Nuno e Maruxa na Romaxe de Caritel.

Nuno e Maruxa na Romaxe de Caritel. Cedida

Cultura

Suso Ferro e Susa Lopo: unha vida sementando cultura

Os Susos dedican a súa vida a tecer redes e crear proxectos para achegar a xente moza aos avós e devanceiros por medio da lingua e a tradición

7 abril, 2024 05:00

"Un é algho máis que onde nace: un é tamén de onde escolle ser. Cómpre ter un lugar pra axudar no seu medrío. Deime explicado?", pregunta Susa coas feituras de quen se dedicou ó ensino, de quen non di "Entendiches?" que pon o foco no outro e "ao outro non o hai que facer parvo nunca".

Pregúntolle polo ano e lugar de nacemento e di "E pra que queres saber iso? Que queres que che digha?", e nese momento chámaa por teléfono súa irmá. Falan un chisco, un "Como vas indo? Todo ben?". E colgando queda a pensar. "Tanto ten onde nacín porque o que deixou pegada en min é Caritel, a casa das miñas devanceiras, que hoxe pertence á miña irmá, e logo a miña sobriña e que logo será de Lía, a filla dela. Eu teño unha mistura do real e do marabilloso. O meu Caritel, di, é o lughar polo que podo saír a camiñar e parar a falar, ou botar unha man, ou comentar algho e seghir a andaina; é o Caritel da Silvina que aparecía coa ducia de ovos namais vernos cheghar; ou o de Esperanza que inda hoxe achéghase cun ‘Mira o que tal che teño preparado, Suso’!, lembranza dos ditos e refráns dos vellos para que tome nota. Ese é o Caritel onde quero ter unha casa pra que me estea preto do cemiterio, preto dos meus que están e non están".

O Bando de Caritel de excursión. Anos 90 (Cedida).

O Bando de Caritel de excursión. Anos 90 (Cedida).

Coa teima de tecer redes para termar do propio, argallaron proxectos para achegar a xente moza aos avós por medio de lingua e a tradición. Por iso, impulsaron un movemento na parroquia, xa nos 80, para que as misas dos domingos se fixesen en galego e onde os cativos fosen os verdadeiros protagonistas no presbiterio aprendendo a ler e recitar textos previamente preparados.

Edith Pazó escribiu en Caritel de todos nós: "Esa centralidade nos nenos e na mocidade é permanente na vida dos Susos. E desa motivación, e da colaboración, do traballo e do alento de moitos de alí e de fóra, naceron boa parte dos proxectos culturais máis importantes que se desenvolveron na aldea de Caritel nos últimos trinta anos".

E sementaron cultura, non soamente arredor das letras senón tamén do inmaterial, cun agrupamento de baile e música tradicional, poñendo os azos en recuperaren a vestimenta tradicional facéndoa propia para que así os días de festa toda a rapazada se sentise alguén por ser da parroquia. Acuñaron como marca do bando —como caritel—, o petróglifo aparecido nunha cancela e que non se topa recollido en ningún outro lugar máis que na pedra e nas saias e corpiños dos seus traxes tradicionais.

"Para superar os desniveis entre os rapaces e para favorecer a autonomía do propio grupo de baile e a formación dos nenos e nenas, os Susos crearon un grupo de costura guiado por Tesi de Caldas, que aprendía as técnicas de bordado con abelorios e outros aspectos básicos da costura axeitados ás diferentes idades dos e das asistentes"

Edith Pazó

Este agrupamento percorreu, con pais e avós, Galicia enteira co Suso no micrófono explicando a importancia da terra pola que pasaban… E alá onde chegaban tiraban de instrumentos e daban en tocar e bailar os mozos e os vellos. Susa coa pandeireta, Suso co acordeón que agora tamén toca seu sobriño Nuno.

Suso visto por Pulido.

Suso visto por Pulido.

A ansia de coñecer e transmitir o saber leva a Suso a preguntalo, repreguntalo e anotalo todo todiño para investigacións ás veces feitas libros como o Cadaquén fala como quen é (1996) e o Libro da Vaca (2015), nacidos á beira dos camiños onde para a latricar.

O Bando de Caritel de excursión. Anos 90 (Cedida).

O Bando de Caritel de excursión. Anos 90 (Cedida).

E sen publicar –"E pra qué?"–, pero con representacións nos escenarios galegos, as pezas que Susa fixo baixo o lema de facer teatro por algo máis que facer teatro. Escribiu e dirixiu adaptacións de obras clásicas e outras propias pensando na mocidade dos institutos onde era tamén profesora. "Con ansia, quen quere, pódeo todo", facíalle repetir a Siña Lionora en Con Fío na Prata. Os diálogos mudaban cada xuntanza para achegalos ás necesidades dos actores e actrices que esconxuraban os seus propios medos.

Non era soamente o teatro: o comedor da casa deles foi tamén aula de Historia, Historia da Arte, Xeografía, Música, Latín ou do que fixese falta… Xa que, máis dunha, pasou un día tras outro nese comedor onde non faltaba o café e o chocolate, o comedor que pasaba de ser salón-teatro a biblioteca-refuxio, coa Susa dando o seu tempo e saberes para puxar por aquelas que precisaron de algo máis que libros para saír adiante na vida.

Integrantes de ‘Fío na Prata’ no escenario (Cedida).

Integrantes de ‘Fío na Prata’ no escenario (Cedida).

E así, aquela alumna para quen foi escrito o papel da Siña Lionora, deu en aprender aquilo que se lle pedía para chegar máis alá do que puidera nunca imaxinar… E deu tamén en facer seu un guión escrito coa gheada, seseo e expresións naturais da fala de onde ela nacera e que rexeitara ata aquel momento por sentir que a facía ser menos… Ata que, con ansia e da man de Lionora, a alumna Jéssica –que despois foi Sica–, termou do teatro, da literatura e das súas orixes.

…Preguntoume un amigo co que andaba a falar deste texto: "Quen son os Susos?". Os Susos son esa xente a que eu (me) quixera imitar.