Son estas boas datas para botar unha ollada ao desenvolvemento do ano coa intención de comprobar que cousas se fixeron ben, cales precisan máis traballo máis e cales cómpre reorientar, a fin de comezar xaneiro con novos pulos e con novas ideas que permitan facer agromar as iniciativas proxectadas.
Foi este un ano de eleccións na Universidade de Vigo. Estas supuxeron unha reafirmación nas liñas mestras marcadas no período anterior, ao recibir un referendo enorme da comunidade universitaria e foron moi duras para o equipo de goberno, pola perda dunha persoa excelente, un compañeiro entrañable e un profesional moi capaz. Quen coñeza a nosa institución, saberá que foi a súa mestría a que nos puxo en disposición de realizar cambios importantes para mellorar a saúde da institución, preparar a universidade do futuro e facer ilusionante a nosa aventura á fronte da reitoría. Cando comezamos hai catro anos e medio, queriamos unha universidade das persoas, con vitalidade; onde os membros da comunidade universitaria fosen conscientes da súa importancia no desenvolvemento de Galicia, orgullosos da calidade que atesoura e felices de formar parte dela.
Este segundo mandato virá marcado por unha continuidade nas liñas de traballo incluídas no primeiro programa de goberno: seguimos querendo unha universidade aberta, participativa e igualitaria; onde se incentive o benestar da nosa xente e onde poidamos desenvolver do mellor xeito posible o noso traballo, como persoal docente e investigador, como persoal de administración e servizos ou coma estudantado.
Por este motivo temos como obxectivo acadar as máximas cotas de calidade, incentivando o traballo das persoas da institución, pero tamén con programas de atracción e de retención de talento, que xa están a dar os seus froitos. Porén, unha vez fixadas as posicións do plan estratéxico, tentaremos ademais ser unha universidade máis internacional, máis galega e máis igualitaria.
Algunha das accións previstas para mudar a nosa universidade xa se puxeron en marcha no segundo semestre do ano. Durante o anterior mandato, a Universidade de Vigo constituíuse nunha institución que aposta forte pola igualdade. Non obstante, percibimos que segue a haber unha diferenza entre homes e mulleres na carreira docente e investigadora, que provoca distincións altamente significativas entre o número de persoas que acadan a condición de profesorado catedrático, por poñer un exemplo.
Os datos indican que non existe ningunha diferenza entre mulleres e homes en canto á súa capacidade de producir avances na investigación (a faceta de todo o traballo realizada polo persoal docente e investigador que máis inflúe na súa promoción) ata o momento da maternidade. En efecto, a partir do parto, a diferenza na produción científica está na base do distinto desenvolvemento da carreira profesional posterior.
Estamos decididos a atopar unha solución e, xa neste semestre, implantamos unha acción positiva realmente innovadora: desenvolvémola coma un plan piloto para os vindeiros anos e medirémola ao final deste. A medida consiste en permitir que o 100 % do tempo no curso seguinte ao da reincorporación tras o parto ou tras a adopción se poida dedicar a tarefas investigadoras, seguido por outro ano no que os labores docentes se limiten a un 50 %.
Tamén este ano se chegou a acordos moi importantes e moi necesarios para afianzar as carreiras investigadoras non ligadas á docencia. Todos eles acadáronse ademais coa participación activa da representación sindical e coa aprobación case unánime dos órganos de goberno (así foi tamén no caso da medida positiva relacionada coa maternidade).
En canto ao persoal de administración e servizos, rematamos o proceso de funcionarización do persoal laboral. Esta iniciativa supuxo un enorme esforzo, tanto da anterior xerencia coma da representación sindical. Ademais suporá, de seguro, unha dobre vantaxe: por unha banda, mellorará as condicións de traballo deste colectivo e, por outra, permitirá racionalizar a posta en marcha dunha futura e máis ambiciosa relación de postos de traballo, unha RPT de futuro pensada para sacar o mellor de nós e para ofertarlles novos servizos á comunidade universitaria e á sociedade no seu conxunto.
No ámbito da xestión, estamos a rematar, cun sobreesforzo importante para varios servizos, a implantación dun novo sistema de xestión de persoal. Estamos expectantes ante os resultados, que farán da nosa unha xestión máis eficiente e máis completa, aínda lamentando que durante este tempo forzaramos os servizos a levar a cabo de xeito simultáneo o traballo habitual coas ferramentas bastante obsoletas das que dispoñiamos e a posta en marcha do novo sistema. Unha situación semellante, probablemente máis intensa aínda, ocorre co arranque do novo sistema de xestión académica, xa comezado, e que esperamos dea os seus froitos a principios do vindeiro curso.
En I+D, o apartado no que máis facilmente se pode ver a evolución da calidade dunha universidade, atopámonos cun ano fantástico. Os tres centros de investigación (o Centro de Investigación Mariña, o Centro de Investigacións Biomédicas e AtlanTTic dedicado ás TIC) renovaron a súa acreditación e forman parte dos oito centros galegos recoñecidos no programa de excelencia da Xunta de Galicia. O centro de investigación CINTECX segue a gañar competitividade e esperamos que poida obter este recoñecemento no futuro.
Ademais, en consonancia coa nosa idea de que rende mellores beneficios colaborar entre as tres universidades públicas galegas que competir, estamos involucrados na presentación de tres centros de investigación interuniversitarios: o CISPAC (relacionado coas humanidades e co seu centro de gravidade en Santiago de Compostela), o CITMAGA (vinculado coas matemáticas e moi distribuído, aínda que con maior peso tamén da USC) e o ECOBAS (do ámbito xurídico-social, cunha fortaleza enorme en estudos de economía e que xorde a partir dunha agrupación estratéxica da nosa universidade).
Os grupos de investigación continúan a súa andaina. Estes fortalecéronse e incrementouse o número de grupos con recoñecemento da Xunta de Galicia tras a súa avaliación. A captación de fondos marcou récords absolutos e chaman especialmente a atención os proxectos europeos de máximo nivel nos que participan investigadores e investigadoras da UVigo, algúns deles como líderes.
Na docencia, deixamos atrás finalmente as medidas antipandemia máis fortes, pero seguimos a aproveitar todo o aprendido durante o confinamento e no tempo máis duro. Temos dúas ferramentas do mellor nivel para o desenvolvemento de tarefas: o Campus Remoto (seguen activas todas as aulas virtuais xemelgas das aulas físicas) e Moovi, a nosa plataforma de teledocencia moderna baseada en Moodle. E breve esperamos presentar tamén o noso propio mundo virtual no metaverso, onde disporemos de salas para traballar en equipo, laboratorios para partillar o uso de software ou facer prácticas, salas para congresos e un longo etcétera. Ademais, temos en marcha varios proxectos propios e outros en colaboración con universidades do Estado moi prometedores e relacionados coa imprescindible dixitalización, que suporán un salto de calidade na xestión, na docencia, na investigación e na transferencia.
No que atinxe á transparencia, cando se está nas clasificacións, ao longo do ano, en terceira, segunda ou primeira posición entre as universidades españolas, semella que queda pouca marxe para mellora, pero non é así. Este foi un ano de traballo para progresar e seguiremos tentando que a sociedade poida ter un acceso cada vez máis doado e máis intuitivo ao que facemos.
Unha das principais eivas da universidade española é o baixo nivel de internacionalización. Nós queremos unha universidade máis internacional, máis recoñecida e que sexa quen de captar talento doutras partes do mundo. Pois ben, este ano cumprimos o soño de entrar a formar parte de pleno dereito de ATHENA, unha universidade europea aprobada na segunda convocatoria europea, que decidiu que entraramos dous novos socios. Estamos moi esperanzados e traballamos arreo para presentar en xaneiro unha solicitude para o financiamento na convocatoria de 2023, na que teremos o pracer de incluír aspectos de igualdade de xénero liderados pola Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo.
Seguimos tentando ser unha universidade máis galega. Isto quere dicir, por suposto, darlle máis pulo á nosa lingua, pero tamén á nosa cultura e á nosa forma de ser e de estar no mundo. Algúns programas postos en marcha en anos anteriores estanse a completar con novas propostas. Aspiramos a ser un facho que alumee nunha dobre dirección: servir para que outras culturas coñezan a nosa e para aproveitarmos outras realidades. Non se trata de dividir, senón de sumar e de conseguir estarmos orgullosos e orgullosas.
Eu espero, en suma, que este ano avanzaramos dabondo para que a cidadanía galega nos coñeza máis e que se sinta satisfeita e orgullosa dos logros acadados. A nosa institución está para servir a Galicia.