El grupo The Rapants.

El grupo The Rapants. Andrea Sánchez

Música

The Rapants: "Os sold outs en Santiago pilláronnos por sorpresa e estamos moi agradecidos"

O grupo de Muros estrea este xoves 14 de marzo o seu novo traballo, ‘La máquina del buen rollo’. A banda vive un gran momento tras esgotar entradas para os seus concertos na Capitol

12 marzo, 2024 05:00

O grupo The Rapants publica este xoves 14 de marzo o seu novo traballo, La máquina del buen rollo, un dos lanzamentos do ano na música galega. O cuarteto de Muros está a vivir o seu mellor momento e fixo dous sold outs para a presentación do seu novo traballo, que levará a cabo na Sala Capitol de Santiago de Compostela o sábado 23 e o domingo 24 de marzo.

Para coñecer todos os detalles deste novo traballo e as sensacións dun grupo que está a causar furor na escena galega falamos con Xanma (guitarra e voz), que forma The Rapants con Samuel (guitarra e voz), Matías (baixo) e Xaquín (batería).

Estreades novo disco, La maquina del buen rollo, que nos podes contar sobre este traballo?

Estamos moi ilusionados e un pouco asustados. Estamos con ensaios, entrevistas, preparando merchandising… estamos aí expectantes. O anterior disco funcionou moi ben e queriamos facer algo distinto e dar un pasiño máis na nosa evolución. Vai molar mogollón e vai facer bailar á xente.

Estades nun gran momento, esperabades tanto éxito?

Tanto non, estamos sorprendidos coa acollida de O corasón como un after e dos dous singles de este disco. Os dous sold outs na Capitol pilláronnos por sorpresa e estamos moi agradecidos ó público.

Unha das claves é ese bo rollo que lle transmitides ao público

Saímos agora de comer e viñemos á Casa das Ciencias na Coruña e estabamos cunha excursión de nenos de Sexto de Primaria (risas). Estamos sempre priorizando pasalo ben. O disco fala un pouco diso, aínda que hai letras de amor algo máis tristes, pero nós afrontamos así a vida, con esa ilusión de que aínda que a vida vaia mal, prendemos as luces e a música como o saltamontes, e intentamos gozar o máximo posible.

Como se mantén o bo rollo nun grupo de música?

Con boa comunicación. Na anterior xira xa pasamos moito tempo xuntos. Somos catro amigos que nos coñecemos desde pequenos e sabemos como tratar os uns cos outros. O importante é saber como están os demais, se un está angustiado por algo que o conte, e iso é moi importante para levar o día a día.

Como xurdiu a idea de facer unha banda?

Levabamos tempo tocando en distintos proxectos e nas escolas de música de Muros e Carnota, onde chegamos a coincidir os catro. Fixemos unhas cancións e para tocalas necesitabamos unha banda, chamamos a Xaquín e a Matías que nos dixo que nin de coña iba a tocar o baixo, pero non lle quedou outra (ríe).

O nome a que se debe?

O nome vén de que a Samuel un día botando unha pachanga preguntáronlle que comera para xogar tan ben e empezaron a chamalo o rapante. Así que cando fundamos a banda xa non houbo marxe para buscar un nome, todos eramos os rapantes.

Falabas dos concertos de Santiago que houbo sold out, por que pensas que a xente ten tanta ganas de vervos?

Eu creo que somos naturais e auténticos tanto nos concertos como no día a día. O público conecta con iso, a xente vén buscando un concerto de rock e atopa moito máis que iso, é unha hora para evadirse e divertirse.

Que se vai encontrar a xente nese espectáculo?

Pois as cancións de sempre e do disco novo, ademáis de bastantes sorpresas nas que estamos traballando e que nos teñen angustiados agora mesmo.