El grupo gallego Astarot.

El grupo gallego Astarot. Astrid Souto

Música

Astarot no Folk de Sisalde: "Levamos por bandeira a fusión de rock galego coa música celta"

A banda celebrará 40 anos de traxectoria no 2023 e presenta no popular festival de Arteixo temas do seu novo disco, ‘Baixo a Luz de Breogán’, e os clásicos que nunca faltan

23 septiembre, 2022 06:00

O grupo galego Astarot cumpre 40 anos na música no 2023. Unha traxectoria na que non deixou de fusionar rock con melodías celtas e que este ano suma un novo disco co lanzamento de Baixo a Luz de Breogán e a xira Astarot, a lenda viva do rock galego coa que percorre diferentes vilas e cidades.

O batería da banda, José Manuel Piedra, confesa que o segredo para manterse é adaptarse aos tempos e preparar temas especiais para os seus seguidores. O grupo, que homenaxea a través da súa música a autores da literatura galega como Curros Enríquez, Rosalía de Castro, Federico García Lorca, Xela Arias ou Castelao, actúa no IV Festival Folk de Sisalde en Arteixo.

Estades a punto de facer 40 anos. Cal é o segredo para manterse activos despois de tanto tempo?

O segredo para manter activa unha banda é que os compoñentes vaian todos polo mesmo camiño, somos unha familia. Como en todas as bandas e colectivos musicais, sempre hai cambios e a veces é difícil existir. Pero coido que cada persoa nova que entrou no grupo tomou a mesma dirección: seguir facendo rock, música, e sobre todo seguir facendo cousas novas e estar cos tempos. Cando Astarot empezou no 83 as cousas eran moi diferentes a agora, pero seguimos coidando dos nosos seguidores, da xente que nos ven a ver.

En que momento dirías que está agora mesmo Astarot?

Nun dos mellores. En toda a traxectoria do grupo tivemos un seguidores fieis, pero notamos que duns cinco ou seis anos para aquí, dende que sacamos Séptimo pecado, a xente empezou a preocuparse máis polo grupo, a vir os nosos concertos, a escribirnos… Parece que cos tres últimos traballos tomamos unha dirección máis firme e que a xente iso tamén o veu. Estamos moi contentos.

Aproveitamos a pandemia para preparar o último disco, Baixo a luz de Breogán

Supuxeron estos dous anos de pandemia un freo?

Somos un grupo que xira nos meses de verán, tocamos nos directos en exteriores e é raro que fagamos cousas en interiores. A pandemia afectounos de cara a pechar concertos, pero aproveitámola para preparar o último disco, Baixo a luz de Breogán. Non foi tempo perdido.

Que poden atopar os vosos seguidores neste novo traballo?

Van atopar o que leva Astarot por bandeira: unha fusión de rock galego coa música celta. Hai composicións propias do grupo, e como levamos incluidos nos últimos traballos, algunha versión como Negro caravel de Rosalía de Castro e un clásico como Camariñas, que hai anos que tiñamos ganas de facer e que está funcionando moi ben nas redes. E sobre todo, moitas pinceladas celtas porque tivemos a sorte de contar con Bieito Romero pai, Bieito Romero fillo e Xan Cerqueiro de Luar na Lubre, e iso dalle un toque más galego se cabe ás nosas composicións.

O grupo galego Astarot (Astrid Souto).

O grupo galego Astarot (Astrid Souto).

Hai algún tema más especial ou que estea gustando especialmente?

Polo que estamos vendo en redes e nos directos está funcionando moi ben Luz de Breogán, que é o tema propio que dá nome ao disco. Funcionan Camariñas, Chove en Santiago, Negro Caravel… Teñen videoclip, e ao haber parte audiovisual sempre funcionan un pouquiño mellor. Estamos moi contentos co resultado a curto prazo dende que saiu.

Vamos a poder escoitalas no Festival Folk de Sisalde?

Tocaremos varios temas deste novo disco e faremos un repaso da traxectoria de Astarot. É moi complicado para un grupo con case 40 anos de historia e 10 discos escoller o repertorio, pero temos unha selección dos clásicos que levamos por bandeira aos directos.

Dicías antes que colaborades con Luar na Lubre no último disco e ides estar con eles no festival. Hai unión entre os grupos do panorama musical galego, apoiádesvos entre vós?

É moi bonito que nos levemos ben. Temos moi boa relación con todo o mundo, e con Luar na Lubre foi unha relación especial porque nos coñecimos no Carqueixa Folk Rock que se fai en Laza nun souto, moi bonito. Vimos a Bieito no público e dende aquela temos unha relación moi boa, é unha marabilla cada vez que coincidimos. É un pracer coincidir con eles e con moita xente da música galega, coma Ruxe Ruxe e tantos outros.

Agora os festivais apostan por la música galega, e é bo que o público veña a gozar con nós, do rock e do folk

En que momento consideras que está agora a música galega. Escóitase ou valórase máis que cando comezastes?

Está nun bo momento. Xa non digo no rock, senón tamén no folk, na música celta, no pop… Hai moitas bandas doutros estilos que están funcionando, como Familia Caamagno ou Sés. A música galega, dende hai uns anos para aquí, está se cabe moito máis forte e penso que de aquí para adiante, o estará aínda máis. Penso que os festivais e as romarías apostan pola música de aquí, e iso é algo moi bo.

Como animarías a xente a ir ao Folk de Sisalde?

O Festival de Sisalde é unha pasada e van grupazos como D’Urria e Luar na Lubre. Nós temos a sorte de estar con eles no escenario dun festival de música galega moi bonitiño. Imos pasalo en grande, esperamos ver por alí á xente que nos segue e que segue a música galega. Agora os festivais apostan por ela, e é bo que o público veña a gozar con nós, do rock e do folk.