'Cigarróns' do Entroido de Verín, Ourense

'Cigarróns' do Entroido de Verín, Ourense turismo.gal

Opinión

Entroido en Galicia: o atractivo moderno dunha festa ancestral

O director de Turismo de Galicia pon en valor unhas das grandes festas do ano e que xa é unha mostra da cultura galega 

Publicada

O Entroido constitúe unha das celebracións grandes do ano en Galicia. Distintas mostras desta festa, a medio camiño entre o paganismo e a relixiosidade, percorren o territorio, actualizando cada ano rituais e personaxes cunha orixe que se remonta a tempos antigos.

Nas últimas décadas, os Entroidos están reivindicándose como celebración festiva á par que como mostra cultural representativa dunha bagaxe tradicional, que reúne patrimonio material e inmaterial. A súa singularidade levou a que varios dos carnavais fosen recoñecidos como Festa de Interese Turístico. Supoñen, en total, 11 das máis de 130 celebracións en Galicia. Tamén fóra destas fronteiras: o de Xinzo de Limia acadou a consideración de interese internacional, mentres que o de Verín conta co recoñecemento nacional.

Laza, Maceda, Foz, Os Xenerais da Ulla, Cobres, Marín, Viana do Bolo, Manzaneda e Vilariño de Conso teñen esta distinción a nivel Galicia, se ben estes tres últimos están en trámites para lograr tamén a consideración de Festa de Interese Turístico Nacional. Apoiamos a tramitación necesaria ante o Goberno central para que en Viana do Bolo, Vilariño de Conso e Manzaneda acaden este recoñecemento, o que sen dúbida dará un novo pulo a unha festa que está a experimentar un novo auxe.

Non é para menos. A mestura de celebración, costumes, música, baile e gastronomía consegue atraer a persoas da terra e foráneas, a públicos adultos e máis novos. Cada Entroido ten a súa idiosincrasia e está definido por uns costumes propios. Como propios son tamén os protagonistas de cada celebración, que varían dun lugar a outro: pantallas en Xinzo de Limia, cigarróns en Verín, peliqueiros en Laza, boteiros en Viana do Bolo e Vilariño de Conso, mázcaras en Manzaneda, felos en Maceda, madamas e galáns de Cobres, xenerais e correos da Ulla.

Estas personaxes encarnan o mellor do carnaval: a mestura de disfraces e baile, de troula e ritos. Únenselle unha serie de tradicións, ás veces comúns entre localidades. É o caso dos fulións ou folións que transitan por distintas poboacións da provincia de Ourense. Estas particulares embaixadas musicais desfilan entre parroquias ao son dos tambores e dos instrumentos que portan quen as forman, moitas veces instrumentos de labranza aos que se lle consegue sacar a música. Os xoves de compadres e comadres e os domingos fareleiros anticipan os días de Entroido desde semanas antes. Ao tradicional enterro da Sardiña hai que engadir en varias zonas a queima ou colga de lardeiros ou mecos. Os intercambios entre a veciñanza poden facerse a cabalo, como é o caso dos Xenerais do Ulla, ou a través de rápidos diálogos cargados de retranca, como nas fuliadas.

A festa non estaría completa sen unha proposta gastronómica á altura da celebración. O Entroido é sinónimo en Galicia de cocido, orellas e filloas, pero máis aló desta proposta hai toda unha serie de variedades que atopan o seu momento de gracia nestas datas. É o caso, por exemplo, da Festa da Androlla de Viana do Bolo, que en 2025 acada a súa 53 edición poñendo en valor este embutido feito con costela e outras partes do porco. Ou a veciña Festa do Cabrito de Vilariño de Conso, con 36 edicións, centrada neste animal, propio das montañas da zona.

Recoñecer e coidar estas festas, transmitir o pasado para que teña futuro, constitúe unha tarefa esencial das labores de Turismo de Galicia. Este tipo de celebracións permiten ás persoas que veñen de fóra coñecer a nosa terra a través dunha vivencia distinta, en contornas fóra das rutas máis habituais e nun momento do ano no que o nivel de visitantes é menor e, por tanto, poden ter unha experiencia máis auténtica.

Por todo elo e por moito máis, o Entroido é para nós un instrumento de gran valía para seguir avanzando en desestacionalización do turismo arroxando datos de incremento de visitantes coma o rexistrado en febreiro de 2024 que sumou un 1,4% máis con ao ano anterior. Tradición, cultura, arraigo, gastronomía son a combinación perfecta para atraer cada ano máis visitantes e para afianzar o turismo como motor económico do desenvolvemento da Comunidade. Sigamos pois!