Detrás de Bratzantifa están Marina González e Lucía Amado. Marina vive en Santiago e traballa como docente de secundaria e Lucía, que é técnica de son, vive en Barcelona e traballa nun bar. Xuntas crearon este proxecto que gañou o concurso de Novos Valores que organiza o Festigal.
"Facemos música cun Xiaomi e uns cascos rosas" e "hooligans do blandito" é a divertida e carismática descripción da súa bio de Instagram. Hoxe falamos con estas dúas rapazas que veñen a revolucionar a música galega.
Como xorde este proxecto?
Xurdiu no confinamento, buscando unha opción de ocio diferente da hostelería, e dende aí seguimos pola boa acollida.
Quen está detrás del e a que vos dedicades fora da música?
Pois dúas chavalas de vinte e algo tratando de falar de experiencias comúns, unha de nós e profe e a outra traballa nun bar.
Como se vos ocorreu ese nome?
Polas bonecas Bratz, que foron un referente estético da nosa xeración, pero dándolle un toque ACAB.
Unha cousa que chama a atención da vosa bio é que dicides que facedes música cun Xiaomi e uns cascos rosas, como é o voso proceso de creación?
Xuntámonos, collemos un beat de internet e compoñemos un tema, despois gravamos na cociña en condicions precarias, non somos ningunhas profesionais, consideramos que somos bastante punkis nese sentido.
Definídesvos tamén como hooligans do blandito, como definiriades a vosa música
Tenra pero cun toque canalla, hooligans porque temos moi claro o que pensamos, e blanditas porque non hai nada mais revolucionario que o apoio mutuo e os coidados.
Falades de temas cotiáns, inspirádesvos nas vosas propias vivencias?
Si, gustanos falar dende o día a día. Retratar as nosas vivencias forma parte do noso proxecto. Pensamos que o cotián e suficientemente interesante coma para aproveitalo para a nosa narrativa.
O voso éxito vai ligado ao triunfo no Festigal, esperabádesvos aquilo?
A verdade é que non, pero foi unha sorpresa moi grata. Estamos moi contentas.
Actuastes no escenario principal do Noroeste, tivestes algo de pánico escénico?
Home alí e en todos lados. Sobre todo nun escenario tan grande: cando te ves alí, enchelo coa actuación e non se ve fácil, a verdade.
Fúchedes o Revenidas, supoño que será un soño cumprido
A verdade é que resulta surrealista vir tocar a un festi o que viñemos de público. Un dos concertos nos que mellor o pasamos, sen dúbida.
Estades nun gran momento, pensades no futuro ou só gozades do presente?
O conto é ver como compaxinamos isto cos nosos curros. De momento estivemos centrándonos nos concertos, que cando traballas tamén non se fai fácil. De cara ó futuro gustaríanos seguir, a ver cando quitamos tempo para facer máis temas e así.
Ambas tedes as vosas profesións fóra da música, pero védesvos traballando nisto a tempo completo?
A verdade é que non. En xeral as profesións ligadas o eido artístico son moi precarias e inestabeis. Enfocamos o proxecto coma unha cuestión persoal da que se podemos sacar máis experiencias, mellor que mellor, pero non dun medio para sobrevivir.