Jorge Suárez (FeC): ‘Mesmo os que non nos votan, respectan as nosas propostas’
O que foi alcalde entre 2015 e 2019 preséntase ao 28-M con ideas para a mocidade, o rural e o emprego
22 mayo, 2023 16:41Jorge Suárez (Vigo, 1975) encabeza por terceira vez consecutiva a lista electoral de Ferrol en Común. A primeira vez conseguiu chegar á alcaldía, estando á fronte da cidade a nivel institucional entre 2015 e 2019. Tras catro anos na oposición, ao non ter chegado a acordo co PSOE para formar un bipartito, Suárez preséntase “con ilusión” e “por vocación” aos comicios do vindeiro 28 de maio.
A conta atrás ás urnas ocupa o seu tempo pero asegura que o segundo tema que ten na cabeza esta semana é o esperado ascenso do Racing de Ferrol, que “ogallá podamos celebrar”.
É a terceira vez que se presenta… que o leva a intentalo de novo?
O grupo de persoas que conforma Ferrol en Común é cohesionado e compacto. Logo de algunha dúbida o seu empuxe e a ilusión foi determinante.
Notou, entón, o apoio dos que conforman o partido?
Si, é un grupo diverso, con diversas orientacións. Case un grupo de amigos. E o apoio da familia tamén foi importante.
Que ensinanzas recolleu ao longo dos seus oito anos na política ferrolá?
Aprendín que na política de Ferrol hai que ser capaz de chegar a acordos, é fundamental para para a xestión diaria dos asuntos. Tamén é fundamental que exista un goberno de grandes acordos para ocuparse da política, que é a ferramenta de transformación. Tamén aprendín a dialogar e a recapacitar máis antes de tomar algunha medida ou facer alguna declaración pública.
No inicio da súa carreira política na cidade, chegaba á alcaldía con moita vontade de cambio. Segue a pesar máis a vontade que a xestión?
Temos tamén máis clara a folla de ruta para conseguir obxectivos que antes parecían inalcanzables. Eu estou transmitindo unha idea pouco electoralista pero necesaria. O primeiro labor do goberno ten que ser completar o cadro de personal do Concello porque os funcionarios (locais) están facendo máis traballo do que se pode facer humanamente. Remunicipalizar os servizos é algo que, se non tes un corpo funcionarial forte, non é posible acometer.
Cre que o votante de esquerda entende que Ferrol en Común e Podemos non chegase a un acordo para unha candidatura conxunta?
Nós intentámolo. Pero non hai forma de reconducilo. FeC é unha marca máis que consolidada na cidade, cunha traxectoria avalada polo consolidado durante os seus oito anos de existencia e iso é o que vai dar os resultados, non estes 15 días.
Por que non houbo acordo?
Temos que entendernos a medio prazo, porque veñen citas electorais importantes. Entrar en detalles perxudicaría ese traballo conxunto que temos que facer e nós non imos propiciar un cruce de declaracións.
Está a haber algunha sorpresa nos seus actos de campaña coa asistencia de personas que se presupoñen doutros partidos? Que sensacións ten na rúa?
Os actos como tal é un formato xa obsoleto na política do século XXI. O que máis está a dar resultado é o contacto coa xente de rúa. Nós non chamamos á xente para que me veña escoitar e non hai que subestimar a capacidade da cidadanía para estar informada. Pero si que hai xente que consideraba máis do PSOE ou do PP e que están dubidando. Aproveito para facer un chamamento aos que dubiden para que nos voten. A xente nos está a dar moitísima calor. Mesmo os que non nos votan, respectan a candidatura e as nosas propostas.
Falando de propostas, cales son as principais do seu programa electoral?
Temos un programa en sentido clásico de 50 páxinas. Esta cidade o que precisa para recuperarse como é vencer a crise demográfica e iso só se pode facer a través do emprego, que é unha competencia autonómica, pero o Concello ten moito que dicir. Por exemplo, creando sinerxias co asteleiro, ofertando cursos de formación e capacitación a través do centro de emprego, temos ciclos de formación profesional con moita saída se o Concello actúa como motor,… En Ferrol hai 9.000 vivendas baleiras. A rehabilitación e adquisición de vivenda por parte do Concello sería unha forma de asentar poboación.
Hai que recuperar a autoestima que parece que xa as novas xeracións teñen, cun proxecto de cidade máis asentado, que ofreza aparcadoiros disuasorios en cada barrio e transporte público digno.
O Ferrol rural é igual de importante. O seu mantemento, os desbroces, a iluminación,… debe formar parte da axenda política.
E outro Ferrol do que debemos falar é o Ferrol das persoas. Moitísima poboación migrante ten necesidades a nivel de vivenda, sustento, e emprego e ten que enfrontarse ao trámites burocráticos. Atender a eses colectivos debe ser tarefa tamén do goberno local.
Que propón FeC para que a mocidade poida quedar e para que, aquela que marchou, regrese á cidade?
Temos a sorte de que a nosa número 2 (Nerea P. Carballeira) é educadora social e as propostas que temos son profesionais, non só é lecer e ocio. Queremos poñer en marcha un consello da mocidade a través do cal se decida un 5% dos orzamentos. Queremos ter un organismo asesor da mocidade para axudar con trámites administrativos para emprender un negocio, establecer unha guía do que teñen que facer nese sentido e asesoralos en vivenda e emprego. E queremos ofrecer tamén pisos rehabilitados en Recimil para a xente nova.
Será isto último posible na vindeira lexislatura?
A rehabilitación exterior de moitos bloques xa está rematada ou en marcha. Foi unha proposta que conseguiu Ferrol en Común a través do Edusi. O camiño xa está emprendido e hai que seguir avanzando con máis rapidez, se é posible.
Como ve o futuro da cidade neste horizonte no que se debulla unha carga de traballo en Navantia durante os próximos 10 anos?
Moi optimista. Vexo que a mocidade está cambiando a súa perspectiva. O outro día, nunha saída de traballadores de Navantia, había moita xente nova. Estase retomando o pulso e o sentimiento ferrolano e esperamos que estes 10 anos de bonanza se vexan asentados. E este é o momento de reivindicar asuntos como o tren Ferrol-A Coruña ou facer unha embestida figurada contra o Goberno central para que o que se nos debe, como o dique cuberto, sexa unha realidade.
Sobre o chan industrial en Ferrol… cal é a postura de FeC?
Contrariamente ao que se soe pensar, si que temos unha visión comarcal da industria. Consideramos a Fene e Narón aliados, e esas polígonos están aínda por desenvolver. Desde o 2015 e ata hoxe levamos a proposta de ofrecer chan industrial para o asentamento de empresas tecnolóxicas.
Cre que será posible ver algún día melloras na conexión ferroviaria entre Ferrol e A Coruña?
É posible se somos un pouco maduros. Hai un proxecto que está aí: eliminar o baipás de Betanzos suporía que a viaxe pode ser de 45 minutos. Ese é un tempo competitivo con respecto á autoestrada pero, para iso, hai que centrar o tiro e ser constantes. Todos apostamos por ese proxecto, pero se empezamos a flar dun novo trazado estaremos outra vez facendo estudos e proxectos e seguiremos agardando por algo que non vai chegar.
As enquisas parece que dan a FeC un concelleiro menos con respecto aos tres que conseguiron en 2019.
As enquisas son como os pementos de Padrón, unhas acertan e outras non. Por exemplo, o voto dos indecisos non se sabe ata o último minuto. Respecto as enquisas, pero son datos que tamén hai que ter en conta porque o resultado pode ser moi distinto.
En caso de ser preciso, FeC ofrecería o seu apoio ao PSOE para formar goberno?
Sendo moi galego, depende. Non o digo de farol: estamos en condicións de ser a forza máis votada da esquerda. Se o PSOE encabeza a lista máis votada, que non creo que vaia ser así, nós non imos caer na trampa do 2019, hai que ser rigorosos. O ideal sería un goberno con 13 concelleiros de esquerda encabezado por Ferrol en Común.
Que é o primeiro que fará o 29 de maio?
Felicitar ao que gañe as eleccións, que supoño que será unha autofelicitación. É un día laborable, lectivo, e pola tarde espero desfrutar da familia para comezar canto antes un proxecto ilusionante, desde o minuto cero, por unha cidade que ben o merece.