Faltan dúas
O subdelegado do Goberno en Pontevedra fai unha reflexión con motivo do 25-N, data para recordar ás vítimas da violencia machista
Fadua e Estela. Dous nomes, dúas vítimas, dous asasinatos no que vai de ano na provincia de Pontevedra. Neste 25 de novembro tócanos lembrar ás vítimas e, coa dor recente, ás dúas últimas. Golpe a golpe, autopsia a autopsia, a violencia machista mata.
España converteuse hai 20 anos nun país que decidiu non resignarse, nin mirar para outro lado. Aprobou unha lei integral contra a violencia machista, a primeira de Europa, e facer todos os esforzos posibles por protexer, amparar e axudar ás mulleres. Pouco despois naceu o sistema policial e xudicial VioGén para crear unha auténtica rede de seguridade.
Na nosa provincia hai 1.700 mulleres amparadas polo sistema VioGén. Pero de nada serven os esforzos das Administracións e o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero se trunfan actitudes frívolas e retrógradas. Ás veces chegan dende a propia política facendo críticas detestables de VioGén. Criticar a VioGén sen ofrecer nada a cambio, por puro partidismo, é tirar pedras contra un tellado que dá cobixo a todas esas mulleres que, sen Viogén, terían medo a saír á rúa. Repugna comprobar que trala utilización das vítimas do terrorismo, achegámonos tamén á utilización das vítimas da violencia de xénero.
Preocúpame tamén outro tipo de frivolidade. Igualmente perniciosa e que chega a través das Redes Sociais. Reivindico a importancia de denunciar. E que se denuncia nas comisarías e nos cuarteis e non no Instagram dunha influencer. Os hashtags e os likes están moi ben, pero moito mellor están as avaliacións de risco, as ordes de afastamento, as medidas cautelares e as sentencias.
É día hoxe para reclamar que todos e todas exerzamos como activistas sociais contra o negacionismo. Que arraiga coa forza dunha herba mala. E que rexeitemos tamén outra forma máis refinada de negacionismo, que é a equidistancia, a veces verbalizada como un punto intermedio entre o machismo e o feminismo. Un punto intermedio que non existe e que camufla ao machismo. Aquí hai que elixir bando.
Non quero lanzar unha mensaxe optimista. Non teño claro que esteamos gañando esta batalla. Hai sinais moi preocupantes de retroceso entre a mocidade. Sinais evidentes desa equidistancia que lava as mans, que mira para outro lado. Ningunha sociedade avanza sen o piar da Educación.
“Métete nos teus asuntos”, “o meu caso é diferente”, “tódalas parellas teñen problemas”, “el é celoso porque quéreme moito”, “mírame o móbil porque non pode vivir sen min”, “ti non o entendes, a nosa relación é intensa e especial”, “está moi arrepentido e prometeume que non o volverá a facer”, “de vez en cando perde a cabeza, pero non é malo”…
O luns é 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Falta un mes para a Noiteboa. Celebrémola, ¡oxalá!, sen que falte ningunha máis.
Abel Losada
Doctor en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela, profesor Titular de Historia e Instituciones Económicas na Universidade de Vigo. Exconcelleiro no Concello de Vigo e actual subdelegado do Goberno en Pontevedra.