El artista Nuno Pico (Grande Amore).

El artista Nuno Pico (Grande Amore). Ernie Records.

Música

Grande Amore: "Quero que a xente saia do meu concerto pensando que vida só hai unha"

O cantante galego Nuno Pico, actuará este sábado 19 de febreiro na Sala Malatesta en Santiago de Compostela

19 febrero, 2022 06:00

O artista Nuno Pico, nativo de Burela pero residente en Santiago, leva realizadas diversas colaboracións con cantantes como Ortiga ou Mundo Prestigio mentres estudaba os graos de Filosofía e Comunicación Audiovisual.

Agora baixo o selo discográfico de Ernie Records, o álter ego do cantante galego, Grande Amore, presenta en Santiago o seu primeiro disco composto por nove cancións e titulado de xeito homónimo: Grande Amore.

Falamos con Nuno para coñocer un pouco máis sobre el, pois promete ser un boom no panorama musical galego, reivindicando a música na lingua propia.

Comecemos polo principio, ¿Por que decidiches utilizar un nome artístico e por que Grande Amore?

Digamos que é unha forma de separar a faceta de artista da miña propia. Se sacara as cancións co meu nome, sentiríame moi exposto e tería máis inseguridade que se aparece un nome artístico. En canto ao devandito nome, a historia é que un día mentres compoñía as primeiras cancións vin a un tipo que tiña unha sudadeira que poñía “grande amore”. Encantoume. Busquei en Google pensando que tal vez sería un artista xa existente, pero só aparecía unha canción italiana. Apropieime do nome e ata hoxe.

 "Poderíase dicir que Nuno Pico é a Grande Amore o que Miley Cyrus é a Hannah Montana".

A pesar de ser a mesma persoa, falas de dúas facetas, a túa propia e a de artista ¿Existen diferenzas entre Nuno e Grande Amore?

Hainas. Nuno é bastante oposto a Grande Amore. Eu como individuo son moi introvertido e reservado. Como artista, sendo Grande Amore, son máis botado para diante, alegre e tolo. Hai un pouco de cada un nos dous, pero con claras diferenzas. Poderíase dicir que Nuno Pico é a Grande Amore o que Miley Cyrus é a Hannah Montana. 

¿Sempre soubeches que querías dedicarte ao mundo da música ou foi algo que xurdiu de súpeto?

A verdade é que desde pequeno encántame a música. No recreo do colexio facía grupos e imprimía letras de cancións, como a de Whenever, wherever de Shakira. Ben, eran grupos que duraban o que dura un recreo, pero xa daquela tiña ese impulso. Isto marcouse máis na adolescencia, que é cando un escolle o que quere escoitar segundo os gustos. Poderíase dicir que non tiña un plan B, soamente un plan A: dedicarme á música. Realmente é o único que me enche e apaixona.

Miña nai dime sempre que lle sorprende que acabase dedicándome a isto porque non adoito ir cantando por aí, nin sequera na ducha. Pode parecer raro, pero a min dáme moito pudor cantar. Eu canto cando son Grande Amore. Sendo Nuno, como moito, canto Tractor Amarillo estando de festa.

@grande.amore.grande.amore e @ortiga.ortiga.ortiga

@grande.amore.grande.amore e @ortiga.ortiga.ortiga

Fálanos do teu proceso creativo como artista. ¿Cal é a túa inspiración á hora de compoñer?

A maioría das veces as miñas cancións xorden de inspiración noutras xa existentes. Cando escoito un tema que me gusta, decido facer algo parecido e así sae a música. As letras, pola contra, veñen a partir dunha frase coa que me obsesiono persoalmente, na que non paro de pensar. Unindo esa música coas letras, nacen as cancións. Todas teñen un compoñente autobiográfico, porque eu non falo moito da miña vida, son reservado, pero a través da música ábrome aos demais. 

Tes feito varias colaboracións, con Mundo Prestigio e Ortiga, por exemplo. ¿Con que artista desexarías colaborar e por que?

Con Sés (María Xosé Silvar), da Coruña. Fun vela ao Auditorio de Galicia hai pouco. Sorprendeume que ela berraba aínda máis ca min pero afinando; fixo maxia durante tres horas. Molaríame ver o contraste entre os dous berrando, porque ela sabe cantar e eu non.

@grande.amore.grande.amore e @mundoprestigio.

@grande.amore.grande.amore e @mundoprestigio.

¿Cales son os gustos musicais de Grande Amore?

Encántame escoitar música de todo tipo, artistas moi variados: Bad Gyal, Motörhead, J Balvin, Metallica, El Canto del Loco… incluso Wrecking Ball de Miley Cyrus.

O vindeiro sábado actuarás na Malatesta de Santiago ¿Cales son as túas expectativas ante ese concerto?

É curioso porque a miña primeira actuación como Grande Amore en decembro de 2019 foi alí, na Malatesta. Abrín o concerto de Ortiga, que presentaba o seu disco. Daquela parecíame unha loucura ver a Chicho presentando o seu disco diante de tanta xente na Malatesta. Agora, dous anos e pico despois, volvo a Malatesta a presentar o meu propio disco. Paréceme imposible, pero está pasando.

"Pode parecer raro, pero a min dáme moito pudor cantar. Eu canto cando son Grande Amore. Sendo Nuno, como moito, canto Tractor Amarillo estando de festa".

¿Que mensaxe queres transmitirlles aos teus fans nos teus concertos?

Téñoo moi claro. Quero que a xente saia pensando que vida só hai unha, que temos que gozar ao máximo porque, total, imos morrer todos. Carpe diem. Se vén un chaval que o luns ten exame de economía, quero que tras o concerto decida saír de festa cos colegas e facer desa noite algo épico. ¡Alegría!

¿Cal cres que é a túa mellor canción e por que?

Hai unha que á quen lle gusta, gústalle dun xeito intenso e apaixonado: “Esta pena que ás veces teño”.

As letras das túas cancións son en galego, unha iniciativa moi doada e necesaria para a nosa lingua pero ¿Supón para ti algún obstáculo cantar nesta lingua?

Non, creo que non. Eu vexo quen escoita as miñas cancións e hai moita xente de fóra de Galicia. Se igual saco o mesmo disco en inglés, castelán, alemán e galego podería valorar cal ten máis percorrido. Pero non o vou facer. Eu canto en galego e creo que funciona ben.

"Volvo a Malatesta a presentar o meu propio disco. Paréceme imposible, pero está pasando".

Se puideses cambiar algo da industria musical actual, ¿que sería?

Carallo, que boa pregunta! A min gustaríame poder coñecer os artistas de proximidade. Eu traballaba como dj nun bar de Santiago e ás veces pedíanme cancións de chavales galegos que ninguén coñecía, pero que estaban xenial. Penso que con internet semella que hai un acceso fácil a moita variedade, pero ao final sempre escoitamos o mesmo. Coñezo grupos tailandeses pero non os da mariña lucense. Debería haber en Spotify unha playlist chamada “top 50 artistas galegos”.

¿Algún proxecto futuro?

Seguir, seguir e seguir. Se este ano é tan bo como o anterior, estarei feliz.