O lugar de Galicia no Corredor Atlántico
A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia reivindica o papel da comunidade nos grandes corredores europeos de transportes
Fachada atlántica española, ponte histórica entre Europa e América Latina e titular dunha intensa relación de cooperación multidisciplinar con Portugal. País con 5 portos de interese xeral do Estado. Produtor de referencia mundial en pesca, conserva, téxtil ou automoción. Comunidade autónoma con solvencia financeira, estabilidade política e un profundo europeísmo. Esa é Galicia, a terra que reivindica o seu lugar nos grandes corredores europeos de transporte, desde o convencemento de que, medrando a súa competitividade, pode contribuír ao progreso do conxunto do continente.
No ano 2017, xunto cos gobernos de Asturias e de Castela e León, conformamos unha alianza de éxito que, un ano despois e co apoio do Goberno de España entón presidido por Mariano Rajoy, logrou persuadir ás autoridades comunitarias para incorporar o noroeste peninsular á rede europea prioritaria para o transporte de mercadorías e as conexións dos mercados.
Ese importante fito supón dispoñer dunha oportunidade única para acceder ao financiamento comunitario e adaptar a nosa rede ferroviaria de mercadorías a uns estándares mínimos de calidade e completarse con infraestruturas imprescindibles.
Para logralo, é necesario que o Goberno de España como Estado membro aposte por Galicia, polo noroeste da Península e polo Corredor Atlántico tanto como aposta por Levante e polo Corredor Mediterráneo. Cómpre que o Ministerio de Transportes deseñe un plan de actuacións e concrete proxectos de modernización da rede ferroviaria de mercadorías galegas para executar aproveitando a inxección de recursos comunitarios.
Sen embargo, cinco anos despois do recoñecemento europeo ás nosas potencialidades, nada se ten movido ao noso favor nos despachos do Paseo da Castellana.
A pasada semana coñecemos con desgusto que o Goberno non presentara ningún proxecto do noroeste á convocatoria de fondos europeos para os corredores que se desenvolverá neste exercicio.
Non hai Plan director para o Corredor Atlántico, non hai atención para o noroeste nin existe, para a Xunta, interlocución sobre este asunto co Goberno de España.
Pese a falta de apoios e de razóns para o optimismo, demostramos que para Galicia este asunto é capital e estratéxico. Seguimos colaborando coas comunidades autónomas aliadas e continuamos a traballar, en colaboración co empresariado e Clúster da Loxística de Galicia, para definir as nosas necesidades e acoutar as actuacións prioritarias.
Grazas ao impulso da Estratexia Loxística de Galicia temos claro que o noroeste precisa un investimento de 8.000 M€ para acadar as características dos corredores europeos, preto de 8 veces máis da comprometida polo momento polo Goberno de España. Sabemos que con ese gasto e unha axeitada xestión dos servizos, poderemos case triplicar a cota modal do transporte ferroviario de mercadorías, evitar 20 millóns de toneladas de emisións contaminantes e abaratar en 1.300 M€ o transporte de mercadorías.
Do mesmo xeito que defendemos, como principios irrenunciables, a necesidade perentoria de impulsar a Saída Sur ferroviaria de Vigo, a conexión da terminal de Bouzas e unha liña internacional completa en alta velocidade entre Galicia e Portugal. Precisamos modernizar a liña do Miño e acadar unha transformación ambiciosa entre Ourense, Monforte de Lemos e Lugo. E debemos poñer todo o noso empeño en incorporar ao Corredor Atlántico a conexión entre Ferrol e A Coruña e entre esta cidade e Lugo.
Pese ao escaso interese mostrado polo Goberno ante as nosas demandas e necesidades, somos quen de mantelas vivas e cada vez máis activas. O pasado 27 de xaneiro, os presidentes de Galicia, Castela e León e Asturias protagonizaron en Santiago de Compostela unha cita histórica na que máis de 1.000 representantes da vida económica e social das tres comunidades reivindicaron xuntas o Corredor Atlántico Noroeste.
Nese encontro, tivemos a oportunidade de celebrar unidas como un éxito colectivo o anuncio do Ministerio de Transportes do nomeamento do Comisionado para o Corredor Atlántico.
Cinco meses despois, hoxe sabemos que aquela foi única e exclusivamente unha manobra de distracción política. En relación con Galicia, poderíamos chegar a pensar que a principal ocupación do Comisionado do Corredor Atlántico nomeado polo Goberno é esquivar á Xunta.
A pesar de acumular preto dunha ducia de convocatorias de xuntanza da Xunta, tampouco na visita que esta semana prevé realizar á nosa Comunidade semella disposto a escoitar o que ten que dicir sobre o Corredor Atlántico o Goberno lexítimo de todos os galegos.
É unha nova decepción que, lonxe de desalentarnos, alimenta as nosas ansias de reivindicar o papel que Galicia merece no Corredor Atlántico. Así o faremos, coa esperanza de que o Goberno que saia das urnas o vindeiro 23 de xullo coñeza, comprenda e responda con maior interese ás nosas xustas demandas.