Tradicións ancestrais: esconxuro para a queimada galega de hoxe
Augardente con azucre, casca de limón, grans de café e mazá: beberaxe pasada por lume para botar fóra os males
7 enero, 2024 05:00Na Galiza do século pasado era habitual usar a augardente como xarope contra o catarro ou para matar o becho antes de comezar o traballo ou co café con azucre de despois de comer. Deu en usarse, máis adiante, para beber nas festas prendendo lume á augardente branca e mesturándoa con azucre, casca de limón, grans de café e anacos de mazá, segundo o gusto de cada casa, ao tempo que se recitaban os ensalmos ou esconxuros de espantar os males que, evolucionando, chegaron a nós.
Así foi que quedei hai uns días para unha comida no fogar da Susa Lopo, amiga que gusta de facer teatros prós demais… E sorprendeunos desta cun novo esconxuro que deixamos aquí para quen queira espantar os malos espíritos ou dar comezo ao 2024 cunha vivencia das de lembrar.
De primeiras, unha roda
nesta festa feiticeira;
botai os pés a beillar
danzando a vella muiñeira.
Acudide forzas da terra!
Que a forza do lume nos valla!
Valeinos forzas da augha e do ar!
Forzas todas do universo, arredai de nós:
O moucho do penedo, a pegha pola esquerda,
o cheiro da bubela, a moura avelaíña,
o rabo ergheito dunha ghata neghra,
a chantada de doniña ou de píntegha ou de alacrán…
Bota fóra, bota!
A curuxa do cruceiro, o ghrallar do corvo,
o ovo do ghalo vello, o aturuxo de ghaliña,
o ouveo do can, o ladrido de raposo,
o rumbo acusante dun paspallás…
Bota fóra, bota!
A saraiba, as enxurradas, os lustros e tronos,
a andacía e o mar enorme,
o tangharaño, o mal de aire, o mal de ollo,
o espírito maligno do fondo do val a ghabear polas pedras ata o outeiro.
Bota fóra, bota!
Erghamos máis altas esas labaradas
pra que este feitizo nos libere:
da xente murmuradora… Bota fóra, bota!
da xente que topa ghracia en amolar os mais… Bota fóra, bota!
da xente mexerica… Bota fóra, bota!
da xente asoballante… Bota fóra, bota!
da xente intereseira… Bota fóra, bota!
de toda xente ruín e revirada… Bota fóra, bota!
E nesta folía de irmandade,
compartindo en xuntanza esta queimada,
chamamos á luz da vida
pra que o pulo esperanzado dos devanceiros
sexa o noso caritel e,
en ceibándonos de todo mal,
poidamos nós seghir… adiante co varal!
E ADIANTE CO VARAL!
E, como as tradicións tenden a quedar atrás como ecos no ar deixamos hoxe aquí esta vivencia nun intento de tanxer o inmaterial.