El grupo Luar na Lubre.

El grupo Luar na Lubre. Toni Seguido

Música

Luar na Lubre: "É importante que festivais como o Folk de Sisalde pervivan no tempo"

A banda coruñesa está recuperando o tempo despois de dous anos nos que a pandemia afectou aos concertos que tiñan programados e propón no seu 19º traballo un percorrido por historias vencelladas ao Camiño de Santiago

24 septiembre, 2022 06:00

Desenvolver e dar a coñecer a música e a cultura galegas. Ese era o obxectivo de Luar na Lubre cando foi creada en 1986 e, dende aquela, a banda coruñesa leva os seus traballos por todo o mundo, facendo soar Galicia máis alá das nosas fronteiras.

Unha viaxe que leva hoxe a Luar na Lubre ao Festival Folk de Sisalde, en Arteixo, que tras ser suspendido, vaise celebrar hoxe sábado. O fundador da banda coruñesa, Bieito Romero, asegura que a importancia deste tipo de eventos é que se manteñan no tempo e avanza que Luar na Lubre tocará temas do seu novo traballo pero tamén aqueles que xa se converteron na banda sonora da vida de moita xente.

Levades 36 anos dándolle voz á música de raíz galega. Como está agora mesmo o grupo?

Nun momento marabilloso porque aínda estamos tocando e presentamos o noso 19º traballo con moi boas enerxías, moitas ganas e moitos concertos tanto en Galicia como fora. Non podemos máis que dicir que é un momento marabilloso e bo porque esto non se soe dar na música galega, e sobre todo nunha banda veterana como Luar na Lubre.

Para a cultura, e para a música particularmente, a pandemia trouxo uns momentos moi estraños

O voso 19ª traballo, Vieiras e vieiros, historias de peregrinos, lanzástelo en plena pandemia.

É un traballo que se prolonga no tempo e xa tería que haber un novo seguindo as estatísticas da nosa pauta de edición. Este rematámolo de gravar dous días antes da declaración do Estado de Alarma e o disco saiu en maio, que foi cando se levantou e entramos na chamada nova normalidade. Para a cultura, e para a música particularmente, a pandemia trouxo uns momentos moi estraños.

Non deixamos de tocar en ningún momento, pero tivemos que adiar moitísimos concertos e os que se podían facer eran con máscara, distancia, hidroxel… No 2020, de 100 concertos que tiñamos programados tivemos que reducilos a case unha cuarta parte, no 21 funcionamos moi ben e neste 2022 xa estamos como na prepandemia. Recuperando o tempo, presentando o noso novo traballo.

Como está acollendo o público este novo traballo?

Os nosos traballos teñen sempre unha recepción por parte do público moi interesante e moi boa. Hai unha cuestión que para nós é vital: conseguimos saír con regularidade fora de Galicia e iso danos unha marxe moi importante. Galicia é moi grande pero ao mesmo tempo é moi pequena, e non podes estar repetindo constantemente concertos aquí. O poder saír ao resto do Estado ou dar concertos internacionais permítenos ano tras ano poder traballar.

Cada disco funciona de maneira moi similar. Vieras e Vieiros é un traballo pensando nos peregrinos e coincidindo con estos anos Xacobeo consecutivos. Contamos a historia un pouco diferente á oficial e está tendo moi boa acollida. Fora de Galicia chaman máis a atención todas as historias que contamos.

A banda coruñesa Luar na Lubre (Antonio Vizcaya).

A banda coruñesa Luar na Lubre (Antonio Vizcaya).

Por que apostastes por estas historias vencelladas ao Camiño, para as que ademais contastes coa colaboración doutros artistas?

O disco é dobre. Unha parte ten a novidade, que sería un traballo conceptual sobre os peregrinos e o Camiño de Santiago. Polo outro lado está o recopilatorio da nosa traxectoria, onde aparecen referentes ao Camiño de Santiago e á lírica medieval galega. Neste recopilatorio é onde aparecen esas colaboracións que non son actuais, senón doutros traballos. Pablo Milanés, Ismael Serrano, Diana Navarro, Carlos Jean… aparecen en cancións vencelladas ao Camiño e á lírica nun traballo que complementa ao oficial, no que a colaboración máis coñecida a nivel popular é a de Miguel Ríos, que canta o tema Benvido.

Van a soar as cancións de Vieiras e Vieiros no Folk de Sisalde?

Sí claro, non poden faltar. Para nós este concerto é moi especial porque eu vivo aquí, considérome un dos artífices de que este festival estea en funcionamento e de que estea funcionando tan ben. Imos facer un repertorio moi especial, adecuándonos ao tempo que hai para os tres grupos. A idea é facer unha parte de Vieiras e Vieiros. Historias de peregrinos combinada cos temas clásicos que son parte da banda sonora da vida da xente que nos segue dende hai moitos anos.

É moi importante que nos grupos saian propostas novas, novos valores e proxectos, pero o máis importante é que pervivan

Dis que este vai ser un festival importante para ti. Son importantes este tipo de eventos para as bandas?

Sí, son moi importantes. Sobre todo, é importante que este tipo de festivais se consoliden, que pervivan no tempo e non sexan algo puntual. É moi importante tamén que nos grupos saian propostas novas, novos valores e proxectos, pero o máis importante é que pervivan. Dende a miña perspectiva, o importante non é que o Festival de Sisalde se celebre, é que se manteña no tempo. En tan pouco tempo de vida, xa se converteu nun referente en Galicia. Hai que potenciar este tipo de eventos e apoialos na medida das nosas posibilidades.