Catedral de Santiago de Compostela

Catedral de Santiago de Compostela Shutterstock Santiago de Compostela

Opinión

365 días para unha Galicia mellor

O presidente da Xunta repasa un 2024 cheo de novos logros e avanza o traballo a facer ao longo de 2025

Alfonso Rueda
Publicada

Este 2024 contivo case 9.000 horas que parecen moitas máis. Enchémolas de plans pero, seguramente, non nos deu tempo a facer todo o que nos gustaría. As uvas marcan unha especie de táboa rasa, na que tanto os éxitos como os deberes pendentes do ano quedan atrás e pasan a ser un folio en branco para cubrilo de propósitos para 2025.

Nos Gobernos, os desafíos nunca se acaban. Cada mañá de cada día e o 1 de xaneiro de cada ano xorden novos obxectivos que afrontar con máis ganas se cabe, porque non hai maior motivación que a que nos move: mellorar a vida da xente.

Botando a vista atrás cara o 2024 que termina, vemos que a economía galega segue crecendo a bo ritmo e creando emprego. En Galicia hai menos persoas en paro que nunca. As matrículas nas universidades son gratis e a atención educativa para os pequenos das escolas infantís segue sen custar un euro ás familias. Temos 1.600 vivendas de promoción pública cos trámites iniciados e aínda planificamos facer moitas máis, ata duplicar o noso parque público ao final da lexislatura.

Neste ano tamén demos a batalla para poder xestionar o noso litoral desde Galicia, e gañámola. Tamén puxemos toda a maquinaria en marcha para ampliar a idade das beneficiarias da fecundación in vitro e estendemos os supostos para a conxelación de óvulos na sanidade pública. As empresas poden acceder a solo empresarial público gratis durante oito anos. Podería seguir, porque este ano Galicia non perdeu nin un minuto.

Iso é precisamente o que seguiremos facendo en 2025: culminar o empezado e iniciar novos plans. Trátase de manter o que funciona, mellorar o que aínda non se fai de todo ben e innovar con novas estratexias para non perder o tren do futuro.

O próximo ano tamén queremos que sexa o da consolidación dunha comunidade verde e próspera, porque o medio ambiente e o crecemento económico son e deben ser sempre compatibles. Queremos seguir atraendo industrias que repercutan no benestar de todos os galegos, traendo máis desenvolvemento, máis emprego de calidade, máis riqueza. Querémolo porque da capacidade que teñamos para conseguilo dependerá en boa medida o noso futuro.

En 2025 seguiremos defendendo os intereses de Galicia, e a solidariedade e a igualdade como valores de progreso. Seguiremos reclamando trens e autovías á altura do que demanda e precisa esta terra puxante. Seguiremos promovendo o retorno dos galegos do exterior que queiran reiniciar o seu proxecto de vida aquí. En 2025 seguirémonos acordando dos nosos compatriotas valencianos, e a nosa man continuará, coma sempre, tendida cara quen o precise.

En definitiva, en 2025 traballaremos para que, cando chegue o final do ano, poidamos botar a vista atrás con orgullo, como fixemos neste 2024: con acertos e erros, pero coa satisfacción de telo dado todo. Ás portas dun novo inicio non podo  prometer que nunca nos equivocaremos, pero si podo prometer que xamais baixaremos os brazos: ao fin e ao cabo, somos galegos e os galegos non nos rendemos. Ese é o noso estilo.

Por un 2025 cheo de saúde e felicidade para todos.

Alfonso Rueda

Naceu no ano 1968. Está casado e ten dúas fillas. É licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago e ten o diploma de Directivo da Xunta de Galicia. Funcionario de Administración Local, con habilitación nacional, categoría superior.

Foi secretario nos concellos de Cervantes, A Cañiza, e Cambados e secretario-interventor da Mancomunidade da Paradanta. Ocupou os cargos de xefe do Gabinete da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e de director xeral de Administración Local da Xunta de Galicia.

É presidente do Partido Popular de Galicia. Foi conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza desde abril de 2009 e vicepresidente desde 2012. No ano 2020 foi nomeado vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo.

Desde maio de 2022 é presidente da Xunta de Galicia.