Lúa Gándara.

Lúa Gándara. Cedida pola artista

Cultura

Lúa Gándara en serio

A artista Lúa Gándara: "Se as condicións laborais fosen máis acordes á nosa realidade podería ser mellor artista, dedicar máis tempo a pintar e menos a sobrevivir"

30 junio, 2024 10:10

Lúa Gándara (Vigo, 1988) fixo camiño na vida para chegar a ser a artista que hoxe é comezando por estudar o Grao en Belas Artes, continuando cun posgraduado en Creación Sonora, presentándose a concursos e expoñéndose ao mundo e creando sempre con todas as enerxías, tempo e ferramentas das que dispón.

Hoxe é coñecida polas súas obras de arte plástica, pero cultiva tamén a poesía e a música, fai videoarte... Mais ser artista vai máis alá do que unha aprende nas aulas: facerse un nome, expoñer nas diferentes galerías e vender as obras depende de moitos factores alén da propia arte.

Para comezar, quixera ir aos comezos da túa arte. En Unha bolsa de auga, ningún peixe, un dos vídeos que fixeches ‘contextualizando’ as túas obras, presentas —coma sempre, con moito humor— unha Lúa pequecha moi curiosa que pintaba todo canto tiña ao seu redor. De pequena pintaba todo o tempo, con todo o que vía, narra a voz en off, a Lúa de hoxe... Cando soubeches / decidiches que non soamente ías pintar... Que serías artista? Sempre o souben, quizais por iso non sei como comezou, porque sempre estivo aí.

Lembras algún fito importante nesta decisión?
Lembro a primeira vez que pintei unha cartolina grande (o tamaño era normal pero para min era grande), atopeina nunha mesa e sen ningunha dúbida comecei a enchela o máximo posible. Fixen unha paisaxe con moitas cousas moi pequenas, imaxinaba que a xente vivía dentro da cartolina e por iso precisaban supermercados, campos, hospitais, prazas de aparcamento... Dalgún xeito sigo a facer esa mesma paisaxe.
Que é para ti ser artista?

Pensar moito. Todo o mundo é artista dalgunha cousa no momento en que fai algo moi en serio, con concentración, como se non houbese nada máis no mundo, e desfrutando. Hai que desfrutar moito, estar dentro do que se fai ata converterse niso. Iso foi o que me pasou cando pintei a cartolina aquela, estaba dentro.

Todo o mundo é artista dalgunha cousa no momento en que fai algo moi en serio, con concentración, como se non houbese nada máis no mundo, e desfrutando.

Lúa Gándara

Flores de silicona

Flores de silicona Lúa Gándara

E como es ti como artista?

Tomo o que fago moi en serio pero a min mesma non tanto, trato de equilibrar. O humor é algo moi serio e eu traballo con el como ingrediente inevitable mais non como obxectivo final, digamos que está polo medio. O contexto tamén me define porque traballo na precariedade que supón ser artista en Galicia, e tamén me gusta falar diso. Digamos que son unha artista que fala moito con todo o mundo, e iso axuda moito.

En relación co que contabas do humor: ti preséntaste ao mundo con moita comicidade, a través das túas obras pero tamén nas redes sociais... Semella, xa que logo, que ten unha función moi importante en todo canto fas.
O humor é a miña forma de supervivencia persoal, son así. Cando era camareira tiña o mesmo humor e se algún día me xubilo tamén o seguirei a ter. Como a vida de artista é tan inestable e precaria, penso que este humor é a capacidade de utilizar case todo o que me pase ao meu favor para que poida seguir traballando, se non o tivese non podería aguantar ser artista.

Como a vida de artista é tan inestable e precaria, penso que este humor e a capacidade de utilizar case todo o que me pase ao meu favor para que poida seguir traballando, se non o tivese non podería aguantar ser artista.

Lúa Gándara

Como definirías a túa arte? Cales son os puntos máis importantes para comprender o que ti fas?
Nunca defino o que fago, perdería a gracia do máxico. Para comprendelo basta con liberarse da necesidade de querer entender e deixarse contaxiar por algunha sensación, e por suposto, mirar sen prexuízos... É como saber se alguén te cae ben ou mal, xa o notas. A pintura abstracta non se entende dende o coñecemento racional de analizar, vai por outro lado, ten máis que ver co xogo e a intuición, e iso é moi persoal. Eu quero que a pintura entre dentro do corpo da xente ata o lugar onde se fabrican as cóxegas.
Unha pode sentirse artista... Mais de que factores depende chegar a ser valorada como tal polos demais, polos axentes do mercado da arte e pola sociedade en que vivimos?
Se ti te sentes artista durante o tempo suficiente e o vas comunicando ao final a sociedade entende que é así. Desde logo, hai un postureo que funciona como canle para isto. É coma interpretar un papel que está entre o que ti pensas e o que queres que pensen os demais. Ao final é unha parte máis do traballo. Tamén depende moito do contexto, nalgúns sitios imaxinan que son moi famosa e noutros son a que vai coas ovellas. Tódolos contextos son interesantes e os artistas traballamos con ese ingrediente continuamente. Non se pode facer arte sen contexto.
Por suposto, despois sempre están os artistas incribles que non saen moito da casa e ninguén os valora en contraposicións con aqueles que fan moito traballo en redes e chegan mellor tendo unha obra mediocre ou moi mala... mais ese é un tema que ten máis que ver coa publicidade que coa arte. Pero ao final, o que fai que sexas ou non artista nunha sociedade é se estás a vivir do que fas, como en calquera traballo.

Ao final, o que fai que sexas ou non artista nunha sociedade é se estás a vivir do que fas, como en calquera traballo.

Lúa Gándara

Come con Lúa.

Come con Lúa. Lúa Gándara

Limpiar la terraza

Limpiar la terraza Lúa Gándara

E nesta sociedade como é facerse un camiño no mundo da arte?

Nunca se sabe. Moita xente fai  un camiño moi agradable porque ten cartos e contactos. Depende de moitas cousas como o lugar no que vivas ou de quen merque a túa obra e tamén hai casualidades; mais creo que, desde logo, o máis importante é resistir anos traballando mentres van pasando moitas cousas pequenas que se poden ir aproveitando a favor.

Recibiches dende o 2011 multitude de distincións en diferentes concursos e bienais de arte. Que importancia teñen estes premios para a túa carreira? Imaxino que inflúen na maneira en que vai ser percibida a túa obra, no valor que se lle vai dar... Mais inflúe tamén á hora de vender os cadros?
Cando os artistas enviamos obra a premios é por unha cuestión de supervivencia económica xa que non temos un tecido de coleccionismo en Galicia que nos permita ser traballadoras normais e que a obra se venda. Recibín premios dende 2011 porque rematei a carreira en 2010 e a maioría do alumnado cando remata queda como perdido uns anos... Así que enviei como tola a todo o que puiden (porque ademais tiña moita enerxía e moi pouco CV). Tamén é certo que neses anos había máis certames, agora decaeron coa falta de diñeiro público. Logo, cando gañas algo, a prensa sempre fai entrevistas e cousas que parecen importantes, pero moitas veces resultas seleccionada e non gañas nada...
É curioso porque nun deses certames algún coleccionista privado descubriu a miña obra, así que ao final algo si que inflúen, pero menos do que se pensa.
Sugus de framboesa no padal

Sugus de framboesa no padal Lúa Gándara

Cando era pequena nunca me daban doces e cada vez que ía a un aniversario comía todo o que podía. Gústame esa sensación de empacho aínda que logo me doia a barriga.
Penso nos límites de ata cando encher unha obra e canto me queda ata pasarme e que o doce quede pegado como un sugus no padal, xusto antes dese límite.
Aí está ese rosa.
Tamén hai algo de azul de sugus de piña... que todo o mundo sabe que son os máis buscados.

Sugus de frambuesa en el paladar en Mambo Gallery

Sugus de framboesa no padal; O que dixo converteuse en lacasiños; Por favor, que non rompa a bolsa do lixo... Que son para ti os títulos? Que buscas transmitir con eles?
Os títulos son un espazo de liberdade que non penso deixar de ocupar. Son tamén unha información extra que lle proporcionas ao espectador e que moitas veces é absurda, pero que condiciona a lectura da imaxe a como eu queira que sexa lida. Ás veces son tamén un chiste interno para min, unha vinganza ou unha anotación para que algo non se me esqueza. Antes facía poemas, e agora fago títulos.
Que supón ter un espazo dentro das galerías?
Ter galería supón profesionalizarse un pouco, aínda que non é garantía de nada. Eu traballo con Metro en Galicia e con Modus Operandi en Madrid, aínda que as veces colaboro con outras de forma esporádica como La Juan Gallery, Vlab ou Mambo Gallery. As galerías danche visibilidade dentro do mercado, como nas feiras de Arte, pero moitas veces tamén axudan a que se poida producir obra e mostrarse aos demais.
Rosalindo

Rosalindo Lúa Gándara

E é complicado ser autónoma sendo artista?
É terrible. De feito, se estas condicións laborais fosen máis acordes á nosa realidade podería ser mellor artista, adicarlle máis tempo a pintar e menos a sobrevivir. Moitas veces penso en cambiar de país por isto, pero logo penso que aquí se vive moi ben.
Semella que a creación da obra é o primeiro dos pasos... Pero ao redor hai moito traballo invisible. Non soamente os vídeos, que son parte da túa arte, mais tamén a promoción e moitas outras cousas que forman parte do que non se ve. Canto tempo e esforzo hai trala Lúa Gándara artista que chega ao público / espectador?

Detrás de moitas cousas hai equipos de traballo, por exemplo, nos vídeos contei con Javi Camino, o director de cine, para a montaxe e a cámara, coa edición de audio de Enol Balado e, nalgúns deles, tamén coa música de Mdmme Cell. As exposicións tampouco as fan só os artistas. Sempre hai traballo detrás de comisariados e montaxe, de xente que fai textos e fotos ou deseño gráfico. Cando fago colaboracións con outras disciplinas tamén hai xente que fai moito traballo que se suma, como nos casos de moda con Da Ría Luv ou de xoiería con Milena Colella.

En canto ao tempo é todo o que se pode... en concreto, 36 anos, 24 horas ao día os 7 días da semana. Tamén é certo que o paso moi ben e por iso o fago. Non hai case nada que me guste máis que estar pintando. O que xa non me gusta tanto é todo o resto de traballo que teño que facer: publicidade, falar con xente, ser moi simpática, facer que se acorden de min, estar nos sitios, ir a Madrid continuamente, mandar proxectos, escribir textos con parafernalia, etc. Pero fágoo, e moitas veces leva máis tempo que a produción da propia obra... E logo hai que facer as cousas de vida normal, que tamén levan tempo.

Horizonte con grúas

Horizonte con grúas Lúa Gándara

Como e onde buscas a inspiración no teu día a día para lograr un ritmo constante de creación?

Penso que a inspiración non se busca, é unha actitude de estar atenta ao redor e ir nadando con el. Todo o que pasa ao redor é susceptible de ser ingrediente, é unha especie de ximnasia mental. Nunca me preocupei pola inspiración, creo que se dormes e comes ben e estás contenta é algo natural. Aínda que se unha tempada non me apetece pintar non pinto, non pasa nada. Tamén hai que coñecerse a unha mesma e coidarse. A verdade é que me quero moito a min mesma e cando pinto é porque o necesito.

Penso que a inspiración non se busca, é unha actitude de estar atenta ao redor e ir nadando con el. Todo o que pasa ao redor é susceptible de ser ingrediente, é unha especie de ximnasia mental.

Lúa Gándara

E como é o teu día a día cando queres dar comezo a unha ou varias obras de arte?
Sempre estou con moitos procesos á vez, cada obra vai nun punto diferente e vou resolvendo segundo se me ocorre. Sempre pinto con música e café, iso si. Encántame.
Que aptitudes pensas que precisa posuír hoxe en día unha artista?
Hoxe en día é imprescindible facer traballo de redes sociais, pero iso pode ir tamén na contra dunha. Hai modas moi rápidas e moitas pezas que perden en directo ou que están feitas para ver durante menos de un segundo. Unha artista actual ten que navegar no medio disto e utilizalo a favor, como fai Miss Beige, por exemplo.
Cóntame un pouco dos próximos proxectos.

O 5 de Xullo inauguramos co colectivo Poligonal "Mini mal" en Estudio Abierto (Vigo). Poligonal é un colectivo de artistas que conformamos Olmo Blanco e máis eu. Ultimamente estamos na procura dunha linguaxe plástica común para levar a arte contemporánea ao rural e que resista as condicións meteorolóxicas. Despois teño é a feira de Arte Santander e estou moi contenta porque vou coa galería Modus Operandi de Madrid, coa galerista é Lau ra Darriba, que é galega, e a outra artista participante tamén: Ana Rod.

Á semana seguinte teño que poñer música á película de Grease mentres se proxecta nun evento da Juan Gallery que se chama Cine caliente, e é moi curioso porque o comentarista vai ser o mestre Joao. Faime moita graza esta combinación de datos.

E como ves o teu futuro?
Nunca penso no futuro en xeral porque me dá bastante medo, vou resolvendo segundo van pasando as cousas. Case sempre que alguén imaxina o futuro, remata por equivocarse. Eu prefiro imaxinar como resolver o presente e iso xa me ocupa todo o día.
Esos leggins no te caben.

Esos leggins no te caben. Lúa Gándara

Se puideses pedir un cambio no mundo da arte, cal sería?
Un cambio só non sería suficiente, mais pediría, como case en calquera ámbito, que os produtores non fósemos os que traballamos nas peores condicións da cadea.
Iso sería o ideal, Lúa... Por certo, que título deberiamos poñerlle a esta entrevista?
JAJAJAJA Lúa Gándara en serio.