Eris MacKenzie, músico: "Vivir na Coruña é unha sorte, pero sempre botamos en falta a aldea"
O cantante actúa na xornada inaugural do Atlantic Pride o próximo 7 de xullo na Fundación Luis Seoane: "Estou inmensamente orgulloso de axudar á celebración e a todo o que conleve o respecto e a diversidade"
3 julio, 2024 05:00Eris MacKenzie, músico e cantante, naceu en Castelo, Culleredo (A Coruña). Con 32 anos inaugurará o Atlantic Pride en A Coruña o próximo domingo, 7 de xullo. Levará a súa música ao escenario da Fundación Luis Seoane, onde tocará e cantará os seus temas, nos que mezcla a electrónica con ritmos tradicionais de Galicia.
Neste encontro o artista contará coa presencia doutros músicos, polo que as súas produccións se elevarán ao cadrado. Máis instrumentos e voces o acompañarán nesta cita na que se reivindica o orgullo e a diversidade na Coruña e no mundo.
Actúas este ano no Atlantic Pride da Coruña, quédache preto da casa
Si, son de Castelo, dunha aldea en Culleredo. De aquí ao lado, agora mesmo vivo na Coruña, pero igual que para a xente de Sigüeiro a sua cidade é Santiago, para nós onde imos a facer a compra é A Coruña, e agora vivo aquí, jaja.
E que tal o cambio á cidade?
A verdade é que teño ganas de ir volvendo pouco a pouco cara á aldea. Vivir na Coruña é unha sorte, pero sempre botamos en falta a aldea.
Tamén o Atlantic Pride atrae a xente de fora. Como recibiches a noticia de actuar?
Fíxome moitísima ilusión que este ano pensaran en min. Xa no solo para o festi, senón tamén para o enclave da Fundación Luis Seoane, porque estéticamente a atmósfera que ten creo que é a que mellor podería pegarlle ao meu proxecto, venlle como anel ao dedo.
Como se sente que contacten contigo para formar parte disto?
Son consciente de que isto vai moitísimo máis aló do que é a festa, e estou inmensamente orgulloso de axudar á celebración e a todo o que conleve o respecto e a diversidade.
Cómo ves que se celebren este tipo de eventos na Coruña?
O non aceptar as diversidades procede un pouquiño da ignorancia. Considero que, segundo pasan os anos, hai moita mais xente informada e educada, e con iso vaise chegando ao entendemento e aceptación das diferentes opcións que hai para absolutamente todo. Por iso chegar a cidades máis pequenas, como pode ser A Coruña, pode significar o paso intemedio para onde temos que chegar e onde tíñamos que ter chegado xa.
Ver esta publicación en Instagram
Consideras que a sociedade avanzou no tema da diversidade?
Considero que é unha tendencia natural. Se vemos de onde vimos, houbo un avance enorme, eu son da xente que confía bastante na sociedade e na intelixencia da xente. É cuestión de formación e educación. Teño boas expectativas.
Isto tamén é unha oportunidade para que a xente de fóra e outras partes de Galicia poida vir e sinta cómoda neste ambiente.
Por suposto. A Coruña para nós, para toda a área metropolitana da Coruña, é a nosa capital, e desde logo iniciativas como estas supoñen oportunidades moi guais. E se son por causas como estas, mellor.
Con que nos vas sorprender no concerto?
Vamos co noso proxecto, no que construimos a nosa música en directo. Tocar neste festival e nese emplazamento vai requerir un despliegue maior de medios. Por suposto que continuando no que estou facendo nos meus directos, que é mezclar electrónica industrial, mítico Berlín dos 90, co tradicional de aquí, como son as muiñeiras. Pero levándoo máis aló en canto a performance. O equipo vai ser máis grande e vanse poder ver máis cousas do que é a música. O de sempre elevado ao máximo espoñente.
De quen vas a estar acompañado?
Normalmente cando levo a banda, levo a dous integrantes máis que son Serxio, que toca o saxofón, teclados, samplers, e tamén a Paula, que toca percusión tradicional, canta, baila... Son dous excelentes músicos e melloran moitísimo o show. Aparte, imos ter invitados especiais por ser unha data sinalada. Vai vir tamén xente moi guai a participar.
Ademáis vas facer a inauguración do Atlantic
O día 7 de xullo, ás 19:00 horas da tarde na Fundación Luis Seoane, pola inauguración do Pride, si.
Sobre as túas últimas producións, que nos podes contar?
Estou agora co lanzamento do single e a presentación do último proxecto. Do proxecto Eris MacKenzie en forma estética e atmósfera, saíu por agora o primeiro tema que se chama Meu Ceu e agora van saír nas próximas semanas novos temas. En setembro temos pensado facer a presentación do disco que xa anunciaremos porque tamén queremos que sexa nun enclave especial.
Antes tiña outro grupo que se chamaba Lora, e neste sentido A Coruña sempre nos serviu de inspiración a nivel estético, xa que tes mil escenarios para facer vídeos. Tivemos a sorte de tocar en María Pita, coa praza chea, ou en Riazor. Así que agora, con este novo proxecto quero seguir aproveitando a compartir toda a música coa Coruña que sempre nos axudou un montón.
O sea que A Coruña a nivel artístico vos axudou moito na vosa carreira profesional, non?
Sí, sí, sempre tivemos un apoio moi grande. Incluso das institucións. A xente sempre se portou moi ben en xeral coa arte. Comentar tamén que agora estou traballando coa Aldea, que tamén parte do show que fago, da estética e de toda a parafernalia que hai montada, e iso é grazas ao traballo que facemos en conxunto con Jota e con Aldea. É o que se ve nos concertos, o cambio que houbo a nivel escenografía, a nivel visual, de luces, e todo o demáis.