Este 8 de marzo as mulleres da provincia de Pontevedra ateigamos de novo as rúas reclamando vivir libres e ter os mesmos dereitos que os homes. Temos que berrar moi alto para acabar coas discriminacións que sufrimos e que algúns aínda negan.
Orgullosas, tamén celebramos todo o conquistado pero, por enriba de todo, reivindicamos o camiño que queda por percorrer para acadar unha sociedade con igualdade real e efectiva.
Sen feminismo non hai democracia nin capacidade de progreso e se algo está demostrado é que a vida das mulleres se mellora con acción política e con leis. Por iso reivindico o compromiso coa igualdade do Goberno de Pedro Sánchez, que converteu as políticas de igualdade nunha cuestión de Estado e pasou a plasmar nas leis as obrigas coas que consolidar a igualdade de xénero.
Nesta lexislatura logramos avances tan importantes como a subida do salario mínimo interprofesional en case un 50% nos últimos cinco anos, que beneficia directamente a un gran número de traballadoras. A reforma do mercado laboral incorporou as mulleres do fogar ao réxime da seguridade social e transformou en contratos fixos e a tempo completo centos de miles de “contratos basura” que maioritariamente subscribían as mulleres.
Déronse pasos importantísimos en materia de coidados e responsabilidades domésticas e non podo esquecerme da revalorización das pensións, porque a maioría de pensionistas deste país son, tamén, mulleres.
Esta mesma semana impulsamos a nova lei de paridade para que as mulleres poidamos ocupar os lugares onde se toman as decisións na mesma porcentaxe que representamos na sociedade. Somos máis do 50% da poboación e só reclamamos esa mesma porcentaxe no mundo.
Pídolles a todas as mulleres e homes que cren na igualdade que non deixen esta loita, porque estes pasos adiante non son irreversibles e existen ameazas moi serias que todas coñecemos e que poñen en cuestión moitos dereitos que tanto nos custou alcanzar.
Desde a democracia e o feminismo non o imos permitir.