Aquí tamén se fala naceu coma unha iniciativa de dinamización lingüística do IES Rafael Dieste da Coruña e está a espallarse por toda Galicia e aínda máis aló das fronteiras da propia comunidade galega. Esta semana celébrase un acto ambicioso sobre o que os profesores/as que coordinan este ano o proxecto non dubidan en dicir que "pode ser algo histórico": un festival de música organizado dende o centro polo estudantado que traerá grandes nomes do panorama musical galego a un dos barrios da cidade. Grande Amore, Boyanka Kostova, Leria e Lontreira actuarán o venres 7 na praza da Tolerancia, nunha tarde que seguro será inesquecible.
Moitos establecementos da Coruña aínda teñen nos seus escaparates un pequeno cartel onde se pode ler: Aquí tamén se fala. A campaña naceu hai un ano así: coma unha actividade na que as propias alumnas e alumnos do IES chamaron ás portas dos comercios da cidade cargados con estes carteis para pedirlles que os puxeran nos seus locais, amosando esa frase de aparencia tan sinxela, pero que agocha tanto significado. Conseguiron chegar a centos de comercios só na cidade herculina.
Co paso dos meses Aquí tamén fala ergueuse coma un tsunami que está a chegar a todos os recunchos, até alcanzar 200 institutos de toda Galicia. Pero a campaña foi moito máis aló, pedindo a personalidades da cultura e do mundo do deporte que se sumasen, e actores tan coñecidos como Viggo Mortensen gravaron vídeos nos que reivindicaban esa mesma frase e dicían, sen vergonza e con orgullo: eu tamén falo galego. O proxecto foi recoñecido este ano nos Premios Mil Primaveras e gañou o Premio Rosalía de Castro de Lingua na Coruña.
Con todo, iso foi posible grazas ao traballo dos rapaces e rapazas, que rachan cos prexuízos e se reivindican en galego nun momento no que moitas enquisas amosan que a lingua está a ser cada vez menos falada entre a xente nova. Ademáis, a campaña non nace nun centro calquera, faio nun IES no que conviven alumnos/as de até 25 nacionalidades diferentes.
Diferentes orixes e linguas que converxen nun lugar onde nace a que está a ser unha das máis grandes campañas en defensa do galego nos últimos anos, e impulsada directamente pola mocidade. Algo que, segundo unha das profesoras coordinadoras, demostra "que as barreiras non están na realidade, están nas cabezas". Esa é o maior valor dela: que nace con forza dende o impulso dos propios e propias estudantes, que son os/as protagonistas, e ademáis faio coa intención de que a xente máis nova vexa que as súas accións poden ter un impacto no mundo, e traspasar os muros do propio centro.
Xunto aos alumnos/as son cinco profesores os que coordinan este ano o proxecto, traballando acotío coa mocidade para facelo posible, son: Alberto Pombo, Arcadio González, Mónica Reigía, Andrea Trasancos e Rubén Melide. Falamos con tres deles dos comezos e do futuro deste proxecto que está vivo e con ganas de seguir medrando.
Volvendo aos comezos, como xurdiu o proxecto Aquí tamén se fala?
Alberto Pombo: Comezamos no Rafael Dieste, en 4º de ESO, estabamos descubrindo a historia da A Coruña como cidade galeguista, e os rapaces consideraron que todo iso estaba esmorecido, e aí comezou a prepararse a campaña dos cartaces e a recibir tanto o saúdo dos medios como o interese doutros centros. O ano pasado comezamos a facer unha estratexia de comunicación de maior alcance de cara ao presente curso.
Tivemos a sorte de que apareceron tres compañeiras novas: Mónica Reigía, Andrea Trasancos e Rubén Melide, e con eles máis Arcadio González e eu xa tivemos constituído o equipo deste ano. Aí conseguimos primeiro chegar até 150 centros que se foron sumando sen ser chamados por ninguén e despois de que apareceran os vídeos máis virais, como o de Viggo Mortensen, sumáronse outros 50, e polo tanto van 200. Establecemos contacto tamén cos clubes deportivos, conseguimos falar co Dépor, Celta, Racing, Lugo, Obradoiro, Breogán ou Arenal Emevé, entre outros clubes, e comezamos a facer todo o traballo audiovisual ligado á difusión cultural e buscando a viralidade. E todo este proceso concluía con este festival, que para nós é o momento forte do ano.
Que ten de diferente esta campaña de dinamización lingüística respecto a outras?
Arcadio González: Penso que ten unha vocación de conexión directa coa mocidade, utilizando linguaxes, medios e formas de comunicación que están moi vinculadas ao xeito que ten de comunicarse a xente moza. A campaña ademáis ten unha ambición grande, moi en positivo, e está pensada con moita empatía e para amosar que a través da lingua galega se pode chegar a calquera parte, e incluso a transcender o ámbito máis nacional, mirar incluso ao internacional. Se cadra a campaña tampouco cae en certos lugares comúns das campañas máis institucionais, da comodidade que dá ás veces falar dende unha institución, que nós non a temos, e tentamos ser cada vez máis ambiciosos, e facer algo que nos emocione máis e que esperte a paixón.
Alberto Pombo: Tamén hai unha idea de iniciativa cultural, e de non estar instalados na comodidade, sempre está a intención de ir algo máis lonxe. Xa estamos pensando que facer de cara ao ano próximo. Vanse fechando etapas, coma a dos cartaces, pero seguimos evolucionando. E hai un matiz que, se cadra eu engado, e é que o alumnado está máis presente que en outras iniciativas. O propio equipo de dinamización está constituído por 30 rapaces, e eles mesmos son protagonistas do relato e, por suposto, dende unha construción en positivo, de integración, e creando un modelo que igual pode servir para outros centros, tendo en conta as características migrantes e diversas do noso.
Destacades a implicación da mocidade. Porque é importante que sexa a propia rapazada a que participe dunha campaña coma esta en favor da lingua?
Mónica Reigía: Para min máis que importante é incluso fundamental que a rapazada participe da campaña e que sexa tan protagonista, porque cando ti queres dinamizar a lingua a quen tes que percorrer é á mocidade, ás xeracións que veñen tras de nós, porque xa sabemos que ás veces a lingua galega queda renegada a accións máis antigas, á aldea, aos avós… e hai que rachar con iso e facer que o alumnado sexa o que o incentive e chegue a outros rapaces. Ademáis no noso centro é máis especial porque temos alumnado que vén de fóra, que está exento da lingua galega e aínda así dinamiza a lingua con orgullo e moitísima paixón. Eles están demostrando que as barreiras non están na realidade, están nas cabezas. É a nosa parte máis especial e da que máis presumimos tamén porque é un orgullo que sexan eles os que teñan tanta vontade por un proxecto coma este.
Como foi a implicación da rapazada do IES e que feedback recibides dos outros centros que se sumaron por toda Galicia?
Mónica Reigía: A xente está sendo moi cariñosa co proxecto e fainos moita ilusión xa que detrás hai moitas horas e así tiras máis alegre e con máis motivación. Sobre todo chegan moitísimas mensaxes de profesorado que ve nisto unha inspiración e un camiño do que ir detrás. Ilusiónanse tamén, sobre todo vendo aos rapaces falar galego con esta ilusión.
Esta semana celébrase na coruña o festival de Aquí tamén se fala. Cal é o futuro da iniciativa?Plantexádesvos facer outros actos coma este?
Alberto Pombo: Hai unha que non se pode contar e que chegará en setembro… pero a nosa idea é continuar cos obradorios de formación no audiovisual, facendo que os rapaces tomen máis as rendas das redes sociais, que participen aínda máis do proceso e que poidan comezar a producir novas pezas. Hai unha idea de seguir con esa liña, hai outra de continuar coas gravacións a referentes culturais, e con todo o material de redes, e tamén continuar co festival nos próximos anos. Pero, sobre todo, o que queremos é que non sexan campañas estritamente escolares, que saian dos muros do centro, por iso traballamos na idea de facermos unha campaña o ano próximo que pensamos pode ter moito percorrido.
Despois do camiñado, que valoración facedes do acadado?
Arcadio González: Agora estamos moi ilusionados e nestes días temos unha tremenda ilusión polo festival que, pensamos, pode ser algo histórico non só a nivel nacional, senón europeo, xa que é un festival de música contemporánea que está organizado dende un instituto público e que está feito pola mocidade para a mocidade, e en galego, coa colaboración ademáis de a asociación de veciños do barrio e das tres institucións públicas, Xunta, Concello e Deputación, e de empresas privadas que nos brindan o seu apoio. Polo que temos moitas ganas de ver á xente este venres.
Ademáis, sinalaría o importante que é para nós que as aprendizaxes que teña o alumnado sexan significativas, en canto ao que Alberto dicía sobre que a campaña rompe os muros do instituto, é precisamente iso, eles están aprendendo a facer cousas que non son simplemente un traballo escolar, que o son tamén, pero son algo que impacta na súa contorna, no seu barrio, na sociedade, e incluso a un nivel global, porque teñen contidos que publican en redes que trascenden ese ámbito e van cara ao internacional cunha ambición moi grande. Que vexan que as cousas que fan teñen un significado real e están no mundo real e non só nun entorno escolar, que sempre ten algo de provisional ou de xogo, creo que é moi importante.