Imagen de archivo de un piano

Imagen de archivo de un piano Shutterstock

Tribuna Abierta

A música

O compositor Nani García reflexiona sobre o papel da música, e o seu "poder sanador", con motivo do Día Internacional do Músico 

Publicada

Unha vez posto á tarefa de poñerme a pensar sobre esta encomenda, sucederon varias cousas relacionadas coa música que me puxeron en situación. Nun relativo curto lapsus de tempo, tiven ocasión de empezar a ler a biografía de Quince Jones; parte do conto morreu co falecemento do devandito xenio; tamén tiven ocasión de follear un libro de James Rhodes, o primeiro que publicou, creo; ou de quedarme pasmado vendo un anaco do resumo dos inquedantes Latin Grammy recentemente emitidos.

Tamén podería falar da música relacionada coa miña cidade, a miña contorna máis próxima. Ou simplemente seguir tirando do anecdotario persoal que sempre vai dar moito máis de si.

Onte mesmo, en Madrid, habíais de 40 anos que non coincidiamos ceando varias persoas relacionadas con aquel evento que tivo lugar en Compostela no ano 1982.

J.A. era un dos organizadores daquel precoz festival de jazz no Colexio Lasalle en Santiago. Dúas xornadas, creo lembrar que duraron aqueles concertos onde o grupo Clunia, do cal eu era membro, participara como teloneiro de Tete Montoliu o día da clausura do evento. Peer Wyboris e Horacio Fumero acompañábano nesa ocasión. Ese concerto foi un fito, no seu momento. Un milladoiro na liña temporal de sucesos culturais que comezaban a ter lugar no noso país.

J.A. é un profesor de música lucense que vive en Madrid, compositor recoñecido no ámbito da música de vangarda dende hai moitos anos que segue na teima de organizar eventos inverosímiis relacionados coa cultura; resumindo que a súa vida virou e xira ao redor da música.

Outro dos asistentes á cea é S.C., un amigo de longo percorrido ao que sempre estimei, a pesar dos altibaixos aos que che somete a vida e que por aquel entón facía os seus primeiros pasos como manager de Clunia. Todos estabamos a empezar daquela. Poderíase dicir que aquel país, na súa nova versión, tamén se estaba estreando; e a música, irrompese da forma que fose, estaba a ser o tratamento de choque que nos fixo soportar aquel espertar colectivo do gran pesadelo que foi a ditadura. S.C. era e seguiu sendo, ao longo de todos eses anos, nos que a modo de acordeón vímonos e deixamos de vernos, o expoñente do que se podería denominar “o gran disfrutón da música”. E como toda persoa que goza, á súa vez divulga.

Na primeira xornada dese festival, actuaba unha formación de Vigo onde militaba J.E., quen, pasados un par de anos, rematou sendo o segundo saxo de Clunia substituíndo ao ínclito Antonio Cal.

J.E. e a súa muller María tamén estaban na cea. J.E. é actualmente un cardiólogo de primeiro nivel internacional que a pesar da enorme cantidade de tempo que lle debe dedicar á investigación e desenvolvemento da súa carreira profesional, nunca deixo de lado nin por un momento, a súa afección pola música, actividade que xunto á súa muller segue practicando asiduamente con paixón.

O que estou a tratar de dicir, con todo este preámbulo, son dúas cousas que non por obvias teña que deixar de sinalalas.

A primeira, que para min é moi importante, é o poder de sanación que ten a música. Sobre todo ao longo do tempo. Con tempranza. Do acompañamento entrañable que exerce sobre as persoas e as súas cuitas a longo da súas vidas. Todos os alí reunidos, ao redor dese fantástico ágape que nos ofreceu Viúda de Vacas, logo de estar un intre longo falando distendidamente das nosas novas, dos nosos recordos máis queridos e de darlle á húmida con paixón e alegría, concordamos cara ao final da noite, na importancia do poder sanador da música. A todos, sen excepción, dalgún xeito, redimiunos nalgún momento das nosas vidas, e a algúns aínda nos redime. Cada un á súa maneira. Tamén é certo que co paso dos anos, seguramente, os nosos gustos diversificáronse, pero iso nunca foi obstáculo para que a celebración seguise o seu camiño. Poderiamos convidar á festa a James Rhodes, e Quince Jones, por que non?. No tempo que levou o encontro, deunos para rearmar o quebracabezas da memoria coa axuda dos cinco acordantes, e a base de axustes e reaxustes rematamos por conciliar unha chea de anécdotas.

A outra cousa ten letra de canción e todo: Uh! Cuanto hemos cambiado. E si, sen dúbida. Se te pos como nos puxemos nós en plan de atrás para adiante, a conclusión abriuse oco entre o intrincado e inintelixible intercambio de conversacións: a música ao longo destes 40 e pico anos, cambiou unha chea.

Aínda que no dos Latin Grammy sigo sen pillalo.

A proba disto último quizá se faga máis doado de explicar ciñéndome ao meu ámbito local; a contorna pola que me movo e onde regresaba ao día seguinte nunha viaxe en tren que me brindou tres horas e media de reflexión distendida.

Facendo unha trama arco da miña vida, podo poñer a primeira pedra inaugural naquelas as miñas primeiras clases de guitarra nun piso da Rúa da Torre, enfronte a Santo Tomas, onde lembro o meu primeiro contacto coa música: tocando no bordón da miña pequena requinta—a guitarra quedou para as medras— a melodía de Jinetes en el cielo, apenas catorce notas que me afanei en repetir ata que se fixeron melodía. Daquela que podía ter, 8 anos?.me moita rabia non poder lembrarmeis en firme da figura daquel o meu primeiro profesor procedente, con total seguridade, do mundo das rondallas.

Pasaron as décadas e non deixaron de suceder cousas nunha cidade que goza dunha vida musical, ampla, prolífica, variada, intensa e excelente, e case todo ao que me estou referindo é de colleita propia; creada ou producida aquí mesmo. Houbo un tempo en que iso era impensable. Hoxe é o día en que temos salas de concertos, clubs de jazz decanos, orquestras sinfónicas profesionais e menos profesionais, reputadas e por reputar, corais, orfeóns, unha banda de vento que é a envexa de moitos municipios, escolas conservatorios de músicas a elixir, grao de jazz no conservatorio superior, estudos de gravación grandes e pequenos, compositores de todo tipo en pelaxe, grupos de folk afamados, instrumentistas consagrados. Gozamos e seguimos gozando de festivais de ópera, jazz, música de vangarda, outras músicas, de bandas sonoras. Para un área metropolitana de cerca de medio millón de habitantes chégalle ben.

Tanto cambiamos que non podo deixar de sinalar o fito que supón o logro de Abraham Cupeiro e a súa participación na película Gladiator 2; pola súa singularidade, que para min é o maior valor que pode ter un creador. E iso que ese señor é de Sarria. E que ao final, todo se conecta.

O noso mundo continuou medrando; tocar na parroquia e nas misas do colexio; en concursos nos que nos apuntabamos; en ensaios en locais prestados por familiares riquiños; as primeiras oportunidades en clubes e discotecas; os nosos primeiros concertos producidos precariamente, da nada con axuda da forza dunha ilusión algo descerebrada, moitas gañas e pouco de onde tirar a hora de ilustrarse, de orientarse. Pero o paso do tempo e a enexía feita empeño, fixo o resto. Fumos mesturandonos, xente con xente, músicos con músicos, activouse o principio esencial de fusión na música e esta coas persoas e cambiamos, carallo se cambiamos!. Todo medrou exponencialmente e o resultado final podémolo disfrutar na actualidade.

A música ten poucas efemérides que festexar. Ela mesma é unha pura celebración cada vez que se convoca; un pleonasmo. Un simple ensaio pode selo.

É difícil mirar atrás sen que estas cousas aféctenche; a música progresa e ti vas quedando máis seco cas pallas.

Pero tamén é certo que todo o que se move na liña do tempo non ten que ser aceptado como progreso en si mesmo. Que cada un faga a súa propia reflexión respecto diso.

Música é a que fan os músicos. A diferencia entre música e ruido esta no propio acto de vontade artística que emana das persoas que a crean. Non radica na formulación e acatamento dunhas supostas leis musicais que a soportan; armonía, melodía, timbre e ritmo. Iso e cuestión de gustos; máis nada. A sensibilidade humana cada vez é máis capaz e complexa. A música aplicada, feita á medida e subordinación doutras artes, ao iconocentrismo, as máis das veces feita por IA e similares, cada vez adoece máis e máis desa vontade creativa que é o cerne de todo. Non todo vale.

Aínda asi: desexos, envexas, obxectivos máis ou menos alcanzados, obxectivos errados, frustracións acumuladas, danos colaterais. Todo isto tamén forma parte do mundo da música. Linguaxe bélica á hora de falar dun dos conceptos máis sanadores que temos ao noso alcance: a música, sempre a música.

Nani García 

Solista, produtor musical, adaptador e compositor. Inicia a súa formación musical no eido do  jazz en Suecia entre os anos 1976 e 1980 ao tempo que cursa estudos de lingüística nas Universidades de  Upsala  e Estocolmo. Fundador do grupo Clunia  a principios dos anos 80 a súa carreira comezou como pianista de jazz, actividade que mantén alternando coa súa faceta de compositor.