2024, o ano dos proxectos compartidos
O alcalde de Vigo fai balance deste ano "cheo de logros" que está a piques de rematar, pero non se esquece de proxectos "cruciais" que necesita a cidade
Remata 2024. Remata un ano cheo de logros para a cidade, un período no que Vigo se consolidou como un referente. Os últimos anos non teñen precedentes na nosa historia e, seguramente, na de ningunha outra cidade. Vigo é hoxe un modelo de éxito froito do diálogo, froito do consenso e do acordo de todos e de todas, un Vigo de convivencia e orgullo compartido.
É unha grande satisfacción levar dezasete anos á fronte dun proxecto de cidade adaptado a cada un de nós, no que cada un de nós ten o seu propio espazo dentro dun todo harmonioso, diverso e inclusivo. É a forza da unión a que ten permitido a incrible transformación, inimaxinable hai apenas dúas décadas, dunha cidade que agora se quere e se respecta a si mesma. É o resultado dun proxecto anhelado e compartido, un proxecto que me honro en liderar como alcalde pero que, sen lugar a dúbidas, é o proxecto de todos os vigueses e viguesas, a idea común do Vigo que queremos.
Vigo é a primeira potencia turística de todo o norte e oeste de España, xa equiparable ás grandes cidades do país. Un éxito que chegou da man do Nadal, ese que algúns, sen éxito, queren apagar, empeñados en eclipsar o brillo da cidade, en atacar a marca Vigo que cotiza á alza situándonos ao nivel de grandes capitais. Levamos tempo traballando no potencial e na proxección turística da cidade, descubrindo e revalorizando un patrimonio histórico que levaba demasiados anos escondido. A recuperación da muralla do Castro é o mellor símbolo deste Vigo próspero que crece imparable poñendo en valor as súas orixes.
Porque Vigo agora presume de si mesma, das súas rúas, das súas prazas, dos espazos públicos ao servizo da xente. Accesibilidade e deseño son a perfecta combinación sobre a que se implanta o noso exitoso Vigo Vertical. Ducias de escaleiras, ramplas mecánicas e ascensores permítennos desafiar a diario a complexa orografía desta cidade. O Halo é xa un símbolo deste Vigo moderno e medioambientalmente sostible que mostramos ao mundo.
O programa Vigo Vertical permítenos contar con corredores mecánicos que conseguiron que a cidade sexa amable para turistas e cidadáns, converténdonos nun referente de mobilidade con espazos verdes e cero emisións. Seguimos, por tanto, á vangarda da loita contra o cambio climático con accións como os carrís bici, que atravesan a cidade, ou a recuperación de espazos abandonados como unha antiga liña de tren reconvertida nunha senda verde de uso peonil e ciclista.
Son as Illas Cíes, son o resto das praias, son os sendeiros, é a cultura -coa maior rede de museos municipais de España -, é a arte urbana -con centos de murais de grandes artistas-. Un Vigo aberto, para os maiores e para os máis pequenos, con zonas verdes, bancos e macroparques infantís e instalacións deportivas renovadas por toda a cidade. É un novo Balaídos. Vigo é cidade á que a OCU recoñeceu como a de maior calidade de vida de España.
E Vigo vai agora da man dos novos tempos, unha cidade intelixente con uso de tecnoloxías que nos sitúa á vangarda de Europa. Novas formas de economía, de emprego e de lecer, pero tamén de mobilidade urbana nas que imos seguir traballando. Facendo Vigo entre todos e todas.
Nesa senda compartida hai tamén reivindicacións, demandas xustas desta cidade forxada na economía e nas nosas propias mans. Porque Vigo non é capital de Galicia, nin de provincia, aínda que podería selo. Vigo é economía, é emprendemento e precisa de infraestruturas ás que xa non estamos dispostos a renunciar. O tren de alta velocidade directo a Madrid, a saída Sur ou a autovía a O Porriño son algúns dos proxectos cruciais para o futuro da nosa cidade e, polo tanto, para o conxunto da cidadanía galega. Son proxectos en marcha grazas á propia forza da cidade, á forza da xente porque Vigo é resilente, os piares sobre os que se forxa a nosa sociedade e a nosa economía son robustos e moi firmes.
Comezamos 2025 con moitos proxectos compartidos. Comezamos 2025 cheos de ilusión e de ganas de seguir mellorando a nosa cidade. Grazas por acompañarnos nesta gratificante tarefa.
Feliz ano novo!