Defendamos o común

Defendamos o común

Opinión

Defendamos o común

O Voceiro do Grupo Municipal do BNG na Coruña reclama a devolución dos terreos da Maestranza

27 noviembre, 2021 10:57

De novo a veciñanza mobilízase para reclamar a  devolución gratuíta dos terreos da Maestranza. Terreos nos que está previsto construír tras ser vendidos polo Ministerio de Defensa a unha promotora inmobiliaria. Esta operación, de consumarse, sería a culminación dun espolio.

Os terreos da Maestranza, o antigo Campo da Estrada, eran comunais e foron ocupados polas monarquías absolutistas para a construción de instalacións militares. Unha vez rematado o seu uso con fins militares, o xusto é devolvelos.

Xa en 1840 o Goberno Local da Coruña así o solicitaba porque “el terreno de que se trata no puede pertenecer a la nación, pues es de este pueblo”.

E en 1858 o Pleno do Concello acordaba “elevar a Su Majestad una reverente exposición suplicándole se digne conceder a este ayuntamiento la propiedad que le pertenece del terreno que ocupaba la fortificación demolida entre la ciudad alta y la baja de la población”.

Ademais, estes terreos están situados no ámbito de protección de Bens de Interese Cultural de alto valor patrimonial, como os sistemas defensivos medieval  e barroco da nosa cidade.

A Lei do Patrimonio Cultural de Galicia protexe os bens propios da arquitectura defensiva, incluíndo o conxunto dos sistemas defensivos que o configuran, con independencia do seu estado de conservación e de se se encontran soterrados ou descubertos.

Trátase, pois, de defender o noso patrimonio. Tamén o patrimonio paisaxístico e natural.

A construción destes blocos de vivendas, alén do seu impacto visual na contorna da Cidade Vella, constituirían unha pantalla visual para a contemplación do mar, infrinxíndo as Directrices de Ordenación do Territorio e a propia Lei do Solo de Galicia. 

Reclamando ao Ministerio de Defensa a devolución dos terreos da Maestranza non estamos pedindo nengún favor: estamos esixindo que devolva o que é noso, de todas as coruñesas e coruñeses.