Un destino cada vez máis fortalecido
O director de Turismo de Galicia fai balance do verán, una época que se pechou cun gran éxito turístico, e convídanos a redescrubir Galicia este outono e inverno
Asistimos con gran satisfacción a un verán de auténtico éxito. En xullo e agosto a demanda hoteleira, é decir, as noites que os viaxeiros pasan en Galicia, foi a máis alta nun verán despois dun Ano Santo. Todo un récord. Pero, ademais, Galicia situouse entre os destinos españois preferidos e medrou a un mellor ritmo que o resto de España.
E tamén o Camiño de Santiago continuou imbatible. É a nosa principal carta de presentación ante o mundo e, de xeito moi habitual, é tamén o primeiro punto de contacto polo que moitas persoas deciden coñecer o variado patrimonio e legado cultural da nosa Comunidade. Por iso, enorgullécenos saber que en verán cada día recolleron a Compostela máis de 2.500 peregrinos ao día. E que nos atopamos agora, en pleno mes de outubro, aproximándonos á cifra de peregrinos que chegaron en todo o ano pasado.
Estes bos datos traducíronse, ademais, en moi bos resultados económicos para o sector. Bo exemplo son os niveis de rendibildiade hoteleira, que se incrementaron un ano máis de xeito que o sector ingresou algo máis de 128M€ este verán.
Son todas elas, cifras que nos levan a seguir traballando para consolidarnos como un destino cada vez máis fortalecido. E como non queremos que os beneficios se xeren a calquera prezo, apostamos por que sexa de maneira ordenada. Por iso, desde a Xunta intensificamos o noso traballo para acompañar ese crecemento de maneira sustentable económica, social e medioambientalmente. Para gozar de Galicia sen présas.
Porque cada vez son máis as persoas que escollen Galicia como destino para as súas vacacións ou escapadas. Nas cidades, no rural, na costa, no interior, en casas rurais, campings ou hoteis. En verán, pero tamén en inverno, outono ou primavera. Galicia estase posicionando como moito máis que un destino de moda.
Así que convidamos a descubrir e redescubrir Galicia tamén este outono e este inverno, cando aspiramos a seguir mantendo este crecemento ordenado e sostido. Con turismo nacional e internacional, pero tamén co dos propios galegos. Temos por diante numerosos retos e oportunidades que queremos compartir con todo aquel que nos visite e que aspiramos a conseguir con ilusión. En calquera momento do ano e en calquera cidade ou aldea galega. Coñecendo os nosos recursos naturais, a nosa oferta termal e enogastronómica, o turismo náutico ou itinearios polos nosos cascos históricos ou as nosas fervenzas. Recursos, todos, distribuidos ao redor dos máis de 300 concellos que, de seguro, atoparán tamén nos vindeiros meses unha oportunidade para as súas economías.