serán algúns dos temas cos que poderán gozar os asistentes ao Rock in Cambre?
A mocidade activa, Mil berros, Terra ou A Memoria teñen que estar sempre. Do novo disco presentaremos algunhas. Pobo de artistas non pode faltar, e tamén Somos nós e Arrasadeira, que son as que máis pensadas están para os directos.
Precisamente en Pobo de artistas lograstes a colaboración de moitos artistas galegos. Como cambiou o panorama musical en galego dende os vosos inicios?
Esta canción fíxose por iso, porque víamos que a realidade musical galega estaba nun momento moi rico, no que había diversidade musical. Hai 10 ou 15 anos era inviable atopar un grupo de cumbia, reggaeton ou blues que cantase en galego. Cantaban en galego os folkies e os de música más protestona, rock e ska. Fomos vendo como esta escena foi medrando, como fomos tecendo rede, facendo compañeiras no camiño.
Esta canción é unha homenaxe a todo iso. Dicir estamos xuntas, facendo algo que non se apoia dende as institucións e que está nacendo dende o chan, de raíz, e iso hai que poñelo en valor. Se non o poñen en valor dende arriba, o poñemos en valor dende abaixo, entre nós. Son máis de 50 bandas e 100 artistas as que colaboraron en Pobo de artistas, na que cantamos que non nos van ver desaparecer, que estamos máis fortes ca nunca e creo que é a evidencia disto é a variedade de estilos e de grupos que hai agora mesmo no país cantando en galego.
Este venres actuades no Rock en Cambre. Que significa actuar neste tipo de festivais?
Está ben que os concellos ou pequenos colectivos que organizan festivais conten con grupos do país. Durante moitos anos, parecía que se lle daba máis valor a bandas foráneas cando aquí temos moitísima calidade e grupos que arrastran moita xente. Para nós sempre é unha alegría poder tocar no país e amosarlle ao mundo que a música galega enche recintos.
Estamos moi contentos de poder estar en Cambre. Levabamos varios anos intentando visitar esa praza e por fin parece que este ano se consegue. Tamén hai xente da zona da Coruña que estaba reclamando un concerto de Dakidarría, porque dende a pandemia non visitamos esas terras. Aquí téñeno moi preto, e poderemos atoparnos con moita xente. Temos moitas ganas.