Devolver os recreos á rapazada
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Xunta de Galicia aborda o tema do uso dos teléfonos móbiles nos centros escolares e a necesidade de establecer unha regulación que fixe uns límites
"Non falan no recreo". É unha das frases máis repetidas por directores e directoras de centros educativos cando se lles pregunta polo uso do móbil entre adolescentes. Eu mesma, na miña etapa como inspectora, puiden comprobalo en moitas das visitas a colexios e institutos. É ata certo punto normal. Todos sabemos cantas veces calquera de nós perde a atención co teléfono nunha cea en parella, nun café entre amigos, no transporte urbano, entre lecturas… A nosa rapazada, en pleno proceso de madurez, non o ten doado entre tantos estímulos. Por iso debemos acompañalos, darlles a imprescindible formación, pero tamén unha regulación que fixe límites.
Ese é o espírito co que, desde a Xunta de Galicia, decidimos ampliar a limitación do uso dos móbiles nos centros escolares durante o tempo de lecer. Xa o fixemos de xeito pioneiro en España en 2015, cando prohibimos utilizar estes dispositivos dentro da aula, agás se é para darlle un uso pedagóxico e coa supervisión dun docente. Agora, volvemos liderar este debate estendendo o veto a momentos como os recreos, o comedor e outras actividades, unha medida na que traballamos para poñela en marcha á volta do Nadal.
Pídeno os pais e nais e pídeno os profesores e profesoras. De feito, esta medida xa está implantada no 75% dos centros de Secundaria. Só 61 de 251 permiten o uso do móbil no recreo. Agora, os equipos directivos solicitan que, desde a administración, lles deamos maior soporte legal e ampliemos a medida ao 100% dado que, comprobaron, mellora a convivencia e as relacións sociais.
Aqueles centros onde o móbil está só nas mochilas ou na taquilla reportan un mellor ambiente e unha redución das problemáticas sociais. Converter esas horas do día nun oasis de desconexión contribúe a un mellor benestar da nosa mocidade. Unha medida que trata de abrir debates e concienciar, sen demonizar, dunha necesaria harmonización entre o analóxico e o dixital. E nisto, loxicamente, as familias deben implicarse tamén cando os estudantes regresan a casa, pois no centro pasan só unhas horas da súa vida.
O ensino non pode vivir de costas a unha sociedade cada vez más tecnolóxica, e por iso a competencia dixital é parte fundamental da aprendizaxe que o alumnado recibe a través de numerosos programas. A robótica, a intelixencia artificial ou as tecnoloxías da información son parte do día a día das nosas aulas, como tamén os coñecementos en ciberseguridade, ética e navegación segura.
Non pode ser doutro xeito. Equivocariámonos se optásemos por posicións extremas. Regular e formar. É dicir, devolver os recreos á rapazada. Que poidan xogar, conversar, facer exercicio, ler e tantas outras actividades no seu tempo libre. Sen renunciar, namentres, a ensinarlles o mellor uso da tecnoloxía.