Coa cabeza chea de paxaros: fraseoloxía e refráns da lingua galega
No Centro Ramón Piñeiro atópase unha base de datos con 60.000 refráns a partir dunha recolleita dirixida por Xesús Ferro Ruibal durante máis de 20 anos
17 marzo, 2024 05:00Esa rapaza ten a cabeza chea de paxaros, Meu pai perdeu o norte ou Manuel ten a cabeza chea de fume son formas de falar que, malia que se usan en ocasións na arte levándoas á literalidade, non deixan de ser fórmulas que en moi poucas palabras describen realidades complexas.
Traballaba eu hai uns días nunha historia de ficción cando se me vén á cabeza a expresión O fillo do lobo, lobo é, un fraseoloxismo que se me fixo ben apropiado para mostrar en poucas palabras e de maneira moi visual as influencias dun pai nun fillo, ambos de dubidosa moral. Mais… unha vez escritas estas palabras souben que o que puxera sobre o papel non saíra realmente de min, senón que eran palabras mecánicas, non miñas nin de ninguén que eu coñeza e ao tempo de todos e todas nós. Palabras da memoria colectiva.
Busquei máis destas fórmulas e descubrín así un mundo enteiro no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, onde se resgarda dende o 1994 unha base de datos que se aproxima ós 60.000 refráns a partir dunha recolleita dirixida por Xesús Ferro Ruibal durante máis de 20 anos, un traballo xa presente nas publicacións Refraneiro galego básico (1987), Refráns de xustiza (1995) ou Cadaquén fala como quen é. Reflexións verbo da fraseoloxía enxebre (1996).
O que hoxe vos contamos sae de dous libros / manuais: Refraneiro Galego máis frecuente (2002) de Ferro Ruibal e Para dar trela (2016), con prólogo do mesmo autor e o traballo de M. Carmen Losada Aldrey, Alba Cid Fernández e Xurxo F. Carballido coas ilustracións.
Grazas, de antemán, a quen dedicastes e dedicades o voso tempo e esforzos ao estudo e divulgación desta parte máis literaria da nosa fala.
Fraseoloxía e refráns
"Linguaxe matemática e linguaxe figurada son dúas maneiras moi diferentes de contalo mesmo pero cada unha delas é máis eficaz cá outra en certas situacións. A primeira é abstracta e fala á intelixencia; a segunda é concreta, simbólica e fala ós sentidos. A primeira é gris; a segunda é multicolor. A linguaxe matemática é unha radiografía da realidade; a fraseoloxía é un cadro con color, volume e perspectiva". Así describe Xesús Ferro as dúas linguaxes no prólogo de Para dar trela, un manual práctico de fraseoloxía galega que recolle en 294 páxinas este noso idioma convertido en imaxes.
A fraseoloxía é capaz de manter elementos simbólicos que nacen de realidades desaparecidas hai tempo, por iso hoxe seguimos dicindo non ter un can, non ter unha cadela, estar sen un patacón, por máis que esas moedas (branca, can, cadela e patacón) desaparecesen da circulación hai moito tempo.
Os refráns ou paremias son ‘máximas sentenciosas expresadas de maneira clara, directa e concisa’. Normalmente son unidades oracionais complexas cunha estrutura bimembre que actualiza dúas realidades. Presentan un alto coidado estético e adoitan usar a rima, o que fai que se memoricen facilmente e formen parte da memoria colectiva dos pobos, sendo parte das conversas do cotiá e dos nosos pensamentos, pero tamén dos xornais, as redes sociais e dos libros de historias ou de divulgación. Son parte de nós porque levan consigo a nosa historia.
Por exemplo, os vigueses e viguesas din ir ao cen no canto de ir ao cuarto de baño, xa que os emigrantes galegos retornados introduciron na lingua a expresión porteña "ir al cien", polas latrinas dos baños públicos que se identificaban por fóra con ese número. Pero haberá quen, nas mesmas circunstancias, lle saia dicir ir entre o millo, partindo dunha realidade doutros tempos en que nas casas non eran común ter cuartos de baño, polo que se empregaban os espazos entre o millo para facer as necesidades… E así ocorre con moitos costumes perdidos que chegan a nós por medio de expresións memorizadas.
E, como neste mundo tan grande as fronteiras non son tantas, os mesmos fraseoloxismos poden escoitarse noutros idiomas con matices sutís. Un exemplo é o de comer coma un pito, unha das maneiras de dicir de alguén que come pouquiño ou que dá bocados pequenos:
Son varios os refráns que honran a cultura vinícola: O que non bebe viño, non ten amigo; A bo viño non hai mal bebedor; Polo San Martiño, proba o teu viño; Cando o vello non pode beber, pódenlle a cova facer. Nos
fraseoloxismos, sen embargo, as formas son máis directas e menos poéticas: agarrar unha tranca, apañar unha (boa) chea, apañar unha (boa) prea, coller unha enchente, coller unha tralla, estar bébedo coma unha prea, estar borracho coma un bocoi, estar borracho coma unha cuba, levar unha trompa enriba, estar peneque ou ir facendo eses.
A linguaxe pode ser abstracta e matemática para buscala precisión mecánica ou figurada e non por iso menos precisa, pero si máis harmónica. No limiar do Refraneiro galego máis frecuente (Galaxia, 2002), Xesús Ferro Ruibal escribe: "Os refráns asócianse a situacións vividas e por esa razón son tan refraneiros os vellos (que levan vivido moitas experiencias) e por iso son tan pouco refraneiros os rapaces ou mesmo os mozos (que aínda non teñen moitas vivencias). Os primeiros refráns que usan os mozos introdúcense normalmente así: Como dicía o meu avó, Como dicía miña nai…".
Convén, logo, non esquecer quen somos e de onde vimos, tampouco na maneira de falar que tanto mudou e tanto ha de cambiar… Uns cambios que mesmo poden facer que aos poucos se perda unha parte da nosa lingua ou que, pola contra, a enriquezan inda máis e faga aos galegos e galegas xente prevalecedora da cultura do seu pobo.
Logo, como dicía miña avoa… Que non che metan paxaros na cabesa!