Javi Maneiro.

Javi Maneiro.

Música

Javi Maneiro, en concerto en A Coruña: "Un bonito despertar é un cambio na vida dunha persoa"

"Escribín o disco oito meses antes do que me pasou, é un disco premonitorio porque o primeiro en cambiar fun eu", asegura o cantante, que actúa este sábado 17 de febreiro no Playa Club

16 febrero, 2024 05:00

Máis de 30 anos de carreira musical avalan a traxectoria de Javi Maneiro, que lanzou o seu cuarto traballo en solitario en 2023 e iniciu este mes de febreiro unha xira que o está a levar polos teatros e salas de varias cidades. O compositor natural da Pobra do Caramiñal e residente en Ribeira presenta de forma íntima Un bonito despertar, no que fala de dar un paso cara adiante, de cambiar a mellor.

Maneiro compuxo o traballo antes de sufrir un accidente cerebrovascular en plena xira de 30 aniversario con Heredeiros da Crus que o afastou dos escenarios. Uns escenarios que o reciben agora cos brazos abertos para gozar deste novo traballo que presenta o sábado 17 de febreiro no Playa Club de A Coruña dende as 22:30 horas. As entradas están á venda e tamén poderán adquirirse o día do concerto.

Que nos conta Javi Maneiro neste novo traballo?

Un bonito despertar é un cambio na vida dunha persoa, fala de deixar atrás unha parte máis escura ou menos feliz da túa vida e dar un paso cara adiante, cambiar a mellor, por iso é un bonito despertar.

Ese é o gran problema da nosa xeración: se non paras e te das conta de que a veces hai que baixar unha marcha, a túa vida corre perigo

Javi Maneiro

Ese é tamén o título dun dos temas, que fala de escapar das malas vibracións. Querías facer un canto á esperanza?

Despois de que che pase algo na túa vida que te fai pensar e dicir "carallo, polos pelos esto se acaba", faiche pensar que o momento de ser feliz é agora. A vida pasa moi rápido e aínda que sexa duro provocar un cambio, a veces hai que facelo antes de que o teu corpo te obrigue.

É unha reflexión sobre os ritmos de vida nos que estamos inmersos.

Sí, a vida vai demasiado rápido e cada vez temos máis problemas a nivel psicolóxico, de estrés, non ter tempo de descanso para un mesmo, estar continuamente traballando. Ese é o gran problema da nosa xeración: se non paras e te das conta de que a veces hai que baixar unha marcha, a túa vida corre perigo. O estrés é malísimo e provoca moitas enfermidades.

Destos cambios tamén falas en Pingüinos, no que fas esa reflexión sobre os cambios na vida dicíndolle aos que te escoiten que o momento de ser felices é agora.

Se puxésemos nunha lista as cancións de como sería o ciclo do cambio na vida dunha persoa, de Un bonito despertar, Pingüinos sería a primeira. E cando te paras a reflexionar sobre a vida e ves que cada vez vai máis rápido, se non das caña quedas atrás ou lévante por diante. Aí é cando un reflexiona e di "eu teño que parar". Aínda que é unha canción lenta máis acústica, é de choque.

"Escribín o disco oito meses antes do que me pasou, é un disco premonitorio porque o primeiro en cambiar fun eu. Agora a palabra clave da miña vida é calma, disfrutar de todo o que fago doutra maneira"

Javi Maneiro

Como foi volver aos escenarios despois dese momento de cambio que viviches tras o accidente cerebrovascular?

Escribín o disco oito meses antes do que me pasou, é un disco premonitorio porque o primeiro en cambiar fun eu. Agora a palabra clave da miña vida é calma, disfrutar de todo o que fago doutra maneira, non me mola ir a correr pola vida, gústame meterme polas corredoiras e quedarme con todos os olores do campo e da praia. Deixei de fumar, fago deporte… Foi un cambio radical.

Saboreas más o momento.

A comida préstame que flipas (risas). Fumaba un paquete ao día e non me sabía ben a comida, agora teño que ter un coidado ao comer… porque me gusta todo. Se engules sen saborear é o mesmo que ir pola vida a toda hostia, vivindo só para traballar. Hai quen vive tendo pouquiño e quen malvive tendo moitísimo.

Ademais desta mensaxe que lanzas de vivir agora, segues fiel a ti mesmo usando o galego con gheada e seseo. É outra mensaxe, sobre todo para a xuventude nun momento no que se seguen a perder falantes?

A canción Non quero bicos sen lingua é unha metáfora que di que solo son bicos de amor os que son con lingua, e que hai que ter coidado de non deixala morrer. É o máximo patrimonio que temos e deberíamos estar orgullosos de ter a nosa propia lingua, hai que saber usala con amor e facerlle saber aos rapaces o que temos dende pequeniños, que namoren do galego. E sobre todo, que se alguén vai ter carreira artística, que valore o seu traballo en galego, que teña exemplos de xente que é capaz de vivir diso.

O cantante e compositor Javi Maneiro (Cedida).

O cantante e compositor Javi Maneiro (Cedida).

Deches dous concertos dentro da xira e o sábado é o terceiro na Coruña. Como te sintes sobre o escenario?

Fantástico, porque penso en min e no bonito que é sentir eu mesmo as miñas cancións para poder transmitirllas á xente. Se solo cantas para que a xente sinta é como facer o amor cunha muñeca inchable. Gústame sentir o que canto, por iso me encanta cantar as miñas propias cancións, para transmitirlle a xente o que sinto e facer o que sinta. Por iso estou facendo salas e teatros, porque son máis íntimos.

Non só lles cantas, tamén lles contas Un bonito despertar.

Claro. Esto está nacendo. Xa levo catro discos en solitario e catro con Jabón Blue, pero aínda estou empezando a mostrarlle a xente e a xente empezando a saber que teño unha carreira á parte da miña banda de sempre. Hai que ir pouquiño a pouco, empezar onde se debe empezar: nas salas e teatros, que é onde se chegas, chegas de verdade. E a xente que se achega a ti, se lle mola, non se vai separar.

Que pode esperar o público deste concerto no Playa Club?

Un concerto súper rockero que vai pasar por fases moi pop. É como saír e ir nunha jamela e remar: vas a atopar calma, un pouco de oleaxe e igual hai momentos de vendaval.

Teño un equipazo ao meu lado. Manu Rey de Heredeiros á batería; Pachi Cruz ao baixo; Iria Iglesias aos teclados; e Rubén Cores, que é o arreglista e o director musical e é un rapaz que cando eu tocaba con Jabón Blue tiña 13 anos levábao a tocar os concertos con nós e agora, pasados 30 anos, está traballando comigo. Alguén a quen admiro moitísimo que é Fernando Calvo, guitarrista de Los Suaves, tamén está na banda e é un honor e un pracer telo comigo.