Alumnas do CIFP Compostela

Alumnas do CIFP Compostela Xunta

Educación

A Xunta aposta pola FP e amplia as familias profesionais: xa son 214 titulacións en toda Galicia

O diálogo entre a comunidade educativa e os sectores socioeconómicos é o que inspira ao proxecto educativo da Xunta

29 junio, 2024 05:00

A Xunta amplía a Formación Profesional para o vindeiro curso 2024-25 case na totalidade das familias profesionais, así como en todas as áreas territoriais. Un plan que pretende dispoñer dunha oferta “ampla, variada e de calidade paraa  igualdade de oportunidades como sinal de identidade do sistema educativo galego do cal forma parte a Formación Profesional”, afirma o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez. Cun total de 46.714 prazas de novo ingreso que foron deseñadas “en base ao diálogo entre a comunidade educativa cos sectores socioeconómicos”.

O titular de Educación subliñou tamén que con esta “cifra récord”, que medra nun 11% con respecto ao actual curso, búscase “que todo aquel que o desexe, atope un oco na FP, cunha formación case á carta que se adapta ás necesidades e aos intereses de cada persoa”.

Así pois, quen desexe estudar un ciclo de FP o próximo curso, poderá escoller entre 214 titulacións diferentes -17 delas de nova implantación- repartidas en 153 ciclos de grao medio, básico e superior, 22 másteres, 24 títulos de alta especialización e 15 programas formativos orientados a persoas con necesidades educativas especiais. Pódense consultar a través do Portal Educativo.

Se atendemos ás cifras absolutas, hai dez familias profesionais que incrementan o seu número en máis de 200 prazas con respecto a este ano. Entre elas destacan as familias Informática e Comunicacións (que suman 534 prazas máis sobre as xa existentes), Hostalaría e Turismo (483 máis) e Comercio e Márketing (442 máis).

Se atendemos aos datos territorializados, a oferta medra en todas as áreas de Galicia, consolidándose a tendencia á alza nas zonas metropolitanas maiormente poboadas, con Vigo á cabeza, que aglutina o 22% da oferta total da Comunidade Autónoma, e a área da Coruña que aumenta as prazas nun 12,74% ata acadar as case 9.500.

Non obstante, faise fincapé no reforzo da oferta nas áreas rurais onde, en palabras de Román Rodríguez, “a FP actúa como vector de desenvolvemento, axuda a fixar poboación, a crear postos de traballo, a crear riqueza e a facer país”. Non en balde, o vindeiro curso ofértanse un total de 7.631 prazas no rural, o que representa un 11,5% máis (789 prazas máis) ca no actual curso e máis que nunca. 

Entre eles cómpre destacar títulos como Produción agroecolóxica (Arzúa e Ribadeo), Soldadura e Caldereiría (Cee, A Pontenova e As Pontes), Química e Saúde ambiental (Burela) ou Deseño e Amoblamento (A Estrada e Melide), entre un amplo abano de oferta. 

Ver esta publicación en Instagram

Una publicación compartida de Edu Xunta (@edu.xunta)

Alta especialización

Outro dos eidos destacados en canto a impulso para o vindeiro curso son as titulacións de alta especialización, exclusivas de Galicia e que, segundo explicou o conselleiro, “atenden ao reto de avanzar nun sistema de FP de alta cualificación atendendo a unha demanda específica por parte do sistema produtivo co deseño de titulacións ad hoc”.

O vindeiro curso poderanse estudar un total de 24 titulacións de alta especialización configuradas como dobres titulacións ou combinacións de ciclos, másteres e cursos de distintos títulos, 13 delas de nova implantación. Hai un total de 623 prazas (un 52% máis que no actual curso) que se reparten en 27 grupos de aula por toda Galicia. Estas abranguen eidos económico-industriais moi variados  como son automoción e os novos vehículos híbridos, a robótica, a xestión turística, a restauración, a soldadura, as telecomunicacións, a transformación da madeira ou a cantería, entre outros.

Alumnos de FP.

Alumnos de FP. Xunta

Esta novo eido que quere impulsar a Xunta é unha formación de xeito exclusivo por Galicia atendendo a unha demanda específica por parte dos sectores produtivos. Nela únense dobres titulacións ou combinacións de ciclos, másteres e cursos de distintos títulos.

En total ofértanse 623 prazas, o que representa un aumento de máis do 52% con respecto ao presente curso. Para isto, constituiranse 27 grupos de alta especialización distribuídos por toda a xeografía galega. 

Potenciación da FP Dual Intensiva e dos másteres

A modalidade de FP Dual Intensiva (a FP Dual clásica que na nova normativa estatal pasa a denominarse así) é unha das que máis pulo recibe por parte do Goberno galego con 6.153 prazas, o que supón un incremento de máis do 45%. Esta modalidade consolídase, por tanto, como unha vía para acadar unha maior formación na empresa, o que garante unha inserción laboral de preto do 100%.

No que atinxe aos másteres, para o próximo curso ofértanse un total de 1.658 prazas, o que representa un crecemento de máis do 53% respecto á oferta do presente curso. En total, ofértanse 76 grupos de másteres distribuídos por toda a xeografía galega.

Por outra parte, tamén se mantén a oferta de programas formativos básicos, un instrumento de especial relevancia para que o alumnado con necesidades educativas especiais poida conseguir a súa incorporación ao mercado laboral ou a súa continuidade no sistema educativo.  

Así pois, a FP galega medra tanto no conxunto da Comunidade como en cada un dos territorios e na case totalidade dos sectores e familias grazas á potenciación da modalidade de FP Dual Intensiva, aos másteres de FP e aos itinerarios de alta especialización exclusivos de Galicia que agora se impulsan de xeito considerable. Isto garante unha oferta ampla, variada, que chega a todo o territorio e que dá resposta a todos os sectores produtivos.

Alumno de FP en laboratorio.

Alumno de FP en laboratorio. Xunta

Non en balde, foi deseñada logo de escoitar aos axentes educativos e socio-económicos a través do Plan Conecta FP Galicia, con encontros sectoriais e territoriais nos que participaron máis de 12.000 empresas, 400 asociacións, cluster ou entidades empresariais e uns 300 centros.

Datos destacados Porcentaxe de crecemento
Prazas totais no sistema de FP +10,76%
FP Dual Intensiva +45,33%
Másteres +53,23%
Títulos alta especialización +52,32%
Prazas no rural +11,53%

Dentro do catálogo de 214 titulacións, hai catro que se implantan por primeira vez en Galicia, dúas delas en ciclos formativos e outras dúas de máster: 

  • Ciclo de Grao Básico Aproveitamento Forestais: CIFP de Vilamarín, Ourense (Dual Intensiva).
  • Ciclo de Grao Medio Condución de Vehículos de Transporte por Estrada: CIFP As Mercedes, Lugo e o CIFP Valentín Paz Andrade, Vigo (Dual Intensiva).
  • Ciclo superior de Posicionamento en Buscadores (SEO/SEM) e Comunicación en Redes Sociais: CIFP As Mercedes, Lugo e IES Luís Seoane, Pontevedra.
  • Ciclo superior de Redacción de contidos Dixitais para Márketing e Vendas: CIFP As Mercedes, Lugo; CIFP Fontecarmoa, Vilagarcía de Arousa; CIFP Portovello, Ourense; CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro, Ferrol e IES Luís Seoane, Pontevedra. 

Impulso ao rural

As necesidades de formación no territorio rural detectadas a través dos encontros do Plan Conecta FP permiten seguir afianzando a aposta por unha oferta formativa atractiva en áreas de menor densidade demográfica, o que confire oportunidades tanto aos mozos e mozas como ás empresas ao tempo que contribúe a fixar poboación.

Así pois, para o próximo curso ofértanse un total de 7.631 prazas no rural, un 11,5% máis que as dispoñibles ata o momento a través da ampliación de ciclos formativos e de másteres na modalidade dual intensiva.

A este obxectivo responden ciclos como os de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural en Mondoñedo e Ribadeo, Aproveitamentos forestais en Vilamarín, Automatización e Robótica industrial en Cee, Produción Agroecolóxica en Arzúa, Automoción en Chantada, Curtis, Ordes, Ponteceso, Ribadavia, Ribadeo e Sanxenxo, Gandaría e Asistencia en sanidade animal en Boqueixón, Melide e Xinzo de Limia ou Paisaxismo e Medio rural en Arzúa e Bergondo, entre outros.

Por outra parte, tamén se incrementan nun 8,8% as prazas de grao medio no rural, un itinerario axeitado para o alumnado que remata un ciclo de grao básico e que é unha ferramenta de loita contra o abandono escolar temperá e para favorecer a inserción laboral.