Roberto Vilar celebra 30 anos de traxectoria: "Agora os cómicos imos con coidado de non molestar"
Falamos co humorista sobre os seus inicios, como rematou traballando na televisión sendo un rapaz de aldea e como viviu a evolución da comedia nos últimos anos: "Como cómico buscas a risa, e cando atopas o que estás a buscar é precioso"
24 marzo, 2024 05:00Non hai galego que non recoñeza a súa cara. Actor, humorista e presentador do popular programa Land Rober, Roberto Vilar leva formando parte do noso día a día 30 anos. Tres décadas nas que lle deu tempo a pasar por programas como Con perdón, co que debutou, O show dos Tonechos ou os actuales Land Rober e Quen anda aí.
Comezou traballando na cadea detrás das cámaras, pero rápido descubriu que tiña alma de "pintar a mona". A convicción e a sorte déronlle unha oportunidade, mais o seu talento e boa conexión co público levan mantendo a súa carreira dende entón.
Inmerso no seu novo espectáculo, Celebreixon, Roberto Vilar cóllenos o teléfono para falar sobre esa xira de aniversario que ten entre mans, e tamén sobre todos estes anos de vivenzas e traballo que está agora a festexar.
Defíneste como comediante e jallejo, en que orde?
Moi boa pregunta! Non teño orde clara porque eu uso jallejo como adxectivo de comediante. Dentro dos comediantes hai comediantes bos, comediantes malos, comediantes tailandeses e comediantes jallejos é o que me define a min, ser comediante e jallejo. Dígoo a moita honra porque considero, e moita outra xente máis lista ca min, que o humor galego é moi superior a moitos sentidos do humor.
Que é a comedia?
Vivir co sentido do humor moi presente, tomarse todo co maior sentido do humor posible. A comedia é unha forma de vivir, é unha medicina contra as putadas da vida. É saber rirte de ti mesmo cando te equivocas, que agora esta moi de moda ter medo a equivocarte, e sempre fai que te sintas mellor.
Empezaches como cámara e axudante de realización na TVG, pero rápido deches o paso á pantalla. En quen te fixabas neses inicios? Quen eran os teus referentes?
Os que gañaban máis (risas). Eu vía que os que estaban diante da cámara gañaban máis e entón decidín que quería estar aí. Penso que tiña que ter no meu interior esa alma de pintar a mona porque cando traballaba detrás da cámara chamábame moito a atención. Tíveno claro, fun con determinación cara iso e tiven sorte.
Como sentou na túa aldea, en San Cristobo (Xove), esa primeira aparición en televisión?
É unha aldea moi pequena, deben quedar uns 15-20 habitantes, e eu crieime co soño e case a angustia de saír de alí e coñecer outros sitios. Entón para min foi moi emocionante volver á aldea e que a xente, en especial os meus avós, se sentiran orgullosos de min. Meu avó sentíase moi orgulloso cando os veciños lle dicían "vin ó teu Roberto na tele".
Nese momento soñaban os rapaces de aldea con ser estrelas da televisión?
Non, para nada. Nós pensabamos que eso non era para nós, que estaba reservado para a xenta que nacía en Madrid, en Barcelona o na Coruña como moito. Eu non cría con 10-12 anos que os da aldea podíamos saír na televisión. De feito, os nosos pais non nos criaron niso para protexernos de desilusionarnos se non o dabamos conseguido. Cando máis maior descubrín que si que podía foi coma cando Joaquín Sabina descubriu que podía vivir de ser cantante sen cantar (risas).
Sin soñalo levas 30 anos vivindo de facer comedia. Que balance fas da túa traxectoria?
Milagre! Para min é un milagre! 30 anos podendo facer comedia, divertíndote e podendo vivir ben diso é un auténtico milagre. E que 30 anos despois poida facer esta xira, Celebreixon, por toda Galicia e que estén os teatros cheos é un regalo e un auténtico milagre. Cada ano que pasa síntome máis afortunado.
Supoño que este aniversario levaríate a botar a vista atrás…
Mira que non son nada melancólico, pero que sí que me pasou. O que máis vin botando a vista atrás foi todo o que aprendín de cando as cousas non ían ben. Parece unha frase feita pero é verdade, cando máis aprendes é cando sufres. É unha pena que teñas que sufrir para aprender, pero así me pasou.
Cambiou tanto como din a forma de facer comedia?
Si que cambiou si, e é normal que cambie porque supoño que os que facemos a comedia tamén cambiamos, pero sobre todo cambiou a forma de recibir a comedia. É curioso, pero canta máis importancia se lle deu ó humor, pero foi. Agora apareceu un montón de xente que se ofende cando a única comedia que ofende, para min, é a que intenta facer dano.
É algo que tes en conta agora á hora de facer comedia?
Todos medimos máis agora e quen diga que non minte. Agora os cómicos e as cómicas andamos con coidado para non molestar e iso non debería ser así. Hai unha parte de medición que está ben porque hai cousas que se metían no humor que estaban mal, pero hai outras que non se deberían medir tanto. Agora moitos cómicos din "non quero líos, non fago este chiste".
Despois de 30 anos estás a probar algo novo, a experiencia de xirar en solitario. Como o estás vivindo?
Está sendo moi emocionante, moi bonito o que está pasando no teatro. É un espectáculo de 100 minutos que está viaxando por toda Galicia e a verdade é que están todos os teatros cheos. A reacción do público é do máis bonito que me ten pasado nesta profesión.
Non é un show de comedia ó uso, que vai atopar a xente?
O bonito é entrar ó show con canta menos información posible, pero xa que estamos falando… é moi distinto, viaxamos 25 persoas co espectáculo e sucede algo moi sorpresivo. A xente espera un monólogo, un stand up e non é así. O espectáculo transita a comedia, o monólogo, o sketch, a emoción… é unha grande homenaxe á comedia.
Seguro quedan moitos anos por diante, pero se quedaras aquí coa comedia, que recordo quererías deixar?
O máis bonito que lle pode pasar a un cómico é que lle digan que se ríen con el. O máis bonito para min é cando me paran e me din de familias que xa morreron "gracias, fixeches rir moito a miña nai nos momentos malos". Eso é o que quero deixar, porque como cómico buscas a risa e cando atopas o que estás a buscar é precioso.