Castelo Conta: música, comedia e actividades na natureza a un paso da Coruña
Xoel López co seu Combo Viramundo, Muchachito One Man Band, Lamatumbá, Familia Caamagno, Xabier Díaz, Susana Seivane, David Amor, David Perdomo ou Abrahám Cupeiro, protagonistas do festival da aldea de Touriñán
16 agosto, 2023 10:43Contenido patrocinado
Do 21 ao 27 de agosto, a parroquia de Castelo, en Culleredo, convértese na capital cultural de Galicia. Unha semana chea de programación cultural para todos os públicos que enche as casas dos veciños de concertos, espectáculos teatrais, camiñatas polo monte… e moita, moita festa.
A deste 2023 é xa a oitava edición dun festival singular que organiza Xosé A. Touriñán, xunto cos seus veciños e veciñas no lugar onde naceu e vive. Unha pequena parroquia ao pé do monte Xalo que converteu as súas festas nun festival que xa é referencia en toda Galicia. Por alí pasaron os grandes da música e da comedia e algúns, como o caso de Xabier Díaz, non perden a ocasión de volver, xa que unha vez vives o Castelo Conta, non podes perdelo. Foi precisamente o músico coruñés quen rebautizou o Castelo Conta como “a festa que lle deu a volta á festa”.
Como novidade, este ano cambian de formato os Contos de Castelo. Unha actividade de recuperación da memoria oral do lugar na que, polas tardes da semana, as persoas máis maiores de Castelo comparten as súas vivencias, saberes e lembranzas. Nesta oitava edición, os Contos de Castelo transfórmanse nun programa de radio conducido por Marga Pazos, Moncho Viña, Alfonso Hermida, Carlos Blanco, David Amor, Nacho Carretero e Arturo Lezcano. Así, as historias dos veciños convivirán coas dos condutores do programa, convidados especiais e participantes do festival, chegando neste novo formato a máis xente.
Na programación, que pode consultarse en casteloconta.gal, destacan noites como a do xoves 24, na que David Perdomo e Touriñán presentan ‘Corentena’ ao gran público logo da súa xira por pequenas salas. Os dous cómicos levan aos escenarios as historias e personaxes improvisados durante as súas conversas en directo a través de Instagram nos meses de confinamento de 2020. Ao finalizar, a Familia Caamagno tomará o escenario principal de Castelo para poñer a bailar a todo o mundo co seu rock bailongo e garaxe sesenteiro.
O venres 25, a música é a protagonista absoluta cos concertos que, a partir das 22.00 horas, ofrecerán o Combo Viramundo, grupo no que Xoel López, Adrián Seijas ou Fernando Lamas interpretan versións dos seus temas favoritos do pop e a música latina; Muchachito en formato One Man Band e Lamatumbá, que regresan este verán aos escenarios repasando os seus grandes temas.
Como todas as festas, o Castelo Conta tamén ten o seu día grande. O sábado 26, a xornada comeza ao mediodía cun xantar para coller forzas e subir ao monte Xalo nunha andaina animada con música. No alto, con toda a cidade da Coruña á vista, Abraham Cupeiro dará un concerto cos seus instrumentos milenarios. Toca despois baixar para cear e desfrutar da tradicional noite de monólogos conducida por Touriñán na que pasarán polo escenario de Castelo David Amor, Lucía Veiga, Marita Martínez, David Perdomo, Pepo Suevos, Noemi Rodríguez ou Rober Bodegas.
Esta semana tan completa rematará o domingo 27 cunha romaría e unha sesión vermú. Un fin de festa á altura dunha das semanas a marcar no calendario todos os veráns, e é que quen vai a Castelo quere volver todos os anos.