Vaia por diante que non estou en contra da globalización, pero si coido que se nos foi das mans.
Estes días participo na Executiva de Amuparna – a Asociación de Municipios con Parques Nacionales- porque a miña localidade, Vilagarcía de Arousa, é unha desas privilexiadas que conta cun tesouro nacional protexido. É curioso que mentres falamos como xestionar, protexer e desfrutar estas paraxes, estamos pendentes tamén doutro encontro que está a producirse a miles de quilómetros e que afecta directamente aos nosos asuntos: a COP26. E vénme á cabeza unha e outra vez algo que me contou hai un par de anos unha amiga periodista:
Entrevistara a Tim Berners-Lee, o creador das tres "w", é dicir, o pai da internet. Estaba impresionada por unha confesión que lle fixo. A miña amiga preguntáralle que opinaba da magnitude que o seu invento alcanzara na historia da humanidade. Berners-Lee contestoulle que cando conseguiu por vez primeira intercambiar información entre computadores era consciente que estaba a crear algo grande, mais que non sabía e segue sen poder prever ata onde poden chegar os efectos da rede, e acto seguido, díxolle que algunhas veces dubidaba se tería sido mellor non creala. Esa confidencia deixouna xeada. Hoxe entendo un pouco esa sensación.
O mundo global. A verdade é que soa ben! Poder falar, coñecer e mesmo ver que está a pasar alén do mundo no mesmo intre cun simple click! Transaccións, reunións, xestións… con calquera lugar do planeta pero sen moverse, só sentando fronte ao computador. Internet cambiou a orde mundial das cousas: os tempos, as distancias, os procedementos, a investigación e, en definitiva, o desenvolvemento. Entre todos os avances, os virtuais e os materiais, derrubamos moitas fronteiras e chegamos á globalización dos nosos días… para o bo e para o malo: o mundo global compartiu un crack económico, unha pandemia e, agora, os titulares falan dun posible bloqueo operativo relacionado coa crise enerxética e a falla de materiais, compoñentes, etc. Aos poucos e sen darnos conta, fixemos un mecanismo tan enmarañado e complexo que limita a nosa capacidade de resolver problemas do propio sistema.
As novas que chegan ata o momento dende a conferencia sobre o cambio climático non son moi alentadoras. Despois da baixada de emisións de CO2 do ano pasado motivada pola pandemia, espérase un efecto rebote que aumente esta agresión ao planeta en case un 5% e o peor é que os compromisos dos distintos países fan pensar que no mellor dos casos conterán a subida dos próximos anos pero non a rebaixarán. EEUU parece que quere volver á senda aínda que non acaba de seguila, os países que tiramos do carro facémolo apoucadamente -medio porque sós non podemos, medio porque non sexa que se resinta moito a nosa comodidade-, os que están en desenvolvemento reclaman o dereito para progresar coma no seu momento fixemos outros, así que nos pasan a factura polo seu sacrificio, por non falar de dous dos principais contaminadores como India ou China, practicamente pechados en banda. Pero os expertos son contundentes: a resposta ten que ser global. Así que combater o cambio climático -que non queda outra- é unha oportunidade para que "globalización" volva ser un termo positivo. Ante este panorama de vontades, pregúntome como.
Non fai tanto (seis anos) que eu era un cidadán sen responsabilidade de goberno e desde esa óptica vía as cousas. Ao entrar na alcaldía empecei a coñecer de primeira man as dificultades do sistema para acadar obxectivos. Como presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias teño outra perspectiva; máis ampla -por canto vexo a fotografía xeral dos Concellos galegos- e en máis ámbitos -ao estreitar o meu traballo cos Gobernos autonómico e do Estado especialmente para combater a COVID19. Non creo que descubra nada a ninguén recoñecendo que o noso sistema, sendo o mellor dos existentes, pódese mellorar.
Estes días quedan ao descuberto as fisuras a escala mundial porque, ou todos a unha ou levamos por diante o planeta e nin con esas controlamos a situación. De verdade vai continuar esta autodestrución? Aínda coñecendo desde dentro que as cousas son máis complicadas do que parecen descártoo, non podo nin quero pensalo.
Eu confío nos valores e no sentido común das persoas. Estou convencido de que a sociedade poñerá o cascabel ao gato porque, réximes totalitarios aparte, a cidadanía é realmente o poder. Os dirixentes fan o que cren que interesa aos seus representados e se se están a equivocar é responsabilidade de cada un facelo ver. A vontade da xente é a que realmente move as cousas. Cada vez son máis as voces que esixen e iso está ben. Independentemente de como chegásemos a esta situación hai que mudala. Por moito que se teña complicado o sistema, por moi dura ou complexa que sexa a transformación hai que ir poñendo solucións enriba da mesa – en todos os niveis- e a cidadanía é a que nos marca aos distintos gobernos as prioridades e se me apuras, a marxe de tempo. Esa é para min a esperanza. E así, coa colaboración de todos e todas, reúnese a forza para reconducir as cousas.
Respecto ao cambio climático; máis aló do que din os expertos descoñezo o grao de irreversibilidade no que nos topamos, o que sei é que cómpre combatelo e que todos e cada un dos que estamos no planeta temos poder, cal sexa, para conseguilo. Queda unha semana de cume.