O Día de Galicia
O Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia achega a súa visión sobre o día grande desta terra, unha terra para todos e de todos que traspasa fronteiras e que sempre recibe cos brazos abertos
O Día de Galicia é como Galicia mesma. Esta podería ser unha das múltiples definicións para unha celebración que nos chegou hai pouco máis de cen anos fixada polas Irmandades da Fala. Celebramos un día de contido relixioso e civil, reivindicativo e institucional, cultural e turístico, de Galicia e de España, e unha efeméride verdadeiramente especial para galegas e galegos independentemente da nosa fe, ideoloxía, relixión ou lugar de residencia.
É un día para todos. Para os que entenden que o Apóstolo foi un heroe da Reconquista ou que foron as estrelas as que guiaron a unha corte de "inmorrentes" tal e como relata Castelao na súa magnífica "Alba de Gloria" ou simplemente que é bo día para estar nunha Compostela ateigada de peregrinos, visitantes e actividades; en calquera vila, parroquia ou praia nas que festexamos ter unha cultura e lingua propias, o que é o mesmo que dicir un xeito de ver o mundo que nos caracteriza.
A nosa xente tamén foi sempre así, un crisol de sentimentos e vivencias, quizá como todas as do mundo, pero esta é a nosa. Con todas as arestas e contradicións que lle queiramos buscar –que tamén as hai– pero en todo caso participamos dunha celebración amable e acolledora que nin sequera reivindicamos só para nós. O Santiago celébrase en toda España e en todos os lugares da Cristiandade, o que nos fai aínda máis internacionais a este dous millóns e medio de seres que vivimos no noroeste peninsular e a outros tantos espallados polo mundo que son parte da Patria Galega.
O futuro supoño que vai ter aínda máis compoñentes. Moito máis tecnolóxico, xentes chegadas doutras latitudes, máis linguas, relación e fluxos socioeconómicos que o condicionarán todo. Con eles chegarán xentes e formas de ver unha realidade cada vez máis cambiante. Pero o fundamental, como sempre, permanecerá. Seguramente os nosos netos celebren este día con eventos dixitais e audiovisuais dotados de moitísimas mensaxes comprimidas en pílulas comunicativas que duren segundos. Supoño tamén que todo o que estamos a facer por preservar a nosa cultura e todo o que ela contén e significa estará a disposición de todos os cidadáns do mundo por primeira vez na historia en igualdade de condicións coas grandes do planeta.
Desexo que as xeracións vindeiras se sintan de verdade galegas, porque será así como conservarán e acrecentarán unha data tan destacada na que ademais de misas solemnes haxa bandeiras, músicas e bailes no que as nosas comunidades estendidas por toda a Terra se sintan orgullosas de falar, cantar e gozar como nolo transmitiron os que antes de nós viñeron. Así teremos cumprido un dos grandes deberes que ten de calquera civilización, como é o de asegurar a pervivencia duns valores construídos co esforzo de moitas xeracións. Dende as Irmandades da Fala souberon indicarnos que somos froito de moitos camiños que veñen confluír a unha cidade con nome de "campo de estrelas" ou de "ben composta". Velaquí unha das virtudes de Compostela, ser unha referencia fundamental para que galegas e galegos cando nos atopamos moi lonxe, do outro lado de océanos, vales ou montañas, teñamos moi claro sempre cal é o Camiño a coller, a que anaco de mundo imos volver e cales son as torres que o sinalan lucindo esplendorosas ao solpor dun Ano Xacobeo.
Feliz Día de Galicia.