A defensa das indefensas
Unha reflexión do presidente da Federación Galega de ANPAS "Compostela", e a Confederación ANPAS GALEGAS.
No Ensino público estamos todas, e sempre dicimos que aínda teriamos que estar máis, que debera estar todo o mundo, todas as persoas, todas as ideas, todas as circunstancias, todas as eivas e tamén todos os excesos. Porque estando completámonos, aprendemos, coñecemos. Se estamos todas o mundo estará alí e vivirémolo, nós e as nosas fillas e fillos; aprenderémolo xuntas, porque non é certo que só aprendan as crianzas ou a mocidade, aprendemos todas, tamén deberan facelo –e de certo que moitas o fan- as profesionais que traballan nas escolas e institutos.
Desa aprendizaxe, da compartida, quería falarvos. En tempos frívolos como os que vivimos, semella moitas veces que a aprendizaxe ten prezo, ocasión e oportunidades explícitas, que aprender é unha fórmula de transmisión de coñecementos e experiencias que poden avaliarse, estandarizarse, transmitirse dun xeito obxectivo e organizábel. E o resto da aprendizaxe, a “da vida”, xa ven dada de seu pola nosa presenza nas diferentes comunidades que habitamos: a familia, os grupos de xogo, as compañías de clases ou de traballo, os diferentes encontros ocasionais ou duradeiros que imos facendo. Da relación semella que nace automaticamente a aprendizaxe, a formación en valores, en comprensión e solidariedade, e tamén o coñecemento das normas sociais, do bo e do malo, ou do que cremos tal; de como responder e de cando sorprendermos segundo coma sexamos respondidos. Pechamos entón o círculo: o coñecemento formal obtense na escola dun xeito estruturado, e o coñecemento social adquírese na rúa sen necesidade de estruturación. Sería cómodo, certamente; aínda que non moi interesante.
Pero é que non é así, porque nós non somos así; a xente somos distintas, e ademais mesmo somos distintas a nós mesmas nas diferentes situacións nas que temos que nos ir poñendo, aprendemos a diferentes velocidades, reaccionamos a diferentes estímulos, comprometémonos a causas opostas, cada quen de nós ten unha imaxe da normalidade que é absolutamente autónoma e marcadamente disímil da das outras persoas coas que convivimos.
Ademais, a aprendizaxe non só depende de nós, porque aquela verdade dos métodos obxectivos é falsa. É que tamén depende de quen a transmita, que tampouco é igual, tampouco é uniforme, tampouco chega a todo o público presente do mesmo xeito, tampouco ten unha fórmula aplicábel a todo o mundo, tampouco ten todos os días un discurso homoxéneo e inmutábel.
E isto podémolo ir ampliando a todos os niveis que queiramos, a nosa capacidade como alumnado –na escola e na vida- modifícase por miles de parámetros internos, cambia segundo quen veña a exercer de docente, diferénciase segundo o contexto social, humano, espacial ou cultural no que esteamos; responde dun xeito específico ás micro relacións que trabemos neste pequeno contexto circunstancial. Terá máis ou menos transcendencia en nós mesmas se ven acompañado por outras aprendizaxes coincidentes e enriquecedoras, apreciarase máis se o vemos situado en diferentes contextos circunstanciais ao mesmo tempo…
Porque a aprendizaxe non é uniforme, nin única, nin absoluta; a aprendizaxe é a miña maneira de contactar coa realidade externa, e a túa, e a doutras, é a maneira de cada quen de relacionarse co mundo exterior a si propio. E é aí onde cobra forza, presenza e necesidade o feito de estarmos todas no mesmo lugar, véndonos, querendo e aprendendo, no Ensino Público, por suposto. O único lugar onde todo o mundo entra en igualdade, e do que todas deberiamos saír tamén en igualdade.
Pero é que aínda non falei dunha das maiores condicións das persoas: a nosa absoluta singularidade, de medios, de condicións, de facilidades, de comprensión, de excitación, de impulso, de interese, de calquera substantivo que poidades poñer nesta frase; mirémonos coma nos miremos somos propias, distintas, irrepetíbeis. En consecuencia, somos tamén vulnerábeis e estamos indefensas cando a persoa que temos diante de nós non ten a capacidade, a formación ou os medios para actuar de acordo coa nosa singularidade.
Educar a dúas persoas diferentes da mesma maneira é un despropósito de proporcións inimaxinábeis. Iso sabémolo ben os pais e as nais, “os fillos non son iguais, e hai que tratalos de xeito diferente”, quen máis quen menos dixo isto na súa familia cun convencemento cheo. Pero logo, absurdamente, permitimos que ao levalos á escola, a unha actividade, á sociedade, veñan outras a tratalos dun xeito homoxéneo; mesmo defendemos esa homoxeneidade, porque “é o único posíbel”, “sería moito gasto”, “non podemos facer un colexio para cada neno-a” e outros tópicos similares cos que nós mesmas poñemos a venda que nos cega.
Dentro da indefensión que supón obviar a nosa individualidade tamén hai graos, porque hai quen se adapta mellor, quen é sistémica en máis medida, quen require só un mínimo contorsionismo para asentarse no traxe e na situación do que se define como ordinario; non sabemos se esa xente son a maioría, ou se ocorre o contrario, se o perfil da maioría se vai conformando axeitándose con aquelas que concordan máis en actuacións e perspectivas. En calquera caso, sempre hai un amplísimo grupo que queda fóra, que non ten esa capacidade de adaptación, ou que non quere tela porque non cre que deba facelo, que no fondo non é máis que outra maneira de ser unha mesma.
O que facemos a sociedade, e a escola, con ese grupo, coas que quedan indefensas fronte á uniformidade xeneralizada, é realmente o que nos define como acolledoras ou non; o que indica se estamos dispostas a aprender de veras, ou se pensamos coma parvas que se pode aprender sen mirar totalmente ao redor, sen velo todo, sen sentilo todo.
Aquí haberá quen fale de cantidades, de mínimos asumíbeis, de abandonos irrelevantes, e de desatencións inevitábeis; faise na escola todos os días, deixamos atrás a pequenos grupos, a persoas, porque cremos que son un lastre para o grupo, ou para o que a estandarización dita que debe perseguir o grupo; desatendemos a diversidade cando non é unha causa de calendario, e damos por perdas lóxicas as daquelas persoas que necesitarían unha proporción de esforzo colectivo moi grande, ou mesmo -o que é aínda máis sucio- unha cantidade de investimentos moi grande en comparanza co que precisan as demais. Acostumámonos ao abandono de quen definimos como un estorbo, e aínda que pensamos que temos fixado moi alto o listón da exclusión, ao asumilo como posíbel estamos tamén rebaixándoo día tras día; cando normalizamos o rexeitamento dos dereitos dunha persoa, estamos xa metidas de cheo no rexeitamento colectivo.
A defensa das persoas que non se incorporan ao carro ao primeiro salto, das indefensas, é o que marca a nosa evolución e a nosa modernidade. A nosa capacidade para adaptarnos ao que aprendemos e tirar diso a aprendizaxe precisa é o que indica se realmente somos unha sociedade moderna. Non son as grandes cifras, nin as tecnoloxías, nin as materias de relevo científico, nin os resultados porcentuais, o que marca se somos quen temos que ser e se estamos creando un mundo mellor e máis atractivo para quen veñan logo, é a nosa capacidade de defendermos a nós propias, porque, sabedes?, dun xeito ou doutro, todas estamos igualmente indefensas.