O cárcere da Torre: 30 millóns de excusas
Unha reflexión sobre cómo o cárcere da Torre, na Coruña, esmorece pouco a pouco sin que ningúnha administración se decida a rehabilitala
Abríuse estes días de novo, e van xa 13 anos, o eterno debate da antiga prisión provincial da Coruña. As diferentes corporacións municipais e estatais que levan mandando ao longo deste tempo, non fixeron absolutamente nada por coidar e alomenos, evitar a degradación tipo gota malaia que acompaña ao espazo dende a súa falta de actividade penitenciaria no 2009. Unhas e outras institucións, véxase Concello da Coruña, SIEPSE, Xunta de Galiza e Goberno de España amosan nesta andaina unha total e absoluta indeferenza co edificio. A veciñanza está farta de ver como un lugar fronte á Torre de Hércules estase convertindo nun pozo de insalubridade, perigo extremo para quen teña a curiosidade de entrar, agora que xa se volve poder grazas a que alguén forzou a porta, e como vai esmorecendo pouco a pouco e con el toda a memoria de represalias, sentimentos e falta de liberdade que constituía o seu devir cotiá.
A día de hoxe, a cifra de 30 millóns que algún illuminati sen ningún tipo de razón puxo como cifra da rehabilitación (sen ter a máis absoluta idea dos usos futuros), é a excusa perfecta para que o cárcere siga laiándose mudamente cara o precipicio da ruina. Non debe bastar unha cifra para impedir a súa degradación se realmente houbese vontade de rescatalo da inmundicia no que se autoinmola grazas a todas as institucións que poden ter man en arranxalo.
Está probado pola península adiante que hai formas de rehabilitar edificios lonxe de orzamentos millonarios. Andalucía, Catalunya, Euskalerría ou na propia Comunidade madrileña hai exemplos contundentes de que a autoconstrución é un valor social, participativo e vinculante á hora de tecer comunidades. Xa non falemos de Europa adiante.
Outro aspecto que hai anos non forma parte do discurso do voto político son as Escolas Obradoiro, que dan traballo e formación a persoas en risco de exclusión social. Disto nin se fala, non vaia ser que saia ben e por un custe maís ou menos medido, haxa xente que saia capacitada para ter un futuro mellor e o edificio se reconstrúa facendo labor social.
Queda claro que sen un uso, ou varios, determinados aínda de toda a morea deles que xurdiron todos estes anos, 30 millóns de euros non son unha cifra á que lle facer caso. Urxe, iso si, a inmediata intervención sobre o cárcere se é que se quere preservar a memoria e integridade dunha edicifcación singular nunha contorna única e non lamentarse cando pasen anos do que puido ter sido e non foi.
Son só uns exemplos que non espertan ningún interese das institucións porque aínda non se deron conta da cantidade de votos que poderían arrastrar este tipo de inciativas que tentan rescatar persoas do precariado e ao mesmo tempo fan de lanzadeira a novas oportunidades.
Como diría o relator especial da ONU que fixo unha visita ao Estado no ano 2019: “España ten unha mentalidade burocrática profundamente arraigada en moitas partes da administración que valora os procedementos formalistas por riba do benestar das persoas.” Phillip Alston Relator especial da ONU.