Corvos de Van Gogh a Cunqueiro e ata Rosalía de Castro
Simboloxía dos corvos de onte para acá na arte, na nosa literatura e mais na cultura popular
25 agosto, 2024 05:00PIMPINELA: (…) Non abondóu con ser a súa muller! ¡Pasar noxos e fasquías á súa veira...! ¡Permitir que as súas mans tocasen a miña carne...! ¡Chorar por el cando se foi para sempre! ¡Non; aínda teño que ser a viúva dun vello! (Pausa) ¡E así un ano cos ollos no chan, vestida de doorosa! ¡Enloitada por un home que nunca quixen! ¡Enloitada como os corvos do monte! ¡Como os corvos!
Os Vellos non deben namorarse, Castelao (Lance terceiro, escena 6).
Enloitada coma os corvos negros do monte, Pimpinela láiase da súa mocidade de viúva dun vello ó que nunca quixo.
—Meu señor... ¿n'oís os corvos?/ Veñen camiño d'a aldea... / Mirá cal baten as alas... / Cal baten as alas negras, dille a mai da Marianiña ao señor nos versos de ‘N’hay peor meiga que un-ha gran pena’. —Señor, señor... ¡como chilan! / ¡Que agoreiramente berran! / É porque adiviñan morte / É que mortandade hay cerca, vaticinando a muller a morte por mal de amores da súa filla Mariana.
Na poesía e na narrativa, tamén na pintura ou mesmo nos refráns populares, o corvo é símbolo que agoira o mal ou un animal que se humaniza pra nos facer de espello, case sempre nas peores facetas: Cría corvos e sacaranche os ollos, para falar dos malos fillos; Un corvo a outro non lle tira os ollos, por como se entenden dúas persoas de dubidosa moral; ou Como se alegra o corvo do que fai o lobo, por quen se congratula das malas accións que fai o do lado por pasaren desapercibidas as propias.
En pintura, non se pode falar destes paxaros sen pensar en Van Gogh: En Trigal con corvos, representou unha banda de paxaros negros que sobrevoan a paisaxe. O ceo escuro e os paxaros da ansiedade e a morte ensombrecen o campo amarelo, a cor favorita del, contrapoñendo a tristeza coa esperanza do campo de millo. E con catro trazos debuxa os corvos recoñecibles nun primeiro golpe de vista ó posuírmo-la capacidade de comprender figuras abstractas e darlles un significado que vive no inconsciente colectivo.
Estes paxaros de plumaxe negro acibeche e irisacións azuis son recoñecibles polo seu tamaño, o pico negro e o canto ó que chaman corveo, inda que imitan tamén os sons doutras aves e doutros animais, chegando mesmo a dicir palabras soltas... Conta unha amiga que unha veciña da aldea de Caritel mesmo tiña un que aprendeu a falar, inda que non se comprendesen ben as palabras que roñaba e murmuraba como saídas entre dentes e non do bico.
De onte pra acá
Na cultura clásica, a imaxe do corvo asociábase a Apolo, o deus vinculado ó sol e ó poder da profecía e da adiviñación. Nese imaxinario mitolóxico, o corvo foi moitas veces descrito como o seu mensaxeiro. Así, nas culturas clásicas atribuíronlle este instinto especial para preve-lo futuro a través dos seus corveos que se interpretaban en ritos de adiviñación.
Nos pobos da Escandinavia, foi un paxaro asociado a rituais chamánicos, actos proféticos ou viaxes a outros mundos. De acordo coa narrativa mítica celta, a deusa da guerra Nemain podía toma-la forma dun corvo e intervir no campo de batalla, trastornando os guerreiros e causando carnaxes.
Co fortalecemento da Igrexa Católica ó longo do período medieval, creouse un discurso hostil ó redor de todo canto facía referencia á cultura pagá. Dese modo, os símbolos e significados considerados heréticos pasaron a ter un estigma e seren sempre asociados ó negativo. E, dende aquela, o corvo presaxia sempre o malo.
Trigal con corvos é o lenzo que deixou Van Gogh como ‘testamento pictórico’ e unha das súas teas máis coñecidas, interpretada polos historiadores como unha representación do estado do espírito.
Mais non hai de ir tan lonxe, pra atopa-los corvos na arte e na literatura. Áchanse entre as páxinas do propio Cunqueiro multitude de corvos faladores, como o do bispo de Lamego que falaba latín. E no Merlín, o paxaro aparece facendo a función de mensaxeiro da morte: "Decían que era viuda dun grande rei que morréu na guerra, e que tivo a noticia por un corvo cando estaba en Miranda probando un peite de ouro."
Xa dixo Cunqueiro do seu libro Xente de aquí e de acolá:
"Istas historias de corvos que falan, ou de xente que reaparez, vindo dende as chousas de outro mundo, en figura de corvo, debera poñelas todas xuntas, pro van sementadas por este libro, aquí ou acolá."
Hai símbolos con razón de ser só para un grupo ou xeración, símbolos que se crean dentro de relixións ou comunidades, e outros que poden ser recoñecidos ó longo dos tempos, culturas e rexións, tal e como ocorre cos corvos, mais tamén con outros paxaros (só hai de pensar nas pombas... ou nas aguias).
Os símbolos son canles pra expresar anhelos, soños e medos. Poñen imaxes ós sentimentos outorgando ás palabras transcendencia e significación ou mesmo máis dun significado. E a literatura e a arte fan, a través deles, de espello do mundo e de nós para que poidamos comprendelo e comprendérmonos.
—Meu señor... ¿n'oís os corvos?
Veñen camiño d'a aldea...
Mirá cal baten as alas...
Cal baten as alas negras.
—Deiẍa que as batan, qu'é cousa
D' os corvos facer tal moestra.
—Señor, señor... ¡como chilan!
¡Que agoreiramente berran!
É porque a adiviñan morte,
É que mortandade hay cerca.
Fragmento do poema ‘N’hay peor meiga que un-ha gran pena’, Rosalía de Castro (Follas Novas, 1880).
Bibliografía
Cunqueiro, A. (1979) Xente de aquí e de acolá. Vigo: Editorial Galaxia.
Castelao, A.R. (1953), Os vellos non deben de namorarse: farsa en tres actos con un prólogo e un epílogo. Vigo: Galaxia.
De Castro, R. (1880) Follas Novas. 1ª ed. Madrid / A Habana: La Ilustración Gallega y Asturiana e La Propaganda Literaria.
Dono, X. D., e Fraguela, A. F. (1993). Fauna en Cunqueiro. As aves. Cadernos de Lingua, 8, 67-80. https://doi.org/10.32766/cdl.8.560