Rosalía de Castro: catro poemas e dúas pinceladas da ‘Avoa da Poesía’
“Eu son libre. Nada pode protexer a marcha dos meus pensamentos, e eses son a lei que rexe o meu destino”.
11 febrero, 2024 05:00María Teresa de Castro e Abadía non criou a Rosalía ó estilo das fidalguiñas do momento, metidas na casa e non aprendendo outra cosa que bordar á espera dun bo casamento, como na sociedade santiaguesa que Emilia Pardo Bazán espella en Los Pazos de Ulloa, cando o fidalgo don Pedro de Ulloa vai escoller noiva para casar entre as fillas do seu arruinado tío don Manuel Pardo de La Lage.
Nai e filla sempre foron compañía mutua por onde as levou a vida: Madrid, Santiago, Padrón ou mesmo no fogar da familia materna na Casa Grande de Arretén. Esa nai deulle liberdade á Rosalía para aprender música, francés, debuxo ou para representar con 17 anos o papel principal de Rosamunda de Antonio Gil y Zárate, cando ser actriz non estaba nada ben visto. E tivo a filla os ollos ben abertos para aprender tamén cal era o papel da inmensa maioría das mulleres que en moitos casos, ademais do traballo da casa, víanse na obriga de andar á procura do sustento da familia fóra dela.
Con esta aprendizaxe e con pouco máis de 20 anos publicou, no 1858, Lieders en El Album de El Miño. O lied é un poema breve musicado con influencia da canción popular alemá, que tivo moito éxito no Romanticismo. Mais Rosalía de Castro deulle unha volta… Non escribiu un poema senón fina prosa reivindicativa. Velaí un fragmento que traduzo:
Ouh! Non quero cinguirme ás regras da arte! Os meus pensamentos son vagabundos, a miña imaxinación errante e a miña alma só se satisfai de impresións.
Nunca dominou na miña alma a esperanza da gloria, nin soñei nunca con loureiros que oprimisen a miña fronte. Só cantos de independencia e liberdade saíron dos meus beizos, aínda que arredor sentira, xa dende o berce, o ruído das cadeas que debían aprisionarme para sempre. Porque o patrimonio da muller son os grillóns da escravitude.
Eu, sen embargo, son libre, libre coma os paxaros, coma as brisas; coma as árbores no deserto e o pirata no mar.
Libre é o meu corazón, libre a miña alma e libre o meu pensamento, que se alza ata o ceo e descende ata a terra soberbio coma Luzbel e doce coma unha esperanza.
Cando os señores da terra me ameazan cunha mirada ou queren marcar a miña fronte cunha marca de oprobio, eu río coma eles rin, e fago, en aparencia, a miña iniquidade máis grande que a súa iniquidade. No fondo, o meu corazón é bo; pero non acato os mandatos dos meus iguais e creo que a súa feitura é igual á miña feitura, e que a súa carne é igual á miña carne.
Aínda non lle é permitido á muller escribir o que senten e o que saben.
La hija del mar – Rosalía de Castro
Coa mesma ironía que en Lieders, enfrontouse a aquela xente que rexeitaba que unha muller fose quen de dedicarse a algunha actividade fóra da doméstica, sobre todo á intelectual… e máis aínda cando o facían con mestría innegable. Queda patente co seguinte fragmento de Las Literatas – Carta a Eduarda que asinou como Nicanora (1866):
(…) Polo que a min respecta, dise que o meu marido traballa sen cesar pra facerme inmortal. Verso, prosa, bo ou malo, todo é del, pero sobre todo o que lles parece menos malo. E non hai principiante de poeta / nin home sesudo / que non o afirme. (…)
Os homes marchaban de Galiza na procura dun futuro, mais os problemas quedaban e a muller enloitada tamén quedaba á espera… Á espera da chegada da carta, á espera de recibir un diñeiro pra desempeñar a pasaxe, a puxar polo resto da familia e a facenda. Mulleres marcadas, viúvas de vivos:
Os anos pasaron,
as frores mucharon,
os negros cabelos
en brancos tornaron;
e nunca máis, nunca,
¡poder dun querer!,
quixeches volver…
E tomou partido ó longo da súa vida. Rosalía, firmando co seu propio nome, presentou a Galiza que lle tocou vivir, sen facer poesía ou novela de circunstancias, senón poñéndose de parte de quen sufría:
Adiós, gloria! ¡Adiós, contento!
¡Deixo a casa onde nacín,
deixo a aldea que conoso,
por un mundo que non vin!
Deixo amigos por extraños,
deixo a veiga polo mar;
deixo, en fin, canto ben quero…
¡quén puidera non deixar! (…)
Vivír para ver.
E o Denantes mortos que escravos de Castelao xa podía palparse con forza en moitos dos versos dela:
Aqués que tén fama d’ honrados na vila
roubáronme tanta brancura qu’ eu tiña;
botáronme estrume nas galas dun día,
a roupa de cote puñéronma en tiras. (…)
Mireinos con calma, i as mans estendidas,
dun golpe ¡dun soio! deixeinos sin vida.
I ó lado, contenta, senteime das vítimas,
tranquila, esperando pola alba do día.
Muller de forte conviccións e de vida pedregosa, pasou a súa existencia, corta de máis, denunciando con sensibilidade a desigualdade social da muller escritora, da muller labrega e da propia terra. E fíxoo de tal maneira que a levou a ser literata / poeta / novelista universal per se.