Imagen aérea de un municipio gallego.

Imagen aérea de un municipio gallego. Shutterstock

Tribuna Abierta

Os concellos galegos teñen dereito a un financiamiento local autonómico incondicionado

O presidente da Fegamp esixe "un financiamento local axeitado" e lamenta que non se recupere a negociación da dotación e criterios de reparto do Fondo de Cooperación Local

Publicada
Actualizada

Novamente, e van xa 15 anos, nos orzamentos para 2024 a Xunta de Galicia decidiu manter "conxelados" os pouco máis de 112 millóns de euros da parte incondicionada do Fondo de Cooperación Local, que se distribuirán entre os trescentos trece concellos galegos, sendo esta unha vía fundamental de financiamento para os servizos que ten que ser prestados polos concellos.

A proposta da Xunta de incorporar unha contía de 5.400.000 euros dirixida só para os concellos de menos de 15.000 habitantes sigue a liña da condicionalidade defendida pola Xunta nestes anos, non parecendo lóxico deixar fora desta proposta da Xunta aos concellos nos que viven máis do 60% dos galegos e galegas.

O grupo de concellos de 20.000 a 50.000 habitantes é o que conta de media con menores ingresos por habitante de toda Galicia, sendo esta de 980 euros por habitante fronte aos 1.400 euros por habitante que ingresan nos concellos menores de 5.000 habitantes.

É certo que os concellos con menor número de habitantes teñen tamén unhas dificultades que se deben ter en conta, e para elo a propia Xunta de Galicia preveu un reparto dos recursos no que se tiveran en conta outras características como a superficie, o número de entidades singulares de poboación ou a porcentaxe de persoas maiores de 65 anos, pero iso non debe derivar na exclusión duns concellos que tamén teñen esa problemática.

De feito, e ademais da utilización deses criterios que primarían aos concellos con menor número de habitantes, a Lei de Impulso Demográfico de Galicia, no seu artigo 13, prevía a creación dun fondo específico anual con destino aos concellos dirixido ao equilibrio demográfico territorial, tamén reivindicado polos concellos galegos, e que tres anos despois aínda segue sen dotarse.

Por contra, non se produce ningunha integración no Fondo de Cooperación Local das axudas e subvencións anuais que a Xunta destina ás entidades locais para o maior respecto á autonomía financeira e á suficiencia local. No recente informe do Consello de Contas correspondente ao ano 2022 se constata que se deixan sen executar o
30% dos créditos destinados ás entidades locais nos Orzamentos da Xunta de Galicia derivados de convenios e subvencións.

A esixencia dun financiamento local axeitado é unha reivindicación unánime de todos os concellos galegos, que recibe como resposta dende a Xunta de Galicia a "conxelación" do financiamiento local autonómico, non chegando nin de lonxe a cubrir o custo dos servizos atendidos polos concellos e que, moitos deles, deberían ser atendidos pola propia Xunta. Deste xeito, os concellos van seguir sen o correspondente financiamento ao que teñen dereito.

Convén salientar que o Fondo de Cooperación Local é a translación da participación dos concellos nos ingresos da Comunidade Autónoma de Galicia, prevista no artigo 142 da Constitución Española e no artigo 331 da Lei de Administración Local de Galicia.

Na disposición 5ª da Lei de Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, modificouse a regulación do Fondo de Cooperación Local, establecendo no seu punto 1 que a achega da Xunta de Galicia, con recursos propios, ao financiamento das entidades locais farase efectiva a través do Fondo de Cooperación Local, como instrumento de participación específico daquelas nos tributos da Comunidade Autónoma, establecendo que os recursos obtidos polos concellos con cargo ás dotacións orzamentarias deste fondo terán carácter de financiamento incondicionado.

A pesares disto, a Xunta de Galicia prefire "condicionar" este financiamento local, que é distribuído a todos os concellos galegos seguindo os criterios obxectivos fixados nas normas que o regulan. E por iso, cando dende a Xunta se afirma que se incrementan os 112 millóns cos 5,4 millóns de euros destinados só para os concellos de menos de 15.00 habitantes, segue a incumprir o regulado para o financiamento local autonómico e, ao mesmo tempo, segue a tentar confundir á opinión pública galega.

Hai menos dun ano, os concellos galegos reafirmaron de xeito unánime a súa posición na defensa do financiamento local a través do Fondo de Cooperación Local na pasada Asemblea Xeral da Federación galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), reclamando un "incremento do FCL que permita paliar ou reequilibrar a desviación a favor da Xunta de Galicia advertida na evolución do financiamento dos entes territoriais de Galicia nos últimos anos" e que "os recursos obtidos polos concellos con cargo ás dotacións orzamentarias do Fondo de Cooperación Local teñan carácter de financiamento incondicionado".

Os concellos confirmaron que se ten que avanzar na senda da "integración paulatina no Fondo de Cooperación Local das axudas e subvencións anuais que a Xunta destina ás entidades locais para o maior respecto á autonomía financeira e á suficiencia local" e que se debería conseguir a "aprobación dunha Lei autonómica específica de regulación da Participación nos Ingresos da Comunidade Autónoma dos concellos galegos consensuada coa FEGAMP na que se clarifique a participación anual e os criterios de reparto".

En cumprimento das normas que regulan o financiamiento local autonómico e os acordos da Asemblea da FEGAMP, tense feitas todas as xestións posibles diante da Xunta de Galicia, para recuperar a negociación previa, que se producía en anos pasados, da dotación e criterios de reparto do Fondo de Cooperación Local, e para poder debater e acordar unha distribución obxectiva do Fondo.

Unha vez máis, a Xunta de Galicia decide non atender as demandas dos concellos galegos, non deixando máis opción á FEGAMP que ter que rexeitar a súa proposta para o financiamiento local autonómico.

Alberto Varela Paz

Nado en Vilagarcía en 1975, é alcalde de Vilagarcía de Arousa desde o 2015 polo PSdeG-PSOE, e presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) desde novembro de 2019.