Rectorado de la Universidade da Coruña.

Rectorado de la Universidade da Coruña. UDC

La tribuna

Un novo curso pero non un curso máis

O reitor da UDC avanza os desafíos e os retos da universidade para este novo curso que comeza este luns

10 septiembre, 2023 11:33

Este luns comeza un novo curso universitario, emocionante para todas as persoas que formamos parte da Universidade da Coruña, pero sobre todo para o alumnado que chega por primeira vez. Para este estudantado, preto de 3.500 novos alumnos e alumnas na UDC, é o comezo dun camiño cheo de desafíos que marcarán, sen dúbida, o seu futuro.

E neste camiño todo o alumnado, o que chega e o que continúa, uns 19.000, estará arroupado polos 1.440 docentes e 775 persoas traballadoras de administración e servizos; unha comunidade implicada e motivada porque cremos nunha universidade pública, de calidade, moderna e innovadora.

A universidade defínese como un espazo de oportunidades para favorecer o desenvolvemento integral das persoas e promover a mobilidade social ascendente. Ademais de xerar e transmitir coñecemento, temos o deber de fomentar a igualdade de xénero, o pensamento crítico e a creatividade, a innovación e o emprendemento.

O impacto da universidade na sociedade avalíase a miúdo en forma de resultados económicos, moi salientables sen dúbida, xa que o impacto das universidades públicas españolas na economía se cifra no 2,2% do produto interior bruto (PIB), multiplicando por cinco cada euro investido nelas.

A esta consecuencia económica hai que sumar outro argumento, quizá máis importante, que non se pode cuantificar facilmente e que se refire ao efecto xerado nun determinado territorio polo desempeño laboral dos seus titulados superiores, capaces de faceren avanzar económica, social e culturalmente un país.

Neste sentido, estamos seguros de ter contribuído ao progreso da sociedade galega cos máis de 95.000 mozos e mozas que se titularon nesta universidade desde a súa creación hai 34 anos.

Visto con esta perspectiva, non é de estrañar pois que os tres reitores galegos reclamemos con insistencia ao Goberno galego máis recursos para as universidades públicas, pois estes recursos reverterán fundamentalmente no país.

Desafíos

A UDC é unha universidade nova que encara os desafíos dunha institución moderna para enfrontar con garantías os envites do tempo en que vivimos e anticipar os futuros. Neste sentido, levamos varios anos introducindo novos graos e másteres moi interesantes e novidosos e mellorando os existentes, cunha moi boa resposta tanto do alumnado matriculado como do contorno empresarial no que se están a inserir as persoas tituladas.

Ese reto é un logro que levamos no noso haber. Hai outros que teremos que enfrontar este curso e os seguintes, algúns comúns a todas as universidades españolas, como a adaptación á nova Lei Orgánica do Sistema Universitario que traerá cambios substanciais no funcionamento e estrutura da Academia.

Outros desafíos son propios da UDC que nós nos poñemos como deberes na nosa planificación estratéxica, documento no que, entre toda a comunidade universitaria, decidimos como queremos ser. Unha universidade innovadora, flexible, sustentable e máis internacional sen esquecer o obxectivo de facela máis igualitaria, inclusiva e diversa.

Cidade das TIC

Este curso veremos o inicio de proxectos moi esperados como a Cidade das TIC. En pouco tempo inaugurarase o primeiro dos seus edificios, o Centro de Servizos Avanzados, realizado en colaboración co Clúster TIC Galicia e co apoio da Xunta de Galicia. A este edificio seguiranlle outros, de maneira que veremos como a Cidade das TIC cobra forma. A UDC será tamén parte activa na ansiada Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), que está previsto que se poña en marcha neste cuadrimestre.

Son moitos retos os que traerá este curso e que seguiremos enfrontando con ilusión e motivación, tanto por parte do equipo de goberno actual como do que veña despois das eleccións a Reitor ou Reitora de decembro; xa que se por algo destaca a universidade é polo talento das persoas que a forman.

Tempo haberá para facer balance destes anos, agora o que cómpre é iniciar o curso e que sexa bo e proveitoso para todos e todas.

Pantín Classic 2023

El Pantín Classic de Valdoviño (A Coruña) corona el 2023 con más de 97.000 espectadores

Anterior
Delfín visto en aguas gallegas en una imagen de archivo

Vídeo: La playa de Santa Cristina, en Oleiros (A Coruña) recibe la visita de un delfín

Siguiente